“En 2019 teremos aprobada a IXP Pan Galego e o Decreto de Artesanía Alimentaria”

Entrevista a Manuel Rodríguez Vázquez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería de Medio Rural. Avanza que para o próximo ano recuperarase a formación regrada no C.F.E.A. Pedro Murias de Ribadeo con ciclos vinculados ao leite e á agricultura ecolóxica

Publicidade
“En 2019 teremos aprobada a IXP Pan Galego e o Decreto de Artesanía Alimentaria”

Manuel Rodríguez Vázquez, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)

Manuel Rodríguez Vázquez é director dende hai uns seis meses da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), un organismo dependente da Consellería de Medio Rural e creado no mes de abril deste ano coa finalidade de coordinar e dirixir os centros de investigación e de formación agraria e as Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e o CRAEGA.

Como principais obxