galicia calidade estandar

Galicia Calidade certifica os melindres, os ricos e os amendoados da Tahona de Melide

A tradición dos doces artesanais de Melide (A Coruña) vén de ser recoñecida co selo Galicia Calidade, que ampara desde esta semana á Tahona de Melide, unha firma elaboradora dos tradicionais melindres, os ricos (galletas elaboradas a base de ovo, fariña e manteiga cocida de vaca) e os amendoados. A certificación de Galicia Calidade foi entregada polo xerente do organismo certificador, Alfonso Cabaleiro, e pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez.

Coa incorporación da Tahona de Melide, xa son 111 firmas de distintos sectores as que contan co selo Galicia Calidade. O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destaca a importancia do sector alimentario dentro da marca. “Con esta incorporación, sumamos un novo produto tan representativo coma o melindre a unha lista completa na que contamos con viño, polo, ovos ou pescada, entre outros”.

A Tahona de Melide, que iniciou a súa actividade nos anos 30, está situada no Camiño Francés, polo que os seus doces artesanais son consumidos por milleiros de peregrinos cada ano. A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou no acto de entrega da certificación que o selo Galicia Calidade representa unha oportunidade para que “os melindres poidan chegar a novos mercados, avalados pola garantía da marca Galicia Calidade”.