Esixen a Xunta e Goberno Central unha etiquetaxe transparente da orixe do mel

SLG e AGA reclaman en Santiago de Compostela que as consellerías de Industria e de Medio Rural esixan do Goberno do Estado unha etiquetaxe transparente no mel

Esixen a Xunta e Goberno Central unha etiquetaxe transparente da orixe do mel

Protesta deste mércores en Santiago de Compostela

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba Seivane, e o secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorey, rexistraron este mércores na sede da Xunta en Santiago de Compostela senllos escritos dirixidos ás consellarías de Industria e Medio Rural para que lle esixan ao Goberno do Estado os cambios lexislativos necesarios para posibilitar unha etiquetaxe transparente no mel na que se detalle, entre outros aspectos, o país ou países de orixe do produto.

Posteriormente, ambos mantiveron unha xuntanza coa directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal , para expoñerlle a problemática denunciada.

Esta acción estivo coordinada con outras semellantes en Santander, Murcia, Guadalaxara, Barcelona, Logroño, Sevilla, Zaragoza, Valencia e Mérida que se levaron a cabo durante a xornada de hoxe no marco dunha campaña organizada pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o SLG.

No escrito presentado e na xuntanza mantida coa directora xeral de Comercio, informan da obriga na Unión Europea de informar correctamente a consumidores e consumidoras na etiquetaxe dos produtos alimentarios, coa “prohibición de inducir ao erro” e indicar, entre outros datos, a procedencia do produto (Directiva 2000/13/CE do Parlamento Europeo e do Consello). Se ben é certo que a Directiva 2001/110/CE do Mel permite etiquetar o produto importado como «mestura de meles orixinarios da CE», «mestura de meles non orixinarios de CE» e «mestura de meles orixinarios e non orixinarios da CE», sen indicar as porcentaxes, o que induce á confusión en beneficio dos meles importados de China e doutros países e prexudicando aos apicultores europeos.

Neste sentido, dende AGA e o SLG lembran que “países como Italia xa teñen lexislado para que sexa obrigatorio indicar na etiqueta o país ou países de orixe onde o mel fose recollido no caso de meles orixinarios de dous ou máis estados membros ou países terceiros”.

No Estado español, actualmente, séguese etiquetando meles de fóra da UE como “mestura de meles UE – non UE” (en casos de adición de pequenas cantidades de mel europeo ás mesturas) sen indicar os países nos que os meles foron recollidos; ou etiquetando como “mestura de meles non UE” sen indicar se o mel comercializado provén de China ou de Ucraína.

A etiquetaxe actual favorece aos meles de China aos que se lle engade unha ínfima parte de mel europeo

“Desta maneira, as grandes operadoras estatais están a mercar mel chinés de dubidosa calidade a prezos de miseria, inferiores a 2 € o quilo, ao que lle engaden unha ínfima parte de mel de países europeos onde tamén se merca barato, como Romanía, e o etiquetan finalmente como mestura de meles UE-non UE”, denunciaron os portavoces de AGA e do SLG. Así, alertan da importación de mel chinés dende terceiros países como Portugal (a 1’45 €/quilo), Arxentina (1’87 €/quilo) ou Uruguai (2’16 €/quilo), para agachar a súa orixe verdadeira.

Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Apicultura pedíronlle ás consellarías de Medio Rural e Industria a que insten ao Goberno a que aproveite a oportunidade que supón a modificación do Real Decreto 1049/2003, de 1 de agosto, polo que se aproba a norma de calidade relativa ao mel (así como a súa posterior modificación, o RD 473/2015), para introducir un cambio normativo na lexislación semellante ao introducido en 2006 na lexislación italiana, que permita ao sector apícola galego e español poder diferenciar as súas producións fronte ás doutros países, e aos consumidores e consumidoras coñecer a orixe dos meles que consumen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información