Lestedo pecha este domingo as celebracións de Entroido coa Festa da Filloa

Esta parroquia de Boqueixón agarda congregar a 20.000 persoas na celebración, que contará coa degustación popular do produto e con atranques dos Xenerais da Ulla

Publicidade
Lestedo pecha este domingo as celebracións de Entroido coa Festa da Filloa

Xornadas da filloa promovidas pola Festa da Filloa de Lestedo, esta semana na Galiciana.

A Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón, A Coruña), declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, chega este domingo 10 de marzo a súa XXXVI edición. O evento, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación da Filloa e a veciñanza da parroquia, ten xa a máis de 130 persoas traballando estes días na preparación da Festa, na que se prevé xuntar a unhas 20.000 persoas.

A Festa da Filloa comezará a partir das 12 horas da mañá no campo da festa da parroquia, no que se poderán degustar filloas, tanto soas coma con acompañamento de chourizos, panceta, rixóns ou con produtos doces, coma mel, nata ou crema. A máquina filloeira está previsto que produza unhas 1.600 filloas por hora, coas que se espera cubrir toda a demanda de produto ao longo da xornada festiva.

Tamén sobre o mediodía celebrarase a tradicional Parranda de Entroido no Campo da Feira. Media hora despois prevese, e se as condicións meteorolóxicas o permiten, o IV Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que participarán varias ducias de xenerais, correos e soldados ataviados con traxes da época procedentes de distintos municipios da bisbarra compostelá. O seu percorrido comezará no Hotel Vía da Prata e rematará no recinto da festa.

Xa ás 13.30 horas, terá lugar o pregón da Festa da Filloa de Lestedo, que correrá a cargo do xornalista de Onda Cero Santiago, Ramón Castro. O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidirá este acto, que presentará, como en anteriores ocasións, a actriz María Mera.

A continuación, realizarase a imposición dos Mandís de Honra tanto ao pregoeiro como a outros persoeiros que contribúen á difusión e posta en valor da Festa e imporase a condecoración especial a un ou a unha xeneral ou xenerala da parroquia de Lestedo. Aproveitando este intre, amosarase o novo traxe de xenerala da Ulla, creado pola deseñadora Carmen Pichel.

Ás 17.30 horas será a quenda dos Xenerais da Ulla, que protagonizarán o seu tradicional atranque no campo da festa. Está confirmada a presenza de oito xenerais, que demostrarán o bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que nunca deixan de lado a política, o deporte e calquera tema da actualidade xeral e local.

Actuacións musicais
A música estará presente durante toda a xornada festiva da man dos grupos e charangas Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobío. O broche de ouro porano as orquestras Finisterre e París de Noia, que comezarán os seus pases musicais a partires das 18.30 horas e que durarán ata medianoite.

cartel filloa estandar

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información