Maeloc, a gama de sidras galega

A marca, ubicada en Chantada, traballa só con mazás da comunidade e enfócase á recuperación de variedades autóctonas e cultivadas en ecolóxico. Vende en Estados Unidos, Europa e Asia

Publicidade
Maeloc, a gama de sidras galega

Área de recepción da mazá na planta de Custom Drinks, en Chantada. / Imaxes: Maeloc.

En Galicia, houbo de sempre comarcas tradicionais de maceiras, como Sarria, Lemos ou a Ulla, pero ata finais dos anos noventa, toda esa produción de mazás marchaba para Asturias ou aproveitábase só para autoconsumo. Daquela xurdiu unha empresa en Chantada que comezou a elaborar sidra galega coa intención de convertirse na gran referencia do sector en Galicia. No 2015, esa compañía, hoxe denominada Custom Drinks, procesou uns 2,5 millóns de quilos de mazá galega e produciu arredor de 1,6 millóns de litros, comercializados baixo a marca Maeloc.

Customs Drinks, que desde o 2004 é propiedade integramente da Corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), está a posicionarse no mercado en base á orixe da mazá, galega e preferentemente de variedades autóctonas como a pero, a raxó, a verdeñá, a príncipe ou a perezosa.

Proceso de envasado.

Proceso de envasado.

“Estamos a traballar nun proxecto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, co Centro de Experimentación e Formación de Guísamo e a Universidade de Santiago de Compostela para caracterizar as distintas variedades de mazás galegas e a súa aptitude para sidra”, explica Adán Veiga, responsable de Explotación de Custom Drinks.

O obxectivo final é trasladar toda esa información ós produtores de mazá. “O cultivo de mazás debe continuar a profesionalizarse en Galicia, tanto á hora de escoller as variedades máis axeitadas para plantar, como en canto ás prácticas de cultivo, para lograr maiores producións e de maior calidade”, valora Adán Veiga.

As perspectivas para a mazá en Galicia son de crecemento, segundo o responsable de Custom Drinks, que considera as plantacións de maceiras como unha oportunidade de xerar rendas complementarias no campo, sempre que se dispoña de superficie suficiente.

“Traballamos con prezos homoxéneos para o produtor, con independencia de se hai moita ou escasa colleita”

Comarcas produtoras
Os principais suministradores da sidrería sitúanse en comarcas da provincia de Lugo (Sarria, Lemos, A Ulloa, a comarca de Lugo, etc.) e tamén na comarca de Tabeirós, principalmente na Estrada, e incluso nalgunhas comarcas do sur, como Celanova, O Carballiño ou a comarca de Vigo. A empresa mantén acordos estables con cooperativas de produtores que foron xurdindo nos últimos anos, como Ullama (A Estrada), e traballa tamén con produtores particulares.

maza cultivo maeloc

Custom Drinks trata de fidelizar os seus suministradores, para o que traballa conxuntamente con eles na búsqueda de prezos estables. “A maceira é unha froiteira que se caracteriza pola alternancia. Combina un ano de boa produción con outro de produción menor. En anos de produción menor, como será este, os prezos tenden a alza pero nos anos de colleita abundante, a tendencia é toda a contraria. Nós preferimos traballar con prezos homoxéneos, pensamos que son máis favorables para a profesionalización do produtor e a continuidade da colleita”, defende Adán Veiga.

Produción ecolóxica
Xunto coa orixe galega da mazá, o segundo elemento de posicionamento no mercado da sidra Maeloc radica no sistema de produción ecolóxico. As principais gamas da marca, a natural, a doce e a extra, elabóranse só con mazás ecolóxicas, que cada ano acadan maior importancia en Galicia polo crecemento das plantacións novas. “A etiqueta ecolóxico ou bio enténdese en todos os mercados e ábrenos portas”, valora Adán Veiga.

A sidra Maeloc, que ten os seus mercados principais en Galicia e no resto de España, chega tamén a outros 47 países nos que están presentes as empresas da Corporación Hijos de Rivera. Estados Unidos, Alemania, Gran Bretaña, China, Xapón ou Filipinas son algúns dos mercados nos que se comercializa a sidra galega, que conta ademáis co distintivo Galicia Calidade como recoñecemento e garantía da orixe.

maeloc gama sidra

Cinco presentacións

Custom Drinks comercializa cinco tipos de sidra, orientados a distintos perfiles de consumidor e diferentes intres de degustación. Son a sidra natural, a doce, a extra -todas elas de produción ecolóxica-, a seca e a de sabores (fresa, mora e pera), estas dúas últimas producidas con mazás galegas convencionais.

Sidra natural. É un formato sen adición de azúcar nin de anhídrido carbónico, cun maior grao alcólico (5,5º). Presenta unha certa turbidez, pois conserva os posos do proceso de fermentación e non se filtra. É a típica sidra de escanciar. “A sidra natural atrae ó consumidor máis purista. Caracterízase por un aroma agradable e por un sabor agridoce”, destaca o responsable de Explotación en Custom Drinks.

Sidra doce. Fíltrase antes do seu embotellado e contén azucre. Ten menor grao alcólico, arredor de 4º e preséntase como unha bebida refrescante para comidas e para consumo en hostelería.

Sidra extra. É unha sidra doce cunha adición de anhídrido carbónico, o que lle proporciona as clásicas burbullas. Preséntase nunha botella achampanada e tómase popularmente nos postres, celebracións ou para determinadas comidas. O seu momento estelar é no Nadal.

Seca. A cantidade de azucre é menor que na sidra doce. “O sabor é máis amargo. É un produto cunha certa semellanza coas sidras francesas ou belgas”, sinalan desde Custom Drinks

Maeloc con sabores a pera, fresa e mora. É unha sidra de carácter refrescante, como a doce, que contén zumes frutais.

Coas diferentes variedades de sidras doces, Maeloc trata de chegar a un público máis amplo que o tradicional da sidra, un obxectivo para o que a empresa traballa decotío na formulación das súas bebidas.

O pico forte das sidras doces chega no verán, pero nos últimos anos hai unha tendencia a gañar maior consumo o resto do ano. A oferta sidrera de Custom Drinks complétase coa Maeloc sin alcol, unha bebida refrescante sen azúcres engadidos que incorpora Stevia, un edulcorante natural de gran acollida polos consumidores nos últimos anos.

Proceso de elaboración

A campaña sidrera adoita iniciarse a mediados de setembro. As primeiras mazás chegan a Custom Drinks das comarcas do sur de Galicia, que logran colleitas máis temperás. Unha vez que a mazá entra na adega, lávase e selecciónase de xeito manual, para evitar a entrada no proceso de follas ou de froitos en mal estado.

O seguinte paso é o troceado da mazá, en anacos de 2-4 centímetros. Con iso obtense un primeiro mosto, que adoita considerarse o de mellores características organolépticas. O prensado das mazás liberará o zume restante, que pasa a fermentar en tanques de aceiro e de fibra.

A fermentación dura normalmente arredor de 5-6 meses e as primeiras sidras estarán listas para o consumo no mes de abril – maio do ano seguinte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información