Ensaian con éxito un atraente contra a avespa asiática

O entomólogo e membro do equipo de Protección Civil de Cambre ensaia con éxito un atraente a base de xarabe de mel para capturar vespa velutina nos colmeares. Explicamos como funciona

O entomólogo e membro do equipo de Protección Civil de Cambre, Lolo Andrade, está a ensaiar con éxito un atraente para a avespa asiática. O produto, que xa ten sido probado en varios apiarios da comarca das Mariñas, permite atrapar Vespa Velutina nas colmeas.

Nesta época rexístrase o pico de ataques ás abella por parte dsta especie invasora, en busca de proteína coa que alimentar ás súas larvas. Ademais das baixas, esta presión provoca un importante estrés na colmea, de forma que as abellas deixan de saír a pecorear, e a colmea debilítase e morre.

Neste sentido, o líquido atraente, que se pode elaborar en casa, deposítase no fondo dun tarro de cristal, de forma que as avespas asiáticas, unha vez entran, quedan enzoufadas pola mestura e non poden saír. Os cebadoiros colócanse encima das colmeas e vanse baleirando a medida que se enchen de velutinas.

O atraente pode colocarse tamén nun recipiente maior, como un cubo grande cun funil como tapadeira, que lles permite acceder pero non saír.

A receita para o xarabe de mel é a seguinte:
– Póñense 2 litros de auga a quecer, e disólvese nela cando estea ben quente 1/2 kg de mel
– Déixase arrefriar totalmente (ten que estar frío do todo para o seguinte paso)
– Engadir 2 culleradas de alcol
– Engadir 1 cullerada de vinagre
– Engadir en cada bote a mestura anterior, ata unha altura aproximada de 2 centímetros.

A maiores, pódese engadir unha pinga de deterxente, unha soa, que permite romper a capa superficial da auga e así as avespas non aboian e morren máis axiña.

Tal e como se demostra no seguinte vídeo, gravado por Lolo Andrade, nun colmear de Oza dos Ríos, este trampeo é bastante selectivo (algo que non lograban os atraentes existentes ata agora) de forma que captura case exclusivamente Vespa Velutina:

De todos os xeitos, lembra que “é importante sinalar que a trampa pode atraer abellas, polo cal non é aconsellable utilizala se a presión da Velutina sobre o colmear non é grande”.

Por último, lembrar que este trampeo recoméndase que se complemente coa instalación de arpas eléctricas, un sistema que tamén se ten revelado como eficaz para reducir os ataques da avespa asiática aos colmeares.

Recomendan utilizar os niños de Velutina como trampa

Por outra banda, Lolo Andrade tamén recomenda utilizar os propios niños de Vespa Velutina como trampa, no canto de destruílos.

“Unha vez desactivado o niño de Velutina; é dicir, que se aplicou o insecticida na entrada e se procedeu ao selado, no canto de retiralo para queimalo ou esmagalo, podemos utilizalo como trampa”, explica. “Para iso -engade- cortamos cun cutter unha lámina do niño de velutina, de forma que tamén seccionemos os panais con larvas de avespa asiática. Asperxémolo cun insecticida de dobre acción, larvicida e adulticida, e as Velutinas comezarán a chegar atraídas polo líquido das larvas, contaminaranse e levarano ao seu niño, que tamén resultará contaminado”.

É suficiente con colocar os panais con larvas do avespeiro estratexicamente situados preto dos colmeares que están a ser atacados para combater desta forma á Vespa Velutina.

En canto ao insecticida, recoméndase que teña unha composición de Alfacipermetrina 3% (p/p) e Diflubenzuron 3% (p/p). “Os insectos polinizadores non se senten atraídos polas larvas nin por este insecticida, e en canto aos paxaros, ao ser un larvicida sen neonicotinoides, tampouco resulta perigoso. De feito utilízase con frecuencia en gatos, cans ou polos contra os piollos”, precisa Lolo Andrade.

Velaquí un vídeo que mostra como funciona:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información