Lalín prepárase para recibir a milleiros de visitantes na Feira do Cocido

Publicidade
Lalín prepárase para recibir a milleiros de visitantes na Feira do Cocido

Lalín agarda a chegada de milleiros de visitantes este domingo para celebrar o día grande da Feira do Cocido nunha edición histórica na que se celebra o medio século de vida do festexo máis sobranceiro do concello. Os restaurantes levan días traballando ao 100% preparando o prato rei da gastronomía Galega, que cociñan dende hai varios meses, pero cuxas excelencias serán desfrutadas máis, se cabe, no día grande da festa gastronómica con maior importancia do País, declarada de Interese Turístico Nacional.

Os actos da edición numero 50 da Feira do Cocido comezarán ás 11.00 horas, na casa consistorial amenizados pola agrupación o Carballo da Manteiga, coa recepción do pregoeiro e as diferentes autoridades para dar paso, no vestíbulo do concello, ao acto de entrega da Distinción Aldea Singular do Concello de Lalín, que chega á súa terceira edición e que este ano gañou a parroquia de A Xesta, que foi destacada polo xurado entre as demais candidaturas, entre outras cousas, pola súa gran actividade social, a súa integración paisaxística e arquitectónica e a súa excelente memoria de traballos presentada. Esta iniciativa introducida en 2016 polo Goberno de Lalín pretende darlle protagonismo ao rural dentro dos actos do Cocido, ao tempo que se recoñece a aquela aldea ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, ou do seu patrimonio histórico. A parroquia recibirá un diploma acreditativo de mans do alcalde de Lalín, ademais de 15 mil euros a investir en proxectos que redunden beneficiosamente para toda a parroquia.

Ás 12.00 terá lugar a saída cara o campo da feira para visitar a Carpa Mahou, un espazo de promoción exposición e venda de gastronomía e de produtos galegos de calidade, onde estará presentes un total de 36 firmas que lle garantirán ao visitante poder atoparse con todos os produtos que desexen. Esta carpa totalmente transparente foi ampliada no 50 aniversario da Feira ata os 85 metros de longo para dar cabida ao maior número de postos posible.

Ás 12.45, terá lugar a lectura do pregón na zona do Quilómetro cero por parte do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. Nunha edición na que este evento cumpre os 50 anos de historia, o Goberno de Lalín decidiu apostar por un intelectual de recoñecido prestixio e dunha traxectoria literaria, cultural e xornalística que o sitúa á altura de Álvaro Cunqueiro, que foi o primeiro pregoeiro da Feira do Cocido. Desta maneira, Fernández Freixanes pasará a engrosar a nómina de grandes intelectuais, escritores e xornalistas que ao longo do seu medio século de vida lle prestaron a súa voz a unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia e do resto do Estado, e que ao longo do tempo conseguíu sobrepasar o puramente gastronómico para converterse en todo un referente social, etnográfico, cultural e artístico.

Desfile

O desfile é un dos atractivos principais da Feira do Cocido e, sen dúbida, é un dos actos que máis xente congrega en cada edición. Este ano, novamente, a comitiva de carrozas, grupos de música e comparsas que percorrerán as rúas, será dirixido polo recoñecido actor e músico lalinense, Fran Lareu.

O desfile da L Feira do Cocido comezará ás 13.00 horas e discorrerá como en cada edición polas rúas máis céntricas da vila. Nel participarán carrozas, comparsas, charangas, e outras agrupacións musicais de diferentes puntos de Galicia. En canto ás carrozas, serán 7 as que compoñerán a nómina deste ano. Formarán parte do desfile: A carroza de Botos, “Recreando os 60”, a de A Xesta, “O comezo dunha tradición”, a carroza da Peña Casardixo “Cousas de aldea”, a de Cercio “Unha pinga do noso aceite”, a de Sello “Lalín un interior único”, a dos Cabaleiros do Deza “First dates edición Cocido” e a dos Cabaleiros de Lalín “As feiras de Lalín no ano 1969”.

En canto á parte musical, daranse cita no desfile da L Feira do Cocido a Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas, a Asoc. Cultural O Carballo da Manteiga, a Comparsa Amoriños de Bora, Os Miúdos de Arcade, Cor Café de Pontevedra, Asoc. Socio-Cultural +Qdanza de Lalín, As Marchosas de Arcade, os Canecos de Poio, Charanga Os Verbeneros de Lalín, Charanga Km0, Charanga Os Ardores e Folión da Veiga.

Xantar Solidario

Unha vez remate o desfile, terá lugar o Cocido Solidario, acollerá Pazo de Bendoiro. Preto de 200 persoas confirmaron xa a súa asistencia a este xantar aberto ao público, que substitúe á anterior comida oficial. Coa celebración deste evento, o Concello de Lalín pretende recadar fondos con fins solidarios aos efectos de destinalos ás distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local. Na presente edición do Cocido, os fondos doados solidariamente polos cidadáns irán destinados á asociación Aspadeza, que traballa a prol das persoas con algún tipo de discapacidade inteluctual.

Concerto de Treixadura

O grupo de música tradicional, Treixadura, será a protagonista do serán o día no que a Feira cumpre as vodas de ouro, cun concerto que se desenvolverá na Praza da Igrexa a partir das 20.00 horas e no que se poderán escoitar os clásicos deste grupo e outros temas de novo repertorio. A celebración deste concerto responde ao obxectivo de buscar que a xente non marche despois dos actos centrais do festexo e que coma nos anos anteriores ateigue o pobo ata ben entrada a noite favorecendo a nosa hostalería e enchedo de ambiente Lalín.

Plan de seguridade

A Feira do Cocido contará como cada ano cun plan especial que tratará de garantir a fluidez na circulación e a seguridade das milleiras de persoas que se acheguen a desfrutar dos actos da Feira, para evitar calquera tipo de incidencia. O obxectivo principal é o de eludir as conglomeracións de vehículos no centro -que permanecerá en gran parte pechado ao tráfico- de modo que aqueles visitantes que se acheguen no seu coche se vaian derivando cara a periferia -Regueiriño e Rolda Leste, principalmente- onde hai grandes espazos habilitados para o estacionamento. Do mesmo modo, os buses que se despracen a Lalín terán á súa disposición os aparcadoiros das grandes áreas comerciais do casco urbano, así como o Campo da Feira novo. Este ano, como novidade, instalarase en Lalín un centro operativo da Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA), dende onde se coordinará todo o operativo. Ademais, por primeira vez, empregarase un dron de seguridade que se dirixirá desde este punto e vixiará dende o aire as principais zonas de conglomeración de xente da Feira.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña animou a todas as galegas e galegos a asistir á L Feira do Cocido de Lalín e desfrutar de todo o que “o noso fantástico concello lles pode ofrecer, comprando no excelente comercio, comendo nos magníficos restaurantes e gozando das nosas xentes e paisaxes”

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información