Investigadores galegos conseguen substituír o petróleo por soro de leite para fabricar film alimentario

Investigadores da Facultade de Ciencias desenvolven filmes aptos para alimentos a partir de proteínas lactosoro e quitosano. A tese presentada no campus de Lugo por Davinia Candia Balseiro e dirixida por Ángel Cobos e Olga Díaz permite o aproveitamento de subprodutos da industria alimentaria

Publicidade
Investigadores galegos conseguen substituír o petróleo por soro de leite para fabricar film alimentario

Davinia Candia Balseiro, á dereita, xunto cos seus directores de tese

Unha investigación desenvolvida na Facultade de Ciencias do campus de Lugo contribúe á valorización de subprodutos da industria alimentaria e proba o seu aproveitamento para a elaboración de filmes acaídos para o envasado de alimentos e máis respectuosos co medio ambiente. Esta liña de traballo centra a tese de doutoramento realizada pola graduada en Nutrición Humana e Dietética e Tecnoloxía de Alimentos, Davinia Candia Balseiro, baixo o título ‘Desenvolvemento de filmes obtidos con hidrocoloides modificados por nanoarxila e radiación ultravioleta’.

O obxectivo principal desta investigación, dirixida polos profesores do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC, Ángel Cobos e Olga Díaz, foi o desenvolvemento de filmes baseados en proteínas de lactosoro ou quitosano -unha substancia obtido a partir da quitina dos crustáceos- empregando tecnoloxías novas como a radiación ultravioleta (combinada ou non coa modificación do pH) ou a adición de unha nanoarxila e un antimicrobiano coa finalidade de mellorar as súas propiedades e así ser candidatos a substituír, polo menos en parte, aos materiais de envasado convencionais derivados do petróleo.

Para iso avaliáronse diferentes características dos filmes como as propiedades mecánicas, a permeabilidade ao vapor de auga, a solubilidade, a cor e a microestrutura.

O soro do leite: un substituto do petróleo para fabricar film

Respecto das prestacións dos filmes baseados en proteínas de lactosoro, as pescudas realizadas pola viveirense Candia Balseiro permiten concluír que a aplicación de radiación ultravioleta ou a combinación do devandito tratamento con alcalinización pode ser útil para obter filmes de concentrados de proteínas de lactosoro con propiedades acaídas para o envasado de alimentos.

Outra das liñas de traballo desta investigación centrouse en tratar de mellorar as películas de quitosano a través da aplicación de distintas doses de radiación ultravioleta, ou mediante a incorporación dun antimicrobiano [LAE (etil lauroil arginato)] e dunha nanoarxila. A adición destas substancias posibilitaron mellorar as propiedades mecánicas dos filmes, observándose interacción entre ambos os compostos e influencia da concentración engadida de cada un deles. Asemade, cómpre salientar que a adición de nanoarxila aumenta a opacidade das películas e, por tanto, a súa potencial utilidade para protexer os alimentos da luz.

Este novo achado ofrece unha nova oportunidade para frear os problemas medioambientais xerados pola excesiva utilización de envases para alimentos derivados do petróleo, unha realidade preocupante que obriga a buscar novos materiais de envasado respectuosos co medio ambiente, en particular aqueles biodegradables, comestibles ou non.

Daquela, cómpre salientar que a investigación de doutoramento presentada na USC por Candia Balseiro proba que dous tipos de hidrocoloides biodegradables como son as proteínas de lactosoro e quitosano ofrecen unha alternativa medioambientalmente sustentable para o envasado de alimentos.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Vigo Francisco Javier Carballo García foi o encargado de presidir o tribunal que avaliou a tese presentada por Davinia Candia Balseiro. O profesor da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC José Luis Rodríguez Otero e María Isabel Cambero Rodríguez, catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade Complutense de Madrid, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica a esta investigación de doutoramento.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información