Monforte celebrará a maior Feira Medieval da súa historia os días 20 e 21 de abril

A edición deste ano inclúe a celebración de novos espectáculos e 117 postos de alimentación e artesanía nunha cita que prentende consolidarse como un dos maiores eventos da Semana Santa en Galicia

Publicidade
O alcalde monfortino, Tomé Roca (no medio), esta fin de semana durante a presentación da Feira

O alcalde monfortino, José Tomé Roca (no medio), esta fin de semana durante a presentación da Feira Medieval

Monforte de Lemos terá os vindeiros días 20 e 21 de abril a maior Feira Medieval da súa historia, que inclúe este ano a celebración de novos espectáculos e un total de 117 postos, o maior número desde que se comezou a facer esta cita fai xa 17 anos. Para levala a cabo foi necesario un investimento de máis de 68.000 euros, o que supón un incremento do 65% nos últimos catro anos.

O Goberno municipal quere consolidar a Feira Medieval monfortina como unha das citas imprescindibles da Semana Santa en Galicia. Precisamente, proba da implicación do Concello co evento é que desta volta incrementouse en 7.466 euros o orzamento destinado ás actividades. Deste xeito, o orzamento total destinado a organización e promoción da Feira alcanza este ano os 68.265,02 euros, un 12% máis que no ano anterior (41.127,17 euros) e un 65% máis con respecto ao orzamento de hai catro anos.

Tal e como salientou José Tomé Roca, alcalde de Monforte na presentación do Programa Oficial da Feira Medieval que tivo lugar esta fin de semana durante a celebración do Mercado Medieval da cidade, “isto tivo como consecuencia un crecemento continuado da propia Feira Medieval, aumentando a superficie da cidade que se destina á celebración do evento e incrementando en preto de 40 os postos de diferentes mostras e sectores relacionados co artesanía, hostalería e outras actividades”.

A capital dos condes de Lemos rememora o seu pasado cunha feira que cumpre 17 anos

Este ano consolídase o Campamento Medieval, coa Asociación de Recreación Histórica Cabaleiros de Ulver, o cal desenvolverá multitude de actividades e obradoiros, e incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do Medievo.

Por outra banda, consolídase tamén a ubicación do espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Águilas de Valporquero” que este ano vaise volver a realizar no Campo de San Antonio, un lugar axeitado para este tipo de espectáculos por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que polo tanto non provocan estrés nas aves.

Do mesmo xeito, mantense a programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, ubicando o Campamento Infantil Medieval no escenario que xa se utilizou o pasado ano xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos e torneos para os máis pequenos. E volverá a contarse coa Caravana de Burriñas que terá como campamento base a praza de Doctor Goyanes.

O alcalde salientou tamén que “unha das colaboracións importantes que ten o Concello para a celebración desta XVII Feira Medieval, é coa Asociación de Artesáns de Monforte, que conseguimos recuperar recentemente e eles encargaranse un ano máis da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos e que cada ano está crecendo con novos elementos que amplían as instalacións.”

Este ano, por terceira vez consecutiva haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira. E tampouco faltarán as Xustas Medievais que especialmente atraen ó público máis xoven e que cada ano atraen a miles de visitantes que ateigan este este exitoso espectáculo. As Xustas seguirán tendo como escenario o campo de terra dos Pais Escolapios.

Novas actividades

Os doces locais estarán representados na Feira Medieval

Os doces locais estarán representados na Feira Medieval

A Feira Medieval contará, como cada ano, con novidades que pretenden facer máis atractivo o evento e consolidalo como unha referencia cultural e turística que cada vez atraiga a máis visitantes. Neste senso, resaltar da programación a actuación de xigantes, bufóns e artesáns que continúa aumentando na praza de España. Concretamente ás 12 horas da mañá do sábado, uns preogeiros desenvolverán un espectáculo no que nos informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúda do Alcalde para declarar aberta a XVII Feira Medieval de 2019 de Monforte.

Dado que é todo un éxito a actividade do sábado pola noite na que os visitantes suben ata San Vicente, este ano auméntase o número de fachos de 160 a 200, que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores. Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa, como figura no programa producíndose entre o sábado e o domingo un aumento de 6 espectáculos.

Novos espectáculos de acrobacias e lume completarán as actividades do sábado e do domingo

Ademais das descritas, unha das novidades importantes é que na praza de España haberá un espectáculo diferente que será realizado por acróbatas que deleitarán con diferentes números combinados de artes de acrobacia e técnicas aéreas. Ao mesmo tempo, espectáculos de lume seguirán tendo un protagonismo importante na Feira Medieval e este ano farase un novo espectáculo combinado de técnicas de manipulación de lume e a maxia da pirotecnia fría con música, danza e malabares, culminando cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos faroliños co que finalizarán as actividades do sábado.

Este ano ampliase a decoración da Feira Medieval en 5 rúas ou zonas da cidade, como vai ser na rúa Hortas, Doctor Casares ata o IES Daviña Rei, Costa da Pena, zona do Parador e unha nova decoración na Torre da Homenaxe.
En relación co Parador o Alcalde indicou que “a nova directora do mesmo quixo ter unha maior implicación de tal xeito que recupera a Cea Medieval no Parador de Turismo para que poida degustala calquera cidadán que se decida achegarse ata as súas instalación”. Todos os interesados deberán facelo a través do 982418484 ou en [email protected]

Incremento do número de postos

Este ano colocaranse 117 postos (en 2018 foron 111 postos), o maior número da historia da Feira Medieval, dos cales 56 son de artesanía, acreditados coa carta de artesanía da Xunta de Galicia, 34 postos serán de comercio e 27 postos para alimentación. Estes últimos estarán distribuídos entre a venda de productos gastronómicos que irán ubicados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ó longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da Régua.

O rexedor municipal concluíu a presentación indicando que “creo que hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 20 e 21 de abril esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, ós que convidamos a compartir con nós este evento que está a piques de chegar ás 20 edicións, que lle vai permitir ser declarado Feira de Interese Turístico de Galicia”.

Programa completo da XVII Feira Medieval de Monforte

Cartel da Feira Medieval de Monforte do ano 2019

XII FEIRA MEDIEVAL

XII FEIRA MEDIEVAL

XII FEIRA MEDIEVAL

XII FEIRA MEDIEVAL

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información