Feromonas atraíntes e fungos parásitos: liñas máis esperanzadoras para combater a Vespa Velutina

Expertos internacionais debaten entre onte e hoxe en Lugo sobre os últimos avances contra a Vespa Velutina. O desenvolvemento de feromonas sexuais específicas ou o uso de parásitos revélanse como as vías máis esperanzadoras para frear a expansión da vespa asiática.

Feromonas atraíntes e fungos parásitos: liñas máis esperanzadoras para combater a Vespa Velutina

Sandra Rojas durante a súa intervención

A loita con éxito en Europa contra a praga da Vespa Velutina céntrase neste momento no desenvolvemento de produtos atraíntes a partir de feromonas sexuais así como de fungos parásitos. Esta son as principais conclusións do curso “A vespa asiática: un depredador exótico en Europa ¿Que nos depara o futuro?”, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que entre onte e hoxe reúne en Lugo a expertos internacionais no estudo desta especie invasora.

Unha das intervencións máis agardadas foi a da investigadora da Université de La Rochelle (Francia), Karine Monceau, unha referencia mundial no estudo da Vespa Velutina.

Monceau situou a chegada da Vespa Velutina de patas amarelas a Europa antes do ano 2004 a través do porto de Burdeos. “Toda a poboación de Vespa Velutina que está colonizando Europa procede dunha raíña, fecundada cando menos por catro machos, que chegou a Francia uns anos antes do 2004 e que é unha subespecie da rexión de Zhejiang-Guanzhou, en China”, explicou Karine Monceau.

En canto á súa alimentación, lembrou que se compón principalmente de azucres, agás para alimentar ás súas larvas, para o que precisan importantes cantidades de proteínas, fundamentalmente de abellas, entre os meses de agosto e outubro, a época máis habitual de cría. “A velutina caza abellas para alimentar as súas crías, pero varía moito segundo a biodiversidade do medio, xa que segundo os estudos realizados nun medio urbano as abellas chegan a supor o 65% da súa alimentación, pero no medio rural baixa ao 35%”, explicou.

“Houbo unha selección xenética das abellas europeas para que foran máis dóciles, e iso aprovéitao a Velutina”

Outra interesante conclusión das investigacións levadas a cabo pola experta francesa foi que “o tamaño da colmea e o seu estado sanitario non inflúen tanto nos ataques da Vespa Velutina como o comportamento da colmea”.

É dicir, segundo Karine Monceau “nos últimos anos en Francia -e tamén no resto de Europa- houbo unha selección xenética para conseguir razas de abellas máis mansas, co que non fan fronte aos depredadores”. Neste sentido, lanzou a proposta de que “quizás precisemos de razas de abellas un pouco máis bravas para que se defendan mellor”.

En canto aos métodos de loita contra esta especie invasora, Monceau asegurou que “aínda que é moi complicado atopar solucións eficaces, probablemente o desenvolvemento de atraíntes específicos para a Velutina a partir de feromonas sexuais, no que se está a traballar en Francia, sexa a liña máis esperanzadora” para combater a Velutina.

Mentres tanto, xunto á retirada de niños, un dos métodos máis utilizados neste momento é o trampeo de raíñas, unha técnica sobre a que Monceau amosou as súas reticencias, “xa que non é un método selectivo e se se xeneraliza a gran escala pode acabar sendo moi perigoso para a biodiversidade, ao destruír moitos outros insectos polinizadores”.

En todo caso, Karine Monceau recomendou que “de facelo deberíase realizar unicamente en primavera e realizalo tamén nas zonas adxacentes, pois senón haberá unha reinvasión por parte da Vespa Velutina, e aínda así non se garantiría que non volva esta especie invasora a esa zona”.

Os métodos de trampeo de raíñas son pouco selectivos e só atrapan un 1% de Velutinas

Precisamente o estudo dos sistemas de trampeo máis eficaces e selectivos é o obxectivo dun investigación que está a realizar a Asociación Galega de Apicultura en colaboración coa Universidade de Vigo. A investigadora Sandra Rojas, coordinadora do estudo, avanzou os datos da campaña de trampeo de raíñas de Vespa Velutina que se levou a cabo esta primavera e na que participaron 500 apicultores de toda Galicia, mediante a colocación de 925 trampas.

