Este venres comeza o reparto das trampas contra a Vespa Velutina

Este venres comeza o reparto das trampas contra a Vespa Velutina

Reunión da conselleira coas agrupacións apícolas de Galicia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, formalizou este xoves o acordo coas catros asociacións apícolas de Galicia para levar a cabo a distribución de trampas e de botes de líquido atraente contra a vespa velutina, un reparto que comezará este venres e que neste ano 2017 dobra o número de aparellos.

A consellería achegará máis de 5.600 trampas e as súas correspondentes monodoses de líquido atraente contra este insecto, que se suman ás máis de 5.000 repartidas nos últimos dous anos.

O reparto faise despois de reunirse con todas as entidades implicadas e chegar a un acordo polo cal Medio Rural repartirá as trampas en función do número de colmeas e das zonas afectadas. Así, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) recibirá 2.273 trampas e 13.638 monodoses de 10 mililitros de líquido atraente, destinadas a 1.119 asentamentos apícolas. A Agrupación Apícola de Galicia, 539 trampas e 3.234 monodoses para 251 asentamentos apícolas. A Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), 240 trampas e 1.440 monodoses destinadas a 130 asentamentos apícolas e, por último, a Asociación Abellas Nais disporá de 95 trampas e 570 monodoses para 37 asentamentos apícolas.

En total, serán 3.147 trampas as que recibirán estas asociacións para repartir entre os seus socios, pero os apicultores non integrados en agrupacións tamén contarán con estes aparellos. Así, a través das Oficinas Agrarias Comarcais distribuiranse outras 2.512 trampas para 1.651 explotacións. En total, en toda Galicia só neste ano vanse poñer 5.659 trampas, co seu correspondente líquido atraente, destinados a un total de 3.188 asentamentos apícolas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez, insistiu na importancia de que sexan os expertos os que coloquen e fagan a distribución deste material dado que a instalación de trampas en zonas nas que non se coñeza a presenza desta especie ou a utilización dun número excesivo das mesmas vai supoñer que se capturen indiscriminadamente outras especies de insectos, coma a nosa Vespa Crabro, a única que pode loitar contra a invasora.

Aga celebra este sábado en Arzúa o Día do Apicultor.

A Asociación Galega de Apicultura (Aga) organiza este sábado en Arzúa o Día do Apicultor. Durante toda a xornada haberá un amplo programa de charlas, conferencias e mesas redondas que afectan ao sector apícola. Tamén exporanse materiais innovadores  para os apicultores procedentes de Grecia, Polonia, Chequia, Australia…

Ademais, está previsto iniciar a campaña Stop Vespa Velutina 2017 co reparto de trampas e atraíntes para a campaña preventiva de captura de raíñas fundadoras desta especie invasora, subvencionadas pola Consellería do Medio Rural. Esta campaña desenvolverase durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

Finalmente, tamén terá lugar a asemblea xeral anual de Aga.

Velaquí un resumo do programa do Día do Apicultor:

10:00h
Xosé Manuel Durán. Ténico da Asociación  APEGA (produtores ecolóxicos) e socio de AGA. Manexo de colmeas sen tratamentos.

11:00h Situación actual da velutina e axudas. Laura García Sáez. Asesora Xurídica de AGA .
Regulación da problemática. Quen ten competencia no tema? Axudas actuais e futuras

12:00h
Mesa redonda:
– Vespa velutina, métodos de protección das colmeas “Experiencias ca arpa eléctrica”  Integrantes: Ramiro Freire, Óscar Abad Brañas, Diéter Boisits e Jose María Bello.

13:00h
Asemblea xeral de AGA

16:00h José Castro. Apiterapeuta-AGA. Tratamento de doenzas coa picada da abella (artrose, reumas)

16:30h Sandra Rojas Nossa. Investigadora-AGA. Conclusións sobre o Programa “STOP Velutina” 2016

17: 00h Lisette Zwuster.  Consultora en desarrollo-Erica mel. Presentación, Erica Mel en Etiopía.

17:30h Gonzalo Calvo. Veterinario-AGA. Apuntes para tramitar as axudas do plan apícola 2017, e
últimas novidades sobre o Libro-rexistro das explotacións apícolas

Máis información:
AGA –Asociación Galega de Apicultura
Feira Nova s/n Santa María – Arzúa
Tel. 981 508 142 / 630 069 635  (Suso Asorey)
Email: info@apiculturagalega.es
Web: www.apiculturagalega.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información