Navia de Suarna celebra o 11 de febreiro a súa tradicional Festa da Androlla

A cita, que chega á súa 28 edición, serve para poñer en valor este produto da matanza típico deste concello da montaña luguesa

Navia de Suarna celebra o 11 de febreiro a súa tradicional Festa da Androlla

Posto na festa da Androlla. / Arquivo.

O domingo de Entroido está marcado no calendario gastronómico galego como o día da androlla. Todos os anos nesta data o concello lucense de Navia de Suarna celebra a súa tradicional festa de exhaltación deste embutido, que este ano chega xa á súa 28 edición. Así pois, o vindeiro 11 de febreiro a praza da vila reunirá un ano máis ao numeroso público que acode a esta celebración que xira en torno a un dos produtos típicos deste concello da montaña luguesa.

O programa de actividades dará comezo ás 10 da mañá cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas e coa apertura a continuación dos 30 stands que acollerá a carpa ubicada na praza. Nela venderanse as androllas de numerosos produtores caseiros desta zona dos Ancares que as elaboran expresamente para esta cita e tamén as que fabrica a empresa Embutidos Suarna, unha firma local pioneira na comercialización deste protudo e que elabora ademais durante todo o ano todo tipo de embutidos. Entre os expositores tamén haberá vendedores de pan, doces, queixos, licores e todo tipo de produtos galegos, así como un amplo surtido de artesanía.

Contra a unha do mediodía terá lugar un dos actos centrais do día, a tradicional degustación gratuita de androlla entre os asistentes. As androllas cocíñanse na propia praza, á vista dos asistentes, e repártense de balde acompañadas de viño, pan e mesmo de postre, unha torta de pasas tamén típica desta zona. A feira e a música continuarán até media tarde.

A celebración desta festa gastronómica, unha das primeiras de Galicia, que se comezou a facer no ano 1991 e está organizada polo Concello de Navia de Suarna coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, contribúe á dinamización local e a manter viva esta tradición naviega da elaboración deste embutido de porco que nos últimos anos estase a converter tamén nun recurso económico para esta zona dos Ancares, que conta tamén con interesantes atractivos turísticos, como a Ponte Vella, de orixe romana, ou o castelo medieval dos Condes de Altamira, ademais de pallozas e numerosos castros.

Elaborada ao xeito tradicional nas montañas de Lugo e Ourense
A androlla é un produto cárnico elaborado de xeito artesanal resultante da mestura de costela (mínimo 90%) e coiros, que lle dá ao embutido graxa e xelatina que se traduce en sensación de xugosidade na boca). Convenientemente adobado o recheo durante uns tres días con allo, sal e pemento doce e picante é embutido en tripa natural procedente do intestino groso de porcino ou de vacún e posteriormente sométese a un proceso de afumadura con leña de carballo e de curación. O seu consumo realízase habitualmente logo de cocción.

A Xunta de Galicia iniciou o camiño da protección deste produto en setembro de 2008 e, unha vez superada a fase galega, falta a aprobación dos organismos comunitarios e a inscrición da IXP no rexistro de denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas. A zona xeográfica de elaboración da IXP Androlla de Galicia está formada por 12 concellos da provincia de Lugo e 17 da de Ourense, que constitúen unha estreita franxa que se estende, de norte a sur, na parte máis oriental de Galicia, abarcando a área máis montañosa da comunidade. Tamén se elaboran androllas en zonas limítrofes da vertente leonesa dos Ancares.

Un produto diferenciado

Aínda que semellantes, a androlla diferénciase do botelo (coñecido como butelo ou pigureiro nesta zona dos Ancares) en que só leva costela de porco e coiros, mentres que no botelo permítese ademais soá, carne magra de porco, ósos da cabeza e outros ósos con carne. Ademais, o botelo embútese en cegos, estómagos ou vexigas de porco, polo que o tamaño e o peso da peza é maior que o da androlla, que acostuma estar en torno ao medio quilo. O tipo de tripa empregado condiciona, ademais do tamaño, o aspecto diferenciado de ambos produtos: a androlla preséntase con forma cilíndrica e alongada, mentres o botelo é sempre moito máis grande que a androlla e toma a forma da tripa en que se embute, normalmente máis redondeada.

De cor vermella intensa debido aos condimentos empregados, a androlla é un produto normalmente máis curado que o botelo, cun aroma intenso a embutido afumado e curado. Ten un sabor moi agradable, en parte picante e en parte doce, que poderán comprobar todas aquelas persoas que se acheguen a Navia o vindeiro 11 de febreiro. E para ir facendo boca, aquí tendes o enlace ao vídeo da edición do pasado ano: Noticia de Lugo: XXVII Feira da Androlla de Navia de Suarna

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información