Ingapan, a filosofía do pan artesán levada ós grandes mercados

A industria lucense ten presenza en 20 países coa súa gama de panadería, empanadas e pratos preparados. Basea a súa estratexia nunha aposta pola calidade, pola orixe e por produtos naturais

Publicidade
Ingapan, a filosofía do pan artesán levada ós grandes mercados

Manuel López, director comercial de Ingapan.

Cando abriu a Panadería Chousa, no 1959, ninguén pronosticaría que aquel negocio remataría por convertirse nunha gran industria, Ingapan, que na actualidade ten presenza en 20 países e factura 75 millóns de euros. Ingapan conta hoxe en día con nove plantas de produción, orientadas á elaboración de masas conxeladas, das cales tres son obradores artesanais. A empresa dispón dun catálogo de máis de 400 referencias en pan, empanadas, pasteis e pratos preparados.

O punto de inflexión de Ingapan sitúase no 1993, cando o que ata daquela era unha cadea tradicional de panaderías transfórmase nunha industria orientada á produción en gran escala de masas conxeladas de pan e empanada, coa idea de trascender o mercado galego. “O camiño que se marcou Ingapan foi o de levar o bo facer das elaboracións artesáns a un nivel industrial. Desde esa base de aposta pola calidade, a evolución foi espectacular e actualmente somos o cuarto produtor de España en masas conxeladas”, conta o director comercial da compañía, Manuel López.

“O camiño que nos marcamos foi o de levar o bo facer das elaboracións artesanais a un nivel industrial”

Mercados
Os principais mercados da empresa sitúanse en España, Portugal, Italia e Francia, pero a súa presenza chega xa ó outro lado do Atlántico, cunha delegación aberta en Florida (Estados Unidos) o pasado ano. Os produtos de Ingapan manteñen unha distribución diversificada que se reparte entre grandes superficies (50%), mercado tradicional (20%), hostelería e restauración (20%) e outros clientes variados (10%).

A clave do éxito sitúana na compañía en tres eixos: calidade, produtos naturais e orixe. “Coidamos o proceso desde a elección da materia prima. En xeral, traballamos con fornecedores de Galicia, case sempre con empresas que levan anos colaborando con nós. En produtos cárnicos, leite ou viño, a procedencia é galega. No caso do trigo, gran parte do noso consumo suminístrao un muíño galego.”, explica Manuel López.

“Tamén o atún procede de 2 compañías galegas e conta coa certificación ‘Dolphin safe’, que garante unha pesca que minimiza a captura accidental de delfíns. Os compromisos medioambientais co consumidor tamén son importantes”, sinala.

“O selo Galicia Calidade ten especial importancia á hora de vender produtos que non teñen IXP, como as empanadas”

Galicia Calidade
As distintas gamas de produtos de Ingapan contan co selo Galicia Calidade como garantía, unha certificación que desde a empresa valoran como positiva. “En produtos relacionados con Galicia como a empanada ten unha especial importancia, xa que non hai unha Indicación Xeográfica que os protexa”, apunta Manuel López.

“Cada día o consumidor fíxase máis nos selos de garantía. Hai que seguir traballando para que o selo de Galicia Calidade sexa cada vez máis coñecido e xere un valor engadido. Desde a nosa perspectiva, que temos parte do noso público en clientes profesionais, sería tamén importante buscar xeitos de que o selo se visualice de cara ós consumidores finais”, reflexiona o director comercial de Ingapan.

Nova IXP ‘Pan Galego’
En canto á promoción nos mercados do pan galego, a próxima posta en marcha da IXP ‘Pan Galego’ é saudada por Ingapan como “necesaria”. “A nivel de España, necesitabamos un selo identificativo. Cando vas a outras comunidades, ves que se vende pan coa denominación de galego cando ese produto está elaborado fóra de Galicia e non segue uns estándares de calidade”, explica o director comercial da empresa. “Esa situación pode levar a un desprestixio do produto e a que o consumidor non acredite no que se viña comercializando como galego”, conclúe.

“Noutras comunidades véndese pan co nome de galego cando ese produto está elaborado fóra de Galicia e non segue estándares de calidade”

A posta en marcha da Indicación, xa solicitada pola Xunta a nivel europeo, será positiva “tanto para panaderías artesanais como para as industriais cunha base artesán, como a nosa, na que o corte e estirado da masa se segue facendo de xeito manual”, sinala López. “Nós estamos xa preparándonos para adaptar as nosas liñas de produción á nova IXP co obxectivo de abrir mercados tanto en España como a nivel internacional”.

A traxectoria de Ingapán é valorada por López como un modelo a ter en conta no sector agroalimentario galego. “Pensamos que hai moito potencial de crecemento en Galicia. Coa calidade que temos nas materias primas e coa experiencia e bo facer que hai na transformación de produtos, o paso que queda por dar é o de aumentar volumes de produción, sendo competitivos e mantendo a esencia dos produtos artesáns. O mercado global busca produtos de boas calidades e con volumes suficientes”, conclúe.

Planta de Ingapan en Outeiro de Rei.

Planta de Ingapan en Outeiro de Rei.

Do ‘Fast Food’ ó ‘Fast&Good’

O groso do mercado de Ingapán céntrase na gama de salados (empanada, empanadillas, etc.) e de pan, pero un segmento que está a aumentar consumidores nos últimos anos, o de pratos preparados, tamén é especialmente coidado pola empresa galega. “Máis que de pratos preparados ou de quinta gama -cociñados e ultraconxelados-, gústanos falar de solucións de alta cociña para profesionáis da hostalería”, valora Manuel López.

A empresa traballa na eliminación de aditivos como conservantes ou mellorantes artificiais. Busca produtos ‘clean label’ (etiqueta limpa)

“En lugar de ‘fast food’ (comida rápida), nós orientámonos a facer ‘Fast good’ (rápido e bo)”, compara. Para a elaboración dos pratos, contan coa direción dos chefs Héctor López e Juan Carlos Clemente, que deciden as preparacións finais en base a recetas tradicionais. “Por poñer un exemplo, a nosa hamburguesa de ‘Kentes’ faise con pan rústico tradicional galego da marca ‘Chousa”.

A liña de traballo de Ingapán enfócase ademais en eliminar o uso de aditivos. “Non utilizamos mellorantes artificiais nin conservantes. Buscamos produtos naturais, produtos con compromiso ‘clean label’ (etiqueta limpa)”, describe López.

Ingapan en datos
– A empresa facturou no último ano 75 millóns de euros e dá emprego a 460 persoas.

– No 2017, Ingapán prevé inaugurar o seu novo centro loxístico en Outeiro de Rei (Lugo). A instalación está dotada de 5.100 metros cadrados. A compañía adquiriu outros 35.000 metros cadrados no polígono de Outeiro de Rei coa perspectiva de instalar alí futuras liñas de produción.

– A empresa destaca tamén pola súa política de responsabilidade social. Colabora con ONGs e con colectivos de persoas con discapacidades tanto en tarefas de formación como na contratación de persoal.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información