As Nogais rende tributo o 26 e 27 de maio a un dos produtos galegos por excelencia na Feira da Empanada

A cita, que chega á decimoterceira edición, une gastronomía, festa e tradición e serve tamén de escaparate e punto de venda doutros produtos dos Ancares 

As Nogais rende tributo o 26 e 27 de maio a un dos produtos galegos por excelencia na Feira da Empanada

A empanada é sen dúbica, xunto co caldo ou o polbo, un dos produtos emblemáticos da gastronomía galega. E empanadas hainas case de tantas cousas como poidamos imaxinar, pero falar de empanadas nos Ancares é falar das empanadas de liscos ou de carne, tradicionais nesta zona. Son elas as verdadeiras protagonistas da celebración que cada ano organiza a Asociación de Empresarios das Nogais (Adean) en colaboración co Concello  e que volverá xuntar a centos de persoas a última fin de semana deste mes.

A Feira da Empanada das Nogais chega á súa decimoterceira edición cun programa repleto de actividades, que unen a gastronomía, a tradición e a festa e que comezará o sábado 26 cunha charla cultural ás 7 da tarde sobre os camiños históricos na terra de As Nogais a cargo do doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC, Javier Gómez Vila, que falará do paso de lexionarios, peregrinos e arrieiros pola comarca dos Ancares. Será tamén el o encargado da lectura do pregón ao día seguinte, previsto para a unha do mediodía, tomando o relevo doutros persoeiros como o historiador Xabier Moure, o presidente da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac), Márcos Vázquez, o escritor e avogado Gerardo Pardo de Vera ou o piloto de ralies Diego Vallejo.

Trala charla de Javier Gómez Vila as actividades continuarán o sábado cos concursos de empanadas e de repostería, o primeiro pensado para a participación de persoas adultas e o segundo de nenos e nenas, cun xurado formado por membros da organización e por persoas escollidas ao chou entre o público. Os premios do concurso serán entregados ao día seguinte tralo pregón e coma todos os anos haberá elaboracións sorprendentes tanto polos ingredientes empregados como pola presentación ou a innovación. Na edición pasada, por exemplo, foron premiadas empanadas de coello, carne de cachena, zamburiñas e peixe ou de touciño e roxós. A cea do sábado será unha touciñada e chourizada popular de balde a partir das 9 da noite e a continuación seguirá a festa coa verbena que amenizará o Grupo Iris.

O domingo será o día grande coa celebración da Feira a partir das 10 da mañá e na que, ademais do pan e as empanadas procedentes de panaderías da zona e doutras chegadas do resto da provincia de Lugo, teñen cabida outros moitos produtos da comarca dos Ancares, como queixos, doces e embutidos. Entre o máis de medio cento de expositores que se congregan cada ano na praza da vila hai tamén produtores procedentes de comarcas veciñas, como O Courel ou a Ribeira Sacra, así como doutras zonas de Galicia ou do Bierzo, polo que tamén se pode mercar viño, cereixas ou artesanía de madeira, coiro, pedra ou outros materiais. Durante toda a fin de semana tanto nos postos de venda da Feira como nas tendas e establecimentos da vila repartiranse rifas con cada compra ou consumición para participar no sorteo de dous lotes de produtos da Feira valorados en 300 euros e que se entregarán o domingo ás 5 e media da tarde.

A Festa das Flores

A Feira da Empanada coincide coa Festa das Flores, na que se celebra en zonas de montaña coma esta a chegada do bo tempo e a fertilidade dos campos, polo que os nenos e nenas das Nogais son os encargados de lembrar todos os anos a orixe desta celebración ataviados con vestimentas brancas e adornos florais, nunha das representacións que aínda pervive da tradición dos maios na provincia de Lugo.

Da música tradicional encargarase, coma todos os anos, a Asociación Cultural Abrente das Nogais, que enchen de música, festa e alegría durante todo o día o recinto feiral ubicado no centro da vila. Entre os actos festivos principais estará unha representación dun filandón e unha ruada que terá lugar o domingo ás 6 e media da tarde, xusto antes da clausura da Feira, unha actuación coa que se pechará un ano máis a gran fin de semana que vivirá un ano máis As Nogais.

Unha cita consolidada e que vai a máis 

A Feira da Empanada das Nogais naceu no mes de maio de 2006 impulsada pola recén creada Asociación de Empresarios de As Nogais coa intención de organizar un evento que servira para dar a coñecer unha das zonas máis fermosas da montaña de Lugo. A cita comezou cunha pequena carpa onde se aloxaban 20 expositores de produtos que se elaboran na comarca. Dez anos despois a celebración está asentada plenamente, situada como unha das refrencias da primavera na comarca, e medra ano a ano, superando xa o medio cento de expositores neste momento.

Entre os habituais na Feira están tanto os produtores como as distintas industrias de transformación vinculadas ao sector primario existentes no concello, como as panadarías Ricardo, de As Nogais, e Nullán, da parroquia do mesmo nome, ou Amadora, na parroquia de Torés. Nos Ancares, igual que o pan, os produtos do porco teñen unha especial tradición. No concello das Nogais unha empresa, Embutidos Villabol, adícase aos derivados cárnicos é a fabricación artesá de embutidos e salazóns. Tamén acuden á Feira outros produtores locais de chourizos, queixos, coma Begoña ou Encarna, da parroquia de Viladicente, ou de mel, como Monteiro, de Villarín, ou Fermina, de Torés, que vende coa marca El Castillo .

Conservar a tradición e potenciar o turismo

Desde o Concello das Nogais queren conxugar dous elementos fundamentais para o desenvolvemento deste municipio da montaña lucense, conservar a tradición e potenciar o turismo. E a celebración desta feira de exhaltación dos produtos locais serve tamén para atraer todos os anos a numerosos visitantes a este concello que ten na riqueza paisaxística e patrimonial e na gastronomía os seus principais atractivos. Son numerosas as rutas de senderismo que permiten coñecer esta zona dos Ancares e visitar monumentos como a igrexa de San Andrés das Nogais, un dos máis importantes do municipio, da época románica e mozárabe e con valiosas pinturas no seu interior; a torre de Torés ou a igrexa parroquial de San Xoán de Torés, de marcado aire renacentista: ou o pazo e a torre de Doncos, unha das referencias míticas do medievo galego. O turismo constitúe un dos principais potenciais da comarca dos Ancares e a cita da última fin de semana de maio nas Nogais é un reclamo máis para coñecer o concello e un escaparate importante de todo canto ten que ofrecer ao visitante.

EMPANADA_AS_NOGAIS_1

EMPANADA_AS_NOGAIS_3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información