“Hai fornos de Pan de Cea que venden fóra de Galicia o 80% da súa produción”

Entrevista a Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, a primeira IXP para o pan que se creou en España e na Unión Europea. O pasado 2015 venderon máis de 700.000 pezas, das que arredor dun 50% se venderon fóra de Galicia, unhas exportacións que son as que máis están a tirar polo Pan de Cea. Este domingo celebra a súa festa de exaltación.

“Hai fornos de Pan de Cea que venden fóra de Galicia o 80% da súa produción”

Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea,

Este domingo celébrase no concello ourensán de San Cristovo de Cea a XXV Festa do Pan de Cea, cun completo programa de actividades para exaltar este produto, o primeiro pan en lograr unha Indicación Xeográfica Protexida na Unión Europea. O presidente da IXP, Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez, fala do presente e do futuro deste produto que contribuíu de forma decisiva a fixar poboación neste concello rural.

Cales son as cifras actuais da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea?
Cando conquerimos a IXP Pan de Cea no ano 2004 estabamos elaborando unhas 200.000 pezas de pan e a finais do ano pasado pasamos das 700.000. A evolución foi moi favorable, tanto pola demanda interna de Galicia, como, sobre todo pola exportación ao resto de España.

Temos, por unha parte, unha distribución de cercanía nos concellos de San Cristovo de Cea, Ourense, O Carballiño ou Chantada. E logo distribuímos por mensaxería a toda Galicia. Estamos exportando tamén moito para a restauración do resto do Estado, sobre todo para Cataluña, País Vasco, Madrid, Asturias, Andalucía, Valencia e Estremadura. Hai fornos da IXP Pan de Cea que exportan o 80% do seu pan fóra de Galicia. Calculamos que sobre 50% do pan da IXP véndese fóra de Galicia, cun incremento das exportacións no pasado ano de arredor dun 15%.

“Arredor do 50% do Pan de Cea véndese fóra de Galicia”

Sobre todo nos últimos anos notamos un incremento da demanda de Pan de Cea no exterior para tendas delicatessen e sobre todo para a restauración, unha aposta polo noso produto que tamén nos gustaría que fixeran os restaurantes de Galicia.

Como se están comportando as vendas neste primeiro semestre do ano?
As perspectivas para este ano son inmellorables. Cos datos do primeiro trimestre medramos un 4% con respecto ao mesmo período de 2015.

Cal é o segredo do éxito do Pan de Cea?
No Pan de Cea inflúe todo. Partimos dunha materia prima de primeira calidade, cun 75% de fariña autóctona procedente de trigo do país, moída en muíños de pedra. No prego de condicións da IXP esíxese que o Pan de Cea debe ser elaborado con fariñas 100% naturais, non acondicionadas con produtos químicos que acelere o proceso lento e tradicional de elaboración do pan. Para iso utilizamos masa nai e fermentación natural, empregando un75% de fariña de trigo do país que lle da o sabor e o color tradicional e un 25% de fariña de gran forza especial.

 “A clave do noso éxito está no trigo galego e nunha elaboración tradicional”

En canto ao sistema de elaboración do pan é totalmente tradicional. Só se nos permite utilizar a amasadora mecánica, pero o resto do traballo faise a man: esténdese a masa manualmente, déixase levedar nas artesas de madeira, a partición das poias tamén é a man, o enfornado tamén faise individualmente e non se permiten autocargadores. Os fornos son de pedra de granito, cun tamaño máximo para 70 pezas en cada fornada e teñen que ser quentados con leña de madeiras nobres, non resinosas nin olorosas.

Con todo iso, o proceso de elaboración do Pan de Cea leva entre 6 e 7 horas, dependendo das condicións de ambiente.

Ata onde se remonta a tradición histórica do Pan de Cea?
Hai documentos do século XIII nos que o rei Sancho IV entrégalle ao abade don frei Arias Pérez o privilexio polo que lle concede ao Couto de Cea o dereito a dispor de igrexa e feira mensual. A actividade panadeira increméntase na época dos Austrias e no século XVIII, no censo da vila de Cea catalóganse como panadeiros a gran parte dos veciños de San Cristovo de Cea, indicándose que daquela xa había 12 fornos mancomunados que traballaban por quendas. Hoxe somos 18 fornos, con moita máis produción pero mantendo a tradición dos antergos.

Antigamente o trigo para o pan de Cea procedía da comarca. De onde procede hoxe a materia prima?
Hai uns dez anos dende a IXP fixemos un estudo para poder abastecernos cun 90% de trigo da zona, pero dado o minifundio e o abandono da agricultura nesta comarca habería que facer unha gran reforma. Aínda lembro de pequeno os campos de trigo ondeados polo vento no Souto de Amoeiro e no agro que vai de Vilaseco a Faramontaos e chega ata A Viña. Habería que incentivar a volver a cultivalo porque hai demanda e mercado para o trigo galego, que é o que lle dá a cor e a textura característica ao noso pan.

Actualmente, abastecémonos deste cereal en Rodeiro, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa e na parte alta da Limia. Os agricultores cultivan o trigo tremesino, de ciclo curto, e no que tamén se inclúe o Callobre, que se sementa a finais de abril e comezos de maio e recóllese a finais de agosto.

Como contribuíu a creación da IXP Pan de Cea a fixar poboación no rural?
Cando empezamos a impulsar a IXP, no ano 1993, os fornos que había estaban sen un rexistro que os amparara. Empezamos 12 fornos e hoxe somos 18, e viven entre 40 e 50 familias do Pan de Cea, polo que podemos dicir que é o motor económico do concello. Ademais, destacaría que hai relevo xeneracional, con xente moza que se incorpora á actividade.

“Véndense pans conxelados e industriais que son sucedáneos, o noso é pan 100%”

Cales son as liñas de traballo da IXP Pan de Cea de cara ao futuro?
Estamos sendo pioneiros na incorporación na etiqueta información do valor enerxético do pan, algo que será obrigatorio para todos os produtos alimentarios a partir do mes de decembro.

Neste sentido, os resultados das analíticas do Pan de Cea son moi diferentes aos pans conxelados e industriais que se venden, e que eu chamo sucedáneos de pan. Así, e a diferencia destes últimos, o noso non presenta graxas saturadas, contén moitos menos azucres e presenta un maior contido en proteína e en fibra.

Tamén vimos de presentar un receitario da chef Emma Pinal con receitas elaboradas para a nova cociña co Pan de Cea. E estamos adaptándonos aos novos tipos de familias; así, xunto á tradicional poia, que ven pesando entre 1,1 e 1,2 kilos, cada vez vendemos máis moletes, cun peso de entre 0,5 e 0,6 kilogramos e máis adaptado ás familias pequenas.

Como vedes a creación da IXP Pan Galego?
Véxoo moi ben. Cando nós empezamos a impulsar a IXP para o Pan de Cea chamábannos ilusos e que era unha utopía. A día de hoxe somos a primeira IXP para o pan a nivel de España e da Unión Europea. En Galicia hai moi bo pan e anímoos a impulsar a IXP para que o pan galego no seu conxunto se faga un oco no mercado apostando pola calidade. Non vai ser unha competencia para a IXP Pan de Cea, senón que vai ser complementaria.

PAN_CEA_01_STANDAR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información