“Nunca aconsellaría substituír o leite por bebidas vexetais se non hai unha razón de saúde”

Entrevista a Bárbara Romano, especialista en Nutrición Humana e Dietética do Hospital Clínic de Barcelona. Este venres 1 de xuño celébrase o Día Internacional do Leite

“Nunca aconsellaría substituír o leite por bebidas vexetais se non hai unha razón de saúde”

Este venres 1 de xuño celébrase o Día Internacional do Leite, instaurado no ano 2001 pola FAO, a organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, para darlle ao leite un valor universal

Porén, o consumo deste produto descendeu en España case un 30% desde o ano 2000, o que preocupa aos expertos en nutrición, e que se atribúe a informacións falsas sen base científica que se divulgan por internet e demais medios de comunicación.

Para falar sobre a importancia do consumo de leite e de derivados lácteos para unha alimentación sa e equilibra entrevistamos a Bárbara Romano, especialista en Nutrición Humana e Dietética do Hospital Clínic de Barcelona, que participa na campaña de Bayer  #EsLaLeche.

Que beneficios achega á saúde humana o consumo de leite? Por que se di que debe formar parte da nosa alimentación diaria?
O leite é un alimento moi completo porque achega proteínas de calidade, hidratos de carbono (lactosa), graxas, vitaminas (A, D, B12) e minerais (calcio, fósforo, potasio…). É unha boa fonte de calcio e ademais este absórbese con facilidade grazas a outros nutrientes que presenta, como a lactosa e a vitamina D.

En que etapas das nosas vidas é máis necesario tomar lácteos?
Sempre é beneficioso tomar lácteos xa que as necesidades diarias de calcio pódense cubrir con facilidade tomando un par ou tres racións ao día (unha ración é un vaso de leite, dous iogures, unha callada, 40g de queixo semicurado ou 80g de queixo fresco).

Quizais durante a infancia, o embarazo e o período de lactación, así como na terceira idade hai que facer máis fincapé no consumo de calcio e entón os lácteos poden resultar unha gran opción.

 “Nunca aconsellaría substituír o leite por bebidas vexetais se non hai unha razón de saúde”

Os mal chamados “leites vexetais”, ¿Teñen as mesmas propiedades nutritivas que o leite de vaca e pódeno substituir, mesmo na infancia?
Non conteñen o mesmo aporte de nutrientes, especialmente o de calcio e proteínas: as bebidas vexetais achegan menos cantidade de ambos e dunha calidade menos asimilable polo noso organismo. A máis similar podería ser a de soia sempre que estea enriquecida en calcio, se non, é deficitaria neste mineral e non podería compararse ao leite de vaca. Tamén hai que ter en conta que estas bebidas vexetais adoitan levar azucres engadidos polo que é importante ler as etiquetas antes de compralas.

Aínda e así, nunca aconsellariamos substituír o leite por bebidas vexetais se non hai unha razón de saúde, diagnosticada por un médico, que así o aconselle porque o aporte nutricional é moi diferente.

¿Por que se está deostando nos últimos anos o consumo de leite e de derivados lácteos por parte dalgúns sectores? ¿Hai unha base científica?
Non hai base científica de calidade que demostre este cambio tan pronunciado no consumo deste grupo de alimentos. Os estudos científicos que están en contra do leite son estudos observacionais: quere dicir que están valorados a base de estatísticas, non influíndo directamente nun grupo de individuos para que modifiquen a súa alimentación e así poder atopar unha relación directa.

 “Sen base científica, atribuíuse unha mala fama ao leite”

Quero dicir que nestes estudos poden existir varios factores que inflúan e non só o leite, polo que non se lle podería achacar toda a culpa de maneira tan directa. Despois están os consellos ou comentarios que se ouven pero que, de novo, non teñen base científica, só se lles quixo atribuír unha mala fama.

Os críticos co consumo de leite de vaca din que tomar leite despois da lactación é algo antinatural. É así?
Moitas cousas das que facemos os humanos son antinaturais. Ocórrenseme moitas: voar, cociñar, crear robots que nos fagan a vida máis fácil, etc. Considero que tomar leite non é antinatural, simplemente atopamos un bo alimento e adaptámonos ao seu consumo a nivel orgánico desde fai miles de anos.

Outra crítica que se apón aos lácteos é que son prexudiciais para o colesterol e enfermidades cardiovasculares, ¿Que hai de certo?
Este é un tema que está a cambiar desde fai relativamente pouco. Sempre se dixo que a graxa do leite e lácteos é saturada e que, como tal, afecta á saúde cardiovascular. Agora viuse que é un tipo de graxa que non é tan prexudicial como criamos e tamén se demostrou que unha dieta con aporte moderado de graxas axuda ao control de peso, aspecto que adoita ir relacionado coas enfermidades cardiovasculares.

Aínda así, considero que aínda faltan estudos para poder cambiar totalmente as recomendacións pero hai que lembrar que o aporte de graxa do leite pode alcanzar o 3.5% do total do produto: unha cantidade aceptable para todo o que achega.

¿Que hai de mito e de realidade na crecente intolerancia á lactosa?
A porcentaxe de persoas con intolerancia á lactosa é máis elevada nos países da conca mediterránea que, por exemplo, nos países do norte de Europa. Aínda así, as porcentaxes poden roldar o 20% e é certo que, coa idade, a tolerancia adoita ser menor. O resto de poboación que eliminou a lactosa da súa alimentación é porque recibiu moita información negativa sobre iso e decidiu eliminala.

O problema é que a lactasa, a encima que produce o noso intestino para dixerila “fabrícase” só en presenza de lactosa na dieta. Por tanto, se durante un tempo eliminamos a lactosa por completo e un día tomamos un cortado ou un iogur, temos moitos números de que nos sente mal. Iso non quere dicir que sexamos intolerantes á lactosa “por natureza”. Neste caso provocamos esa intolerancia pero, afortunadamente, se a reintroducimos de forma progresiva con iogures e queixos, volveremos dixerila sen problemas.

“Se non tomamos lactosa o noso corpo deixa de producir lactasa para dixerila”

Por outra banda, a intolerancia á lactosa diagnosticada por un médico pode presentarse en diversos graos. Hai xente que non tolera nada, xente que tolera un pouco de queixo, outra un ou dous iogures e algúns ata medio vaso de leite pero, se toman un vaso enteiro notan síntomas como gases, diarrea, etc. Con isto quero dicir que tamén é importante coñecer o grao de intolerancia porque quizais esa persoa pode seguir gozando do consumo de lácteos en cantidades máis pequenas que a poboación sa.

Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame lembrar que hai uns anos, non tantos, o consumo de leite era comunmente aceptado, moi poucos non a toleraban e non se expuñan grandes dúbidas sobre o tema. É certo que a ciencia avanza, e máis en nutrición, pero tamén hai que saber valorar a información que se nos dá e ser un pouco cautelosos, especialmente coas fontes de información.

Se aínda e así seguimos con dúbidas, o máis adecuado é preguntar ao noso profesional da saúde de confianza para que nos indique que facer no noso caso persoal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información