Galicia copa un 18% das sancións á distribución e industrias alimentarias

Os operadores da comunidade recibiron 221 multas da Agencia de Información y Control Alimentario no periodo 2014-2018. Máis do 70% dos controis recaeron no sector lácteo

Publicidade
Galicia copa un 18% das sancións á distribución e industrias alimentarias

Promoción detectada no 2015 nun supermercado galego. / Arquivo.

Galicia está á cabeza de España en incumprimentos da Ley de la Cadena Alimentaria. A comunidade lidera o ránking de sancións da Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), o organismo do Goberno central encargado de vixiar as relacións entre produtores, industrias e cadeas de distribución. Galicia acumula 221 das 1.245 propostas de sanción dictadas pola AICA entre o 2014 e o 2018. Esa cifra de sancións en Galicia representa un 18% do total das multas. Ningunha outra comunidade se achega a tal volume.

O maior control que se implantou na cadea alimentaria desde xaneiro do 2014, coa creación da Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), deixa un balance de claroescuros tras máis de cinco anos de funcionamento. En xeral, o sector produtor continúa a criticar a súa escasa capacidade de negociación ante as industrias, en tanto as cadeas de distribución manteñen intacto o seu poder de fixación de prezos.

As organizacións agrarias téñenlle trasladado á AICA nos últimos anos situacións como a falta de capacidade negociadora das explotacións lácteas ante as industrias lácteas ou a banalización dos prezos do leite nos supermercados, se ben cun escaso éxito.

En canto ós prezos nos supermercados, a Administración só intervén cando se detectan casos de vendas a perdas, se ben é unha cuestión na que non entra a AICA e da que se lle dá traslado ás correspondentes comunidades autónomas. En Galicia, desde o 2014, a Agencia recibiu un total de 26 denuncias por vendas a perdas, que lle trasladou á Xunta.

Incumprimento de pagos e falta de contratos
O groso das sancións da AICA céntrase en cuestións que non alteran o actual equilibrio de poder da cadea, aínda que si se sancionan incumprimentos cuxa persecución beneficia, en parte dos casos, ó sector produtor. Así, o 44% das multas impostas pola Agencia débese ó incumprimento dos prazos de pago e outro 16,7% á ausencia de contratos.

A parte da cadea con maior volume de sancións é a industria alimentaria, cun 44%, seguida da distribución maiorista, cun 29%, da distribución minorista, cun 21% e do sector produtor, cun 5%. Se se atende á cuantía das sancións, entón a distribución minorista é a gran perxudicada, con 13.355 euros de media por sanción, seguida a distancia da industria, con 2.594 euros.

Por sectores, o lácteo copa en Galicia máis do 70% dos controis, en tanto outro 15% corresponde ó sector cárnico e o resto repártese entre o sector vitícola e outros.

En canto ás multas, o sector lácteo centra tamén unha parte significativa das sancións no conxunto de España, pois é o segundo sector en sancións, cun 22,5% do total, só por detrás do de froitas e hortalizas, que aglutina, un 35%, e seguido a distancia do viño cun 11%.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información