Enquisa para coñecer a información que piden os consumidores galegos na etiquetaxe dos produtos lácteos

Enquisa para coñecer a información que piden os consumidores galegos na etiquetaxe dos produtos lácteos

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) ven de iniciar unha enquisa por internet para coñecer cal é a información que os consumidores galegos demandan que apareza na etiquetaxe do leite e dos derivados lácteos (queixos, iogures…etc).

A iniciativa enmárcase na mesa de traballo conxunta que se constituíu recentemente entre UCGAL e as organizacións agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e ASAJA-Galicia co obxectivo de acordar liñas de traballo conxuntas para axudar ao sector lácteo galego. Dúas son xa as liñas estratéxicas nas que acordaron avanzar: formación dos consumidores e etiquetaxe dos produtos lácteos.

Sobre esta segunda, e a proposta da Unión de Consumidores de Galicia, acordouse desenvolver o primeiro estudo a nivel galego para coñecer a porcentaxe de consumidores que desexan coñecer a orixe dos produtos lácteos que consumen. O obxectivo é obter unha mostra non inferior a 1.100 respostas.

Tres son as preguntas que se formulan na enquisa: se a etiquetaxe dos produtos lácteos debería incluír información sobre a orixe do leite; se a actual etiquetaxe permite coñecer o contido e a forma en que foron elaborados e se se debería incluír tamén -de forma obrigatoria, voluntaria ou non incluíla- información sobre o tipo de alimentación do gando, o tipo de procesado, a orixe do ingrediente principal ou o reparto do prezo que paga o consumidor entre gandeiros, industria e distribución.

Coa información recibida, a Unión de Consumidores de Galicia comprométese a contactar coa industria láctea e cos principais grupos de distribución e entidades que os agrupen para coñecer a súa disposición a incluír voluntariamente nas etiquetas dos produtos todas ou algunha das mencións sinaladas.

En Francia o goberno ven de acordar a obrigatoriedade de incluír a orixe na equitaxe do leite e dos derivados lácteos a partir do 1 de xaneiro de 2017 e durante un período de proba de 2 anos, algo que en España o Ministerio de Agricultura rexeita ao considerar que debe ser unha información de carácter voluntario por parte de industria e distribución.

Podes realizar aquí a enquisa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información