A Feira de Empanada das Nogais volve encher de vida a montaña de Lugo os vindeiros 25 e 26 de maio

Agárdanse unhas 2.000 persoas e 70 postos de venda de todo tipo de produtos dos Ancares nunha cita consolidada no calendario festivo da primavera na comarca

Público asistente a unha edición anterior da Feira da Empanada das Nogais

Público asistente a unha edición anterior da Feira da Empanada das Nogais

A edición número 14 da Feira da Empanada e outros produtos dos Ancares celebrarase os vindeiros 25 e 26 de maio nas Nogais. A cita, que promove un dos produtos con máis tradición dos Ancares, como é a empanada, e serve ademais para dinamizar a actividade social e económica do concello durante toda a fin de semana, pois agárdase a visita de preto de 2.000 persoas durante os dous días.

A Feira da Empanada das Nogais é un evento xa consolidado, unha das referencias da primavera na comarca, que medra ano a ano, pois cada vez son máis os postos e o número de expositores instalados, principalmente de artesanía e gastronomía, como embutidos, pan, doces, embutidos ou queixos.

O programa, organizado pola Asociación de Empresarios das Nogais (Adean) en colaboración co Concello,  inclúe actos durante toda a fin de semana. A celebración chega á súa decimocuarta edición cun programa repleto de actividades, que unen a gastronomía, a tradición e a festa.

As actividades arrincarán o sábado cos concursos de empanadas e de repostería, o primeiro pensado para a participación de persoas adultas e o segundo de nenos e nenas, cun xurado formado por membros da organización e por persoas escollidas ao chou entre o público. Os premios do concurso serán entregados ao día seguinte antes da clausura da Feira. A cea do sábado será unha touciñada e chourizada popular de balde a partir das 9 da noite e a continuación seguirá a festa coa verbena que amenizará o Grupo Punto Clave.

O domingo será o día grande coa celebración da Feira a partir das 10 da mañán, cando abrirán os arredor de 70 postos de degustación e venda previstos. Ademais do pan e as empanadas procedentes de panaderías da zona e doutras chegadas do resto da provincia de Lugo, teñen cabida outros moitos produtos da comarca dos Ancares, como queixos, doces e embutidos. Entre os expositores que se congregan cada ano na praza da vila hai tamén produtores procedentes de comarcas veciñas, como O Courel ou a Ribeira Sacra, así como doutras zonas de Galicia ou do Bierzo, polo que tamén se pode mercar viño, cereixas ou artesanía de madeira, coiro, pedra ou outros materiais.

A lectura do pregón, prevista para a unha da tarde, corresponderá este ano ao doutor en Historia Adolfo de Abel Vilela. Tralo pregón, terán lugar as actuacións musicais do grupo de baile tradicional Peña Ubiña de Babia, procedente de León, e do grupo de música tradicional da Asociación Cultural Abrente das Nogais. Pola tarde, ás 5 e media, haberá unha representación teatral da obra A ola dos cartos.

Durante toda a fin de semana tanto nos postos de venda da Feira como nas tendas e establecimentos da vila repartiranse rifas con cada compra ou consumición para participar no sorteo de dous lotes de produtos da Feira valorados en 300 euros e que se entregarán o domingo ás 6 e media da tarde.

As empanadas de liscos, as protagonistas

A empanada é sen dúbida, xunto co caldo ou o polbo, un dos produtos emblemáticos da gastronomía galega. E empanadas hainas case de tantas cousas como poidamos imaxinar, pero falar de empanadas nos Ancares é falar das empanadas de liscos ou de carne, tradicionais nesta zona. Son elas as verdadeiras protagonistas da celebración que cada ano xunta a máis persoas nas Nogais a última fin de semana deste mes.

Coma todos os anos, no concurso de empanadas haberá elaboracións sorprendentes tanto polos ingredientes empregados como pola presentación ou a innovación. O ano pasado o primeiro premio foi para unha empanada de chipiróns e foron tamén galardoadas elaboracións con coello, setas con queixo do Cebreiro e unha empanada de tortilla de patacas con chourizo dentro das categorías absoluta, á mellor presentación e o premio á inovación. Na edición anterior foran premiadas empanadas de coello, carne de cachena, zamburiñas e peixe ou de touciño e roxós. Entre os cativos, o concurso de repostería tamén está moi concurrido.

A Festa das Flores

Representación dos maios a cargo da Asociación Cultural Abrente das Nogais na edición do ano pasado

Representación dos maios a cargo da Asociación Cultural Abrente das Nogais na edición do ano pasado

Da música tradicional encargarase, coma todos os anos, a Asociación Cultural Abrente das Nogais, cuxos integrantes enchen de música, festa e alegría durante todo o día o recinto feiral ubicado no centro da vila. A Feira da Empanada coincide ademais coa Festa das Flores, na que se celebra en zonas de montaña coma esta a chegada do bo tempo e a fertilidade dos campos, polo que os nenos e nenas das Nogais son os encargados de lembrar todos os anos a orixe desta celebración ataviados con vestimentas brancas e adornos florais, nunha das representacións que aínda pervive da tradición dos maios na provincia de Lugo.

Desde o Concello das Nogais queren conxugar dous elementos fundamentais para o desenvolvemento deste municipio da montaña lucense, conservar a tradición e potenciar o turismo. E a celebración desta feira de exhaltación dos produtos locais serve tamén para atraer todos os anos a numerosos visitantes a este concello que ten na riqueza paisaxística e patrimonial e na gastronomía os seus principais atractivos. Son numerosas as rutas de senderismo que permiten coñecer esta zona dos Ancares e visitar monumentos como a igrexa de San Andrés das Nogais, un dos máis importantes do municipio, da época románica e mozárabe e con valiosas pinturas no seu interior; a torre de Torés ou a igrexa parroquial de San Xoán de Torés, de marcado aire renacentista: ou o pazo e a torre de Doncos, unha das referencias míticas do medievo galego. O turismo constitúe un dos principais potenciais da comarca dos Ancares e a cita da última fin de semana de maio nas Nogais é un reclamo máis para coñecer o concello e un escaparate importante de todo canto ten que ofrecer ao visitante.

Unha cita consolidada e que vai a máis 

A Feira da Empanada das Nogais naceu no mes de maio de 2006 impulsada pola recén creada Asociación de Empresarios de As Nogais coa intención de organizar un evento que servira para dar a coñecer unha das zonas máis fermosas da montaña de Lugo. A cita comezou cunha pequena carpa onde se aloxaban 20 expositores de produtos que se elaboran na comarca. Dez anos despois a celebración está asentada plenamente, situada como unha das refrencias da primavera na comarca, e medra ano a ano, superando xa amplamente o medio cento de expositores neste momento.

Entre os habituais na Feira están tanto os produtores como as distintas industrias de transformación vinculadas ao sector primario existentes no concello, como as panadarías Ricardo, de As Nogais, e Nullán, da parroquia do mesmo nome, ou Amadora, na parroquia de Torés. Nos Ancares, igual que o pan, os produtos do porco teñen unha especial tradición. No concello das Nogais unha empresa, Embutidos Villabol, adícase aos derivados cárnicos é a fabricación artesá de embutidos e salazóns. Tamén acuden á Feira outros produtores locais de chourizos, queixos, coma Begoña ou Encarna, da parroquia de Viladicente, ou de mel, como Monteiro, de Villarín, ou Fermina, de Torés, que vende coa marca El Castillo .

Adobe Photoshop PDF

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información