Feijóo anuncia a integración dos centros de investigación agraria na Axencia Galega de Calidade Alimentaria

O titular da Xunta visitou as instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, onde presentou o seu primeiro viño oficial

Publicidade
Feijóo anuncia a integración dos centros de investigación agraria na Axencia Galega de Calidade Alimentaria

Albertó Núñez Feijóo co director da EVEGA, Juan Manuel Casares Gándara

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou este venres que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que concentrará as actividades de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico no eido agroalimentario, sirva para potenciar a protección da calidade dos produtos galegos.

Durante unha visita ás instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Feijóo expresou o seu convencemento de que con esta iniciativa se racionalizará a estrutura dos centros de investigación agraria dependentes da Xunta de Galicia, “uníndoos e coordinándoos baixo un mesmo paraugas para ser máis útiles e potentes”.

Deste xeito, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria agrupará ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM); á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), así como a súa segunda estación en Ribadumia; ás explotacións experimentais agrícolas de Salcela de Caselas, A Pobra de Brollón e do Marco da Curra, así como o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

Ademais, garantiu o compromiso de seguir apostando pola calidade dos produtos galegos a través da marca Galicia Calidade, “unha marca consolidada e que hai que seguir coidando”; potenciando as denominacións xeográficas de calidade, como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas; e a través tamén doutras figuras de protección da calidade, como os produtos da artesanía alimentaria, a agricultura ecolóxica ou a produción integrada.

Nesta liña, lembrou que un dos sectores que ten un claro compromiso coa calidade é o vitivinícola; un sector que cada vez produce máis viño e mellor valorado (un 34,4% máis de produción que hai seis campañas); que facturou máis de 200 millóns de euros no 2015; e que cada vez vende máis ao exterior, cunhas exportacións que se duplicaron fronte á campaña 2008/2009.

Feijóo destaca o traballo da EVEGA a favor do sector vitivinícola

Nesta evolución, Feijóo destacou o traballo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, cuxo labor céntrase en dous piares: a investigación e a formación.

Sobre este punto, recordou que a Evega dispón dun Banco de Xermoplasma, que ten a primeira colección de variedades autóctonas de Galicia e a máis completa; ademais de ser o único viveiro seleccionador oficial de Galicia, é dicir, selecciona clons das variedades autóctonas para que os viveiros produtores poidan subministrar plantas certificadas aos viticultores que as precisen.

E, en relación á formación, Feijóo destacou que na páxina web da Evega se pode atopar vídeos formativos, relatorios de xornadas técnicas e cursos de formación. Así mesmo recordou que hai unhas semanas ampliouse este labor formativo coa publicación na rede do primeiro monográfico da Evega, dedicado á variedade godello.

O titular da Xunta concluíu poñendo o traballo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia á disposición de toda as adegas e denominacións de orixe de Galicia.

Presentación do primeiro viño oficial da Evega

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) presentou onte o seu primeiro viño oficial elaborado coas variedades de treixadura, albariño, godello e loureira. Son 600 botellas de branco co que se promocionará a estación, ademais de utilizarse en catas e como agasallo en eventos e degustacións ofrecidas pola Xunta.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información