En total, capturáronse 3.067 raíñas fundadoras testando nove combinacións con tres tipos de trampas diferentes (Avispa´clac, Vétho-Pharma e unha trampa caseira) e tres atraíntes (Avispa´clac, Vétho-Pharma e unha trampa caseira).

 “A combinación da trampa e atrainte Avispa´clac resultou ser a máis efectiva”

O resultado foi que a combinación de trampa Avispa´clac e de atraínte Avispa´clac foi a máis efectiva, seguido da mesma trampa combinada cun atrainte caseiro (elaborado a partir de cervexa negra, viño branco, azucre e zume de arandos).

“Aínda así, a efectividade foi baixa, cun máximo de 1,4 avespas velutinas por día atrapadas co primeiro sistema e de 0,9 no segundo, e de menos de 0,5 no resto de combinacións”, advertiu Sandra Rojas.

Ademais, a investigadora da Universidade de Vigo amosou a súa preocupación pola baixa selectividade de todos os sistemas de trampeo testados, xa que “só o 1% dos insectos capturados foron Vespa Velutina”. Ou o que é o mesmo, dos 336.575 insectos atrapados esta primavera nesta campaña de trampeo contra as raíñas de Vespa Asiática, só 3.067 eran Velutinas.

Por todo isto, unha das conclusións de Sandra Rojas é que “o trampeo é un método para monitorear a chegada da Velutina a zonas nas que aínda non se detectara a súa presenza e dinámica poboacional, pero insuficiente para protexer as colmeas”.

Pola contra, recomenda incrementar a busca e destrución de niños de Vespa asiática a partir de mediados de maio, cando aparece a primeira cohorte.

A consanguinidade: o punto feble da invasión da Vespa Velutina en Europa

Segundo explicou Karine Monceau “toda a poboación de Vespa Velutina que está colonizando Europa procede dunha única raíña que foi fecundada por, cando menos, 4 machos”. Isto xerou un problema de consanguinidade na especie en Europa cuxos efectos xa se están a manifestar. Así, “cada vez hai máis machos diploides, é dicir, estériles, que supoñen un custo para as colonias”, asegurou a investigadora francesa.

Neste sentido, Xulio Maside, investigador do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela, destacou que “estamos no mellor momento para actuar contra esta especie invasora mediante un parasito autóctono ou natural da súa zona de orixe”.

“Estamos nun momento de gran vulnerabilidade da Velutina en Europa debido á súa escasa variabilidade xenética, o que lle impediría adaptarse a un parásito que a ataque, sexa autóctono ou importado”, explicou o investigador da USC.

Xulio Maside: “Hai que aproveitar a pouca variabilidade xenética para loitar contra a Velutina cun parásito”

Un destes inimigos autóctonos da Vespa Velutina podería ser o fungo Beauveria Baussiana, autóctono de Galicia. O experto e investigador de insectos, Lolo Andrade, está a realizar investigacións neste sentido. De momento, xa foi probado por éxito pola empresa Glen Biotech para combater o Picudo Vermello das palmeiras.

En todo caso, a erradicación da Vespa Velutina de Europa parece que vai para longo. Os apicultores e fruticultores de Nova Zelanda levan dende o ano 1940 loitando contra a invasión de Vespa Germanica, unha especie exótica que tamén causa importantes perdas.

Sen embargo, a creación en febreiro deste ano do Coloss Network Velutine Task Force, un grupo interdisciplinar de carácter internacional que reúne a investigadores na materia, podería acelerar o achado de solucións eficaces e selectivas contra a invasión da Vespa Velutina.

 

4 ideas sobre “Feromonas atraíntes e fungos parásitos: liñas máis esperanzadoras para combater a Vespa Velutina

  1. Manolo

    Pois el pode definirse como queira, outra cousa é que o medio Campo Galego, tendo noticias de que nin é investigador, nin entomólogo … non corrixa a información; ou non busque realmente xente acreditada para falar do tema.

    Contestar
    • campogalego

      Se nos suxires algún esperto que consideres acreditado agradeceríamoscho. Un saúdo

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información