Galicia conta xa con 157.000 colmeas, o dobre que en 2010

O número de colmeas en Galicia duplicouse nos últimos sete anos, pasando de 88.800 en xaneiro de 2010 a un total de 157.068 en abril deste ano, e con perspectivas de seguir incrementándose de xeito notable ao longo de 2017

Galicia conta xa con 157.000 colmeas, o dobre que en 2010

A apicultura está a experimentar un forte impulso en Galicia nos últimos anos. Foto: Apilarouco

O número de colmeas en Galicia duplicouse nos sete anos, pasando de 88.800 en xaneiro de 2010 a un total de 157.068 en abril deste ano, e con perspectivas de seguir incrementándose de xeito notable ao longo de 2017.

Así se pon de manifesto no Censo Apícola de Galicia da Consellería do Medio Rural, que confirma o “boom” que experimentou a apicultura en Galicia nos últimos anos, impulsada polas excelentes condicións da flora dos montes galegos, e por unha crecente demanda internacional de meles escuros de elevado valor nutricional, como o producido en Galicia. Os prezos da venda a granel, que se manteñen no entorno dos 4 euros, tamén animan aos apicultores a seguir ampliando os seus colmeares.

Ourense é a provincia galega na que máis medra a apicultura

Por provincias, destaca o tirón da apicultura en Ourense, que pasou de 29.654 colmeas en 2010 a 70.208 en abril deste ano, desbancando do primeiro posto á provincia de Lugo, que pasou de 36.397 colmeas a 45.760. O feito de que en Ourense aínda se manteñan grandes masas de flora autóctona, especialmente de castiñeiro, e que apenas estea afectada pola Vespa Velutina, explican en parte este despegue da apicultura na provincia.

A terceira provincia con maior censo apícola é Pontevedra, que pasa de 10.562 colmeas en 2010 a 22.055 en 2017. A Coruña baixa ao cuarto lugar no censo apícola de Galicia: 19.050 colmeas fronte ás 12.187 censadas en 2010. Este menor incremento explícase en parte por ser a provincia galega máis afectada pola Vespa Velutina.

Outro dos datos que se extraen é que os apicultores cada vez teñen máis colmeas, o que indica unha maior profesionalización do sector. Así, mentres o número de explotacións apícolas en Galicia aumentou dende 2010 en arredor dun 20%, o número de colmeas disparouse en case un 100%.

Velaquí os resultados da evolución do censo apícola de Galicia nos últimos anos por provincias:

Ano

A Coruña

Explotacións

Asentamentos

Colmeas

Xaneiro de 2010 669 1019 12187
Xaneiro de 2016 874 1444 17982
Abril de 2017 885 1447 19050

Ano

Lugo

Explotacións

Asentamentos

Colmeas

Xaneiro de 2010 1694 2257 36397
Xaneiro de 2016 1234 2073 39728
Abril de 2017 1308 2313 45760

Ano

Ourense

Explotacións

Asentamentos

Colmeas

Xaneiro de 2010 740 1186 29654
Xaneiro de 2016 943 2237 63893
Abril de 2017 1109 2696 70208

Ano

Pontevedra

Explotacións

Asentamentos

Colmeas

Xaneiro de 2010 290 440 10562
Xaneiro de 2016 555 936 18350
Abril de 2017 618 1920 22055

Ano

GALICIA

Explotacións

Asentamentos

Colmeas

Xaneiro de 2010 3393 4902 88800
Xaneiro de 2016 3616 6690 139953
Abril de 2017 3915 7552 157068

Abellas Nais prevé incrementar este ano un 50% o número de colmeas en Ourense

Celanova. 14-03-15. Provincia. Curso de Apicultura con Román Cid en Celanova. Foto: Xesús Fariñas

Curso de Apicultura con Román Cid en Celanova.
Foto: Xesús Fariñas

Román Cid é promotor da asociación Abellas Nais, unha nova entidade con pouco máis dun ano de vida que agrupa a novos apicultores da provincia de Ourense, especialmente da comarca de Celanova.

As perspectivas desta asociación para este ano son optimistas: “Prevemos que os nosos apicultores incrementen o número de colmeas nunha media dun 50%”. As condicións climáticas desta primavera seca e solleira estanos axudando para aumentar a cabana apícola: “os enxames están tirando moi ben, e agora estámonos dedicando a reproducir enxames e raíñas, porque se venden moi ben e queremos renovar e aumentar os nosos colmeares”.

En todo caso, aínda é cedo para establecer unha previsión para este ano, “pois depende de como veña o verán, e tamén de que aquí non chegue a Vespa Velutina”, explica Román Cid.

As vendas de mel para os apicultores desta asociación “están comportándose ben, cuns prezos de 4 euros máis Ive o kilo, aínda que temos a veces problemas cos prazos de pago”. Pero onde ve máis incertezas o promotor de Abellas Nais “é sobre todo coas importacións de mel de China e de Ucrania e a falta de información ao consumidor sobre as maiores calidades nutritivas do mel galego”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información