Galicia concentra unha de cada tres sancións da cadea alimentaria

O sector lácteo rexistra no 2016 o 93% das multas impostas pola Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA). A ausencia de contratos e o incumprimento dos prazos de pago, principais infraccións

Publicidade
Galicia concentra unha de cada tres sancións da cadea alimentaria

As industrias lácteas concentraron a maior parte das sancións no 2016.

A actividade da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA) reflicte a conflictividade que se produce na cadea de valor do leite en Galicia. A comunidade rexistrou no último trienio unha de cada tres sancións aplicadas pola AICA, a maioría correspondentes ó sector lácteo.

Os problemas no sector chegaron a tal punto que o 93% das sancións impostas pola Agencia no 2016 débense ó leite. O informe de actividade do organismo, dependente do Ministerio de Agricultura, revela tamén que no último ano as industrias alimentarias concentraron o 87 % das sancións.

Os motivos das multas derivan de incumprimentos da Ley de la Cadena Alimentaria (Ley 12/2013) en cuestións como a ausencia de contratos ou o incumprimento dos prazos de pago. Poden semellar meros aspectos formais, pero son síntomas dunha marexada de fondo.

As diferenzas sobre os prezos entre produtores e industrias ou as protestas gandeiras pola suposta falta de vontade negociadora da parte industrial carecen de respaldo legal. En vista diso, as organizacións do sector ligadas ós produtores recurren a miúdo a cuestións como os prazos de pago ou a ausencia de contratos, que se poden considerar máis formais que de fondo, como xeito de presionar ás outras partes da cadea, nomeadamente ás industrias.

Denuncias
Das 149 denuncias que ten recibido a AICA desde os seus inicios, en setembro do 2014, case a metade corresponden ó leite (73). Entre as denuncias recibidas, 51 foron por venda a perdas, unha cuestión na que a Agencia non é competente, polo que traslada esas presuntas infraccións ás correspondentes comunidades autónomas. Das outras 98 denuncias, o organismo revolveu 94, das que 43 deron lugar a expedientes sancionadores.

A Agencia non revela nin os importes das sancións nin as empresas sancionadas, unha cuestión que suscita as queixas do sector produtor, que entende que as sancións deben ser públicas para ter un factor castigo e exemplarizante.

As multas polas denuncias recibidas representan unha pequena parte do total, pois a AICA desenvolve unha labor inspectora de oficio que é a que concentra a maioría da actividade sancionadora. Desde os seus inicios, a Agencia realizou máis de 1.700 inspeccións de oficio e acordou un total de 347 expedientes sancionadores (incluídos os 43 derivados de denuncias). A maioría corresponde ó sector de froitas e hortalizas (178), seguido moi de preto polo lácteo (144).

Máis información

Informe de actividade da AICA no 2016 (Pdf)

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información