Ferrolterra contará cun centro público para elaborar produtos agroalimentarios

As instalacións, que poderán usar particulares e pequenas empresas, están impulsadas polos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño e situaranse na antiga nave dos queixos do recinto feiral de San Ramón, que será remodelada por completo cun orzamento total de 207.000 euros

Imaxe da antiga nave dos queixos tomada o pasado mes de novembro, cando os rexedores dos catro concellos suscribiron o acordo de colaboración

Imaxe da antiga nave dos queixos tomada o pasado mes de novembro, cando os rexedores dos catro concellos suscribiron o acordo de colaboración

A comarca de Ferrolterra contará cun novo centro de transformación alimentaria impulsado polos concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño, que compartirán as instalacions. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) acaba de comunicar a concesión dunha axuda de 119.022,91€ dentro do programa europeo Leader para as obras e o equipamento do futuro Centro comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural, que se instalará no recinto feiral de San Ramón, en Moeche.

Agader confirma deste xeito a proposta de adxudicación de fondos para o proxecto elaborada polo GDR Seitura 22, encargado da valoración das iniciativas do plan Leader nesta zona da provincia da Coruña. A idea obtivo un total de 83,25 puntos segundo os criterios de valoración estipulados na convocatoria. De feito, de acordo con esta puntuación, ao proxecto correspondéronlle 181.444,28€ de subvención (o 90% do orzamento aceptado), dos que sen embargo só se lle asignaron eses algo máis de 119.000, de acordo coas posibilidades de reparto económico que ten neste momento o GDR.

As instalacións contarán co equipamento necesario para o procesado de zumes, conservas, mel e outros produtos e estarán destinadas a pequenas empresas e particulares

Os catro municipios implicados prevén acondicionar a antiga nave dos queixos de Moeche como centro de transformación alimentaria equipado para o procesado de zumes, meles e outros produtos da terra en condicións sanitarias óptimas.

Na práctica será unha pequena planta de elaboración dotada do necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. Dentro da antiga nave dos queixos de Moeche, que será necesario remodelar por completo, haberá, entre outro equipamento, un pasteurizador, extractor e desoperculador de mel, decantadores, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial.

O pasado mes de novembro, os rexedores de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño asinaron o acordo de cooperación de cara a poñer en marcha o centro, que tamén pretende ser espazo formativo e de dinamización das posibilidades económicas que aínda ten por explotar o noso medio rural. Nel organizaranse cursos, charlas e xornadas relacionadas cun modelo de produción alimentaria sustentable que atenda principalmente a mercados de proximidade e quilómetro cero.

Pendentes de axudas da Xunta e a Deputación

O custo total da infraestrutura estímase en 207.000 euros. Para cubrir todo este investimento, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño teñen xa asegurados os 119.000 euros do Leader e existiría a posibilidade de que o GDR consignase máis adiante os 62.000 euros de axuda que non se puideron facer efectivos agora, tirando para iso de partidas financieiras que quedasen sen gastar.

Ademais da axuda confirmada, a Consellaría do Medio Rural tamén comprometeu outros 12.000 euros para a elaboración do proxecto técnico de toda a intervención, tanto obras como maquinaria instalada, que se lle vai remitir esta mesma semana á Dirección Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Para completar o orzamento total da actuación, cifrado en 207.000 euros, faltarían a día de hoxe arredor de 76.000 euros, que os concellos implicados agardan cubrir con achegas conxuntas e, sobre todo, coa participación económica da Deputación da Coruña.

Unha vez que se constate todo o apartado financieiro, os municipios contratarán as obras e elaborarán o plan de xestión, para o que se procurará a colaboración de entidades do territorio. Ademais, tamén se deberá preparar unha ordenanza reguladora que fixe os servizos ofertados e as taxas que aseguren o seu sostemento económico como servizo público sen fins de lucro, enfocado a particulares e pequenas explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información