A fábrica de Nestlé en Galicia prevé bater este ano unha marca de produción en leite condensado

A fábrica de Nestlé en Galicia prevé bater este ano unha marca de produción en leite condensado

Planta de Nestlé en Pontecesures

A fábrica en Pontecesures é unha das máis competitivas na produción de leite condensado do Grupo Nestlé a nivel mundial. Desde 2010, a compañía investiu máis de 15 millóns de euros destinados a melloras na xestión ambiental, as condicións de seguridade e a eficiencia da fábrica, entre outras. Así, conseguiuse pasar das 22.000 toneladas de leite condensado producidas a principios da década, ás máis de 47.000 ás que se chegará a finais de ano, o que constituirá unha marca na historia da planta.

Entre os investimentos máis destacados realizadas nos últimos anos que favoreceron este aumento de produción, cabe destacar os preto de 3,5 millóns de euros que Nestlé realizou en 2011 e que permitiu á fábrica absorber volumes de leite condensado para outros mercados, producíndose, nun primeiro momento, un incremento dunhas 10.000 toneladas. Este feito propiciou que a factoría se convertese en 2012 na única da multinacional suíza na zona EMENA (Europa, Oriente Medio e Norte de África) dedicada á elaboración de leite condensado.

Ademais, entre os anos 2014 e 2018, Nestlé investiu 1,5 millóns de euros destinados a melloras no evaporador -elemento crave para a produción de leite condensado- que comportou un incremento do 30% da capacidade produtiva do centro. Como consecuencia, Nestlé espera pechar este 2018 con todo un récord de produción ao superar as 47.000 toneladas elaboradas.

Cada día Nestlé recolle en Galicia 250.000 litros de leite

Cun persoal medio de 170 persoas, a fábrica de Pontecesures conta na actualidade con 8 liñas de enchido. O centro produce tanto leite condensado como leite evaporado, doce de leite ou cocido de leite, elaborados con leite fresco galego. O 60% da súa produción expórtase a Oriente Medio, Europa -sendo os seus principais destinos Reino Unido, Francia, Portugal, Italia e Bélxica-, África Central e o Magreb.

De forma diaria, descárganse ao redor de 250.000 litros de leite fresco de media, recollidos na súa maioría nas máis de 150 explotacións gandeiras que traballan coa fábrica. Situadas nun radio máximo de 60 quilómetros, algunhas destas granxas xa representan a terceira ou cuarta xeración de gandeiros que colaboran con Nestlé.

“O factor diferencial da nosa fábrica é utilizar leite fresco, proporcionado, principalmente, polos nosos propios gandeiros. O produto que fabricamos agradece moito o contar sempre cunha materia prima fresca que nos achega un plus”, destacou Edis Estévez, responsable de Abastecemento Lácteo da planta de Nestlé en Pontecesures.

Máis información: “En Nestlé xa pagamos o leite por quilos de sólidos, non por litros, e esa é a tendencia”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información