¿En que concellos se expandirá a avespa asiática?

A Universidade de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, crean un modelo estatístico, dispoñible a través dunha páxina web, que prevé a distribución potencial da Vespa Velutina a curto prazo en cada concello

¿En que concellos se expandirá a avespa asiática?

Probabilidade de distribución actual da vespa velutina, á esquerda, e probabilidade de distribución para o vindeiro ano 2018, á dereita.

O doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Luis Rodríguez Lado, ven de crear un programa, dispoñible para o público a través da páxina web http://webs-gis.cesga.es/velutina que pronostica a expansión futura da Vespa Velutina e o seu grao de afectación a nivel de concello.

É o primeiro sistema de detección precoz desta especie invasora que se deseña en Europa. O proxecto para a súa creación, denominado “Detección precoz da distribución potencial da avespa asiática en Galicia mediante algoritmos estatísticos automatizados sobre plataformas dixitais”, contou co financiamento da Deputación Provincial da Coruña. A nova ferramenta foi presentada o pasado sábado na Casa do Mel de Goente, nas Pontes, nunha xornada de intercambio de ideas para combater a Vespa Velutina e que contou coa asistencia de arredor dun cento de apicultores e apicultoras de toda Galicia.

“A principal vantaxe desta aplicación é que predí, cunha información actualizada continuamente, a probabilidade de aparición desta especie invasora no ano próximo, e polo tanto onde cómpre facer unha labor intensa de trampeo primaveral e de medidas de prevención, mellorando a eficiencia e optimizando os recursos públicos”, explicou Luis Rodríguez Lado.

Para calcular en que zonas afectará máis cada ano a Vespa Velutina, o programa deseñado por este investigador da USC tivo en conta varias fontes de información ambiental que se relacionaron, por medio dun algoritmo estatistico, coa presencia de niños no pasado. Utilizou métodos de cartografía predictiva dixital de especies, nas que mediante algoritmos de predición estatística, e tendo en conta os datos climatolóxicos de cada zona, se pode prever onde é probable a aparición da velutina e así crear escenarios simulados para estimar a súa presencia no futuro.

Como datos de entrada de presencia da velutina no modelo estadístico empregou a base de datos de rexistros dos niños de Vespa Velutina retirados pola Xunta de Galicia dende o ano 2014, na que se consta a ubicación de máis de 20.000 avespeiros. Como datos auxiliares utilizou series normalizadas de datos climatolóxicos -precipitacións, temperaturas – de 103 estacións de Aemet ao longo dun período de 30 anos. Estos datos, conxuntamente cos datos diarios climatolóxivos de Meteogalicia, lle permiten determinar as tendencias de evolución climática media esperada e ter en conta o efecto do cambiamento climático nos modelos. Tamén tivo en conta os datos de usos do solo, nos que, unha análise da distribución de niños por clases de uso revelou que a Vespa Velutina ten preferencia polos núcleos habitados e polas zonas de mosaico agrícola, onde atopa os hábitats dos que extraer os recursos nutricionais que precisa (froita, abellas e todo tipo de insectos) .

¿Onde hai maior presenza de Velutina e cara onde se vai espandir en 2018?

Con todos estes datos os resultados da aplicación indican que a distribución da Vespa velutina está condicionada por:

-En canto ao uso forestal, os datos existentes indican que ten preferencia por bosques de eucaliptos sobre os que están ocupados por piñeiros ou por caducifolias.

-O clima é un condicionante moi forte para a distribución da Vespa velutina. De acordo cos datos dispoñibles, canto máis continentalidade climática ten un territorio (maior contraste entre temperaturas de inverno e verán) menor é a presenza de Vespa Velutina.

-Neste ano 2017 a presenza de Velutina incrementouse especialmente na comarca de Betanzos, Ordes, Arzúa, As Mariñas, Bergantiños e Rías Baixas.

-Para o 2018 a predición do programa é que vai aumentar a súa presenza tanto en territorio como en densidade en toda a franxa costeira galega.

A aplicación xenera automáticamente un informe detallado, de descarga libre e gratuíta, dos detalles do proceso de modelización e distribución futura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información