Nor-Ibérica de Bebidas, licores ‘premium’ para o gran público

A empresa ourensana posiciónase no mercado con dúas marcas amparadas polo selo Galicia Calidade, nun intento de buscar mercados exteriores para os destilados galegos

Publicidade
Nor-Ibérica de Bebidas, licores ‘premium’ para o gran público

O licor café Felipe Saavedra faise con grans naturais 100% de Colombia.

Nor-Iberíca de Bebidas (Maside, Ourense), especializada na elaboración de augardentes e licores de Galicia, é unha das firmas do sector que aposta por prestixiar os destilados galegos. A súa oferta ten como referencias de calidade dúas marcas amparadas polo Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galicia, Felipe Saavedra e Marqués de Marialva, que tamén obtiveron o pasado ano o selo Galicia Calidade.

A elaboración dos licores comercializados con ambas marcas caracterízase polo coidado do produto. A base é augardente de bagazo de uvas galegas, que se macera en frío ata 90 días, ben con café natural 100% Colombia, no caso do licor café, ben cunha combinación de 36 herbas, obtidas na zona de Allariz (Ourense), no caso do licor de herbas. O azucre, cun mínimo de 100 gramos por litro, de acordo coa normativa do Consello Regulador, completa os preparados e apórtalles o seu característico sabor doce.

“O problema no estranxeiro é que non coñecen os nosos produtos. A grappa italiana ten un posicionamento do que nós carecemos”

Ao fronte de Nor-Ibérica de Bebidas está Juan Carlos Saavedra, que traballa no sector do viño de denominación de orixe desde mediados dos anos 80, unha faceta que complementa desde hai máis dunha década coa elaboración de destilados. “Nor-Ibérica de Bebidas podemos definila como unha licorería industrial que fai un coidado artesanal do produto”, valora.

Volumes
A empresa manexa un stock de arredor de 200.000 litros, dos que un 10% corresponde a produtos amparados pola Indicación Xeográfica Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “Son licores que teñen unha gran aceptación, sobre todo nas comunidades da Cornisa Cantábrica, e dos que podemos presumir pola súa calidade excepcional”, destaca Saavedra.

Gama de licores 'Marqués de Marialva'.

Gama de licores ‘Marqués de Marialva’.

Fóra de España, Nor-Ibérica de Bebidas sondeou mercados como o alemán, o suizo ou o xaponés, con asistencia a feiras internacionais e con investimento en traballo comercial, se ben os resultados son polo de agora limitados.

“O problema no estranxeiro é que non coñecen os nosos produtos. A grappa italiana, por exemplo, ten un posicionamento internacional do que carecemos nós, pero é a pescadilla que se morde a cola. Non vendemos no estranxeiro licores amparados polo Consello Regulador porque non se fai promoción, pero tampouco hai cartos para esa promoción porque non vendemos”, explica o xerente de Nor-Ibérica de Bebidas.

A mesma situación afecta tamén en parte ó mercado español, no que os licores galegos teñen que competir por prezo en boa parte das comunidades, co caso paradigmático de Madrid, en tanto un licor de herbas alemán, o Jägermeister, suma arredor de 1,5 millóns de litros vendidos ó ano en España, cun posicionamento orientado a ambientes nocturnos e a un público menor de 40 anos.

“Chegará un día no que o consumidor pedirá un licor café polo nome da marca”

Un dos grandes problemas ó que se enfrontan as empresas de licores galegas está na proliferación de bebidas sen etiquetar. “Gran parte da mercancía que se despacha na hostelería está sen etiquetar”, recoñece Juan Carlos Saavedra. “É unha inconsciencia, tanto por parte do consumidor como por parte do hosteleiro. Estase vendendo un produto, aínda que sexa coa mellor vontade, sen que se saiba o que hai dentro da botella. Non hai control sanitario sobre eses licores”, cuestiona.

O camiño para trocar a situación pasa por mentalizar á hostelería, segundo a valoración de Saavedra. “Hai uns anos, cando ías a un restaurante ás veces ofrecíanche viño da casa sen etiquetar. Esa situación hoxe en día dáse de xeito moi residual e o mesmo rematará por pasar cos licores”, opina o xerente de Nor-Ibérica. “O consumidor final quere produtos de calidade e ten curiosidade por probalos. Chegará un día no que o consumidor pida un licor café ou un licor de herbas polo nome da marca”, pronostica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información