A empresa Puleva, propiedade do grupo galo Lactalis, presentou un plan de comunicación para aumentar o consumo de leite ecolóxico. Puleva, que segundo os datos da propia compañía, comercializa as dúas terceiras partes de lácteos ecolóxicos que se venden en España, aspira a aumentar as súas vendas nesta gama un 20%. O 2014 xa o pechou cunha suba do 9%.
A presentación do plan de promoción de Puleva Eco realizouse na Casa Curiscada, en Arzúa, nunha das granxas ecolóxicas que suministran á marca. No acto participou a directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta , Patricia Ulloa, que incidiu no desenvolvemento que está a experimentar o sector da produción orgánica en Galicia. “O valor da produción de leite e derivados lácteos ecolóxicos situábase no 2004 en tres millóns de euros e hoxe en día pasa dos 10 millóns de euros”, destacou a directora xeral.
Galicia, segundo os últimos datos dispoñibles do Ministerio, é a comunidade de España con maior número de gandarías de leite ecolóxicas, con 35, segundo datos do 2013.
O acto contou tamén coa intervención de Diego Puerta, conselleiro delegado de Lactalis Puleva, que suliñou a intención da compañía de extender a comercialización de leite ecolóxico, para o que pediu a colaboración da distribución comercial: “As cadeas da distribución teñen o reto de facilitar que o acceso ós produtos ecolóxicos deixe de ser unha traba, de xeito que se poida democratizar o seu consumo”.