O 20% dos consumidores non len a etiquetaxe dos produtos alimentarios que compran

Segundo un estudo de IMOP e Berbés Asociados. Os enquisados demandan unha etiquetaxe dos produtos alimentarios máis visible e que se informe sobre posibles alérxenos.

O 20% dos consumidores non len a etiquetaxe dos produtos alimentarios que compran

Os consumidores cada vez demandan máis información.

IMOP, unha firma especializada na realización de estudos de opinión, e Berbés Asociados puxeron en marcha un traballo para solicitar a opinión dos españois en referencia a cuestións sobre a etiquetaxe alimentaria cuxa nova lexislación entrou en vigor a finais do pasado ano.

O obxectivo do traballo, feito a través de 754 entrevistas telefónicas, era coñecer se con esta etiquetaxe se cumpren coas esixencias da poboación respecto á información presente na etiquetaxe e tamén saber a que se pon máis atención á hora de comprar produtos alimentarios.

Segundo os resultados obtidos, arredor do 19% da poboación española non le as etiquetas dos alimentos que consumen, sendo a comprendida entre 25 e 34 anos a máis atenta á información da etiqueta (só o 9% non a le) e a poboación de entre 55 e 64 anos a que máis descoida este aspecto (un 25% deles non len as etiquetas).

Non obstante, entre aqueles que si poñen atención ás etiquetas informativas no momento da compra, destacan por enriba do resto os que están de acordo coa vixente etiquetaxe e non botan nada en falta neste, que ascenden a un 28% dos consumidores.

Demandan unha etiquetaxe máis visible e que se informe sobre posibles alérxenos

Respecto ás reclamacións máis pronunciadas polos españois encóntrase unha maior visibilidade da etiquetaxe (14%), elección que se incrementa co aumento da idade dos consumidores. Tamén se demanda unha maior información sobre os posibles alérxenos que conteñan os produtos (9%), opción citada principalmente polas persoas entre 25 e 34 anos, e sendo bastante menor entre os máis maiores.

Unha mellor visibilidade da data de produción e de caducidade (9%), máis información sobre a composición do produto, conservantes e ingredientes (7%) e a orixe deste (7%) son outras das reclamacións principais dos españois na enquisa realizada.

En menor medida, a poboación española seleccionou como aspectos a mellorar na etiquetaxe máis información sobre valores nutricionais (6%) e maior claridade dos contidos (6%). Con porcentaxes máis baixas solicitaron información sobre as graxas trans, sobre os transxénicos e sobre o proceso de fabricación. Ademais, arredor dun 4% dos consumidores sinala outras opcións e outro 4% non sabe ou non quere contestar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información