“Galicia Quality será a marca de promoción dos produtos alimentarios galegos no exterior”

Entrevista a Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade. A marca de garantía creada en 1995 cumpre vinteún anos sendo referencia dos produtos “made in Galicia”. Este ano lanzarán campañas de promoción específicas para os produtos dos sectores avícola e lácteo

“Galicia Quality será a marca de promoción dos produtos alimentarios galegos no exterior”

Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade

A marca de garantía Galicia Calidade, adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, cumpre este en 2016 vinteún anos, consolidándose como unha referencia nas distincións de calidade.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, avanza os obxectivos para os próximos meses: desenvolver a marca Galicia Quality como referente de calidade dos produtos galegos fóra de España, realizar campañas específicas de promoción para os produtos avícolas e lácteos acollidos á marca de garantía e ampliar Galicia Calidade aos sectores da moda, do naval e da lousa.

Que é Galicia Calidade?
Galicia Calidade naceu hai vinte anos como unha gran marca de promoción de Galicia e, posteriormente, de certificación de calidade. Certificamos produtos e neste momento tamén estamos ampliando á certificación de servizos. Agora mesmo estamos certificando uns 300 produtos e servizos dunhas 90 empresas.

A nosa labor segue sendo a promoción do produto galego pero tamén a de certificación a través dun selo. O que pretendemos é que siga sendo a gran marca de promoción colectiva para todo o produto galego.

Neste momento tamén estamos avanzando no desenvolvemento da marca “Galicia Quality” para a promoción fóra de España, sobre todo nos países de fala inglesa. Por parte do IGAPE teñen claro que Galicia Quality debe ser a marca de promoción dos produtos galegos no exterior e agora o que falta son accións colectivas e estamos a concretar as accións de promoción.

 “Queremos que Galicia Calidade sexa a marca da economía galega”

Galicia Calidade dende o seu inicio foi unha marca multisectorial, non só do sector primario, que segue sendo maioritario dentro da marca, senón tamén doutros como o naval, a moda ou a madeira. Queremos que Galicia Calidade sexa a marca da economía galega que certifique unha maneira de facer as cousas en sectores considerados identitarios e cun importante peso económico de cara ao exterior.

Como funciona o proceso para ampararse baixo o selo de Galicia Calidade?
Primeiro chegamos a un acordo cos entes representativos de cada sector. Establecemos un regulamento e un prego de condicións que debe cumprir cada empresa. E tamén establecemos os mecanismos de auditorías para garantir o cumprimento deses pregos de condicións. Por exemplo, estamos a punto de asinar un convenio coas asociacións representativas do sector da planta ornamental e do sector da xeotermia. E a nosa idea é chegar a convenios para ampliar Galicia Calidade aos sectores da moda, do naval e da lousa.

Froito desa nova maneira de funcionar tamén vimos de chegar a un convenio co Clúster do Turismo, co obxectivo de que, nun primeiro momento, se incorporen a Galicia Calidade casas de turismo rural, hoteis e restaurantes. Este proxecto, denominado Plataforma Lecer, xa ten incorporados a 20 restaurantes e a 10 hoteis. A nosa esixencia é que teñan unha presenza importante de produtos alimentarios amparados por Galicia Calidade.

Unha das eivas das empresas agroalimentarias galegas é o seu pequeno tamaño, o que dificulta o seu acceso á exportación e a campañas de márketing. Neste sentido, ¿que lles pode achegar Galicia Calidade a estas empresas?
Queremos serlles útiles, aportarlles un maior coñecemento e un incremento das vendas. O que ofrece Galicia Calidade a estas empresas é unha certificación de garantía de cara ao consumidor. É dicir, garantimos que o produto é galego e que ten calidade; e iso avalámolo a través dun prego de condicións que lles esiximos ás empresas e mediante unha serie de auditorías, como mínimo unha ao ano, que garanten o cumprimento efectivo desas esixencias.

 “Estamos traballando en campañas de promoción específicas para os produtos avícolas e lácteos”

A segunda achega que fai Galicia Calidade é a promoción a través do márketing. Para iso realizamos unha promoción colectiva da marca Galicia Calidade e tamén estratexias de márketing sectorial. Por exemplo, creamos unhas etiquetas para os viños amparados por Galicia Calidade, e agora estamos deseñando campañas específicas de promoción, que realizaremos nos vindeiros meses, para o sector avícola, tanto de polo como de ovo, empresas que na súa gran maioría están en Galicia Calidade.

Tamén en colaboración coa Consellería do Medio Rural e coa marca Galega 100% estamos traballando para apoiar os produtos lácteos galegos, e en concreto para as empresas que están en Galicia Calidade.

Pero pedimos tamén ás empresas acollidas ao noso selo que crean no márketing e nas estratexias de comunicación. Neste sentido, síntome orgulloso de que as empresas amparadas cada vez salientan máis o selo de Galicia Calidade nas súas etiquetas porque saben que somos unha garantía de calidade atractiva para o consumidor.

No sector do viño, ¿Galicia Calidade podería ser a gran marca conxunta para promocionar os viños galegos no exterior?
Creo que nestes momentos hai unha certa inflación de marcas e a tendencia en todo o mundo é a simplificar e ir a marcas colectivas. E no sector do viño galego creo que tamén debemos ir por esa vía e non caer no minifundio.

Galicia Calidade quere ser unha marca complementaria das Denominacións de Orixe, non substitutoria. De feito, esiximos para os produtos agroalimentarios que previamente estean inscritos nunha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, se esta existe. Neste sentido, destacaría que a Administración galega por fin está avanzando. Un exemplo foi a presencia colectiva dos viños galegos na feira Prowein, en Alemaña.

“Galicia Calidade debe xogar un papel importante para a promoción do viño galego no exterior”

Temos que volver a marcas máis directas, simples e unívocas, e neste sentido Galicia Calidade debe xogar un papel importante, e en particular no mundo do viño.

¿Resulta caro para unha pequena ou mediana empresa agroalimentaria formar parte de Galicia Calidade?
Sinceramente creo que as tarifas de Galicia Calidade son moi económicas. Historicamente as nosas tarifas sempre foron en función da facturación da empresa. Pero dende hai anos temos tarifas especiais para colectivos especiais, en concreto para as empresas que xa están inscritas nunha IXP ou nunha DO.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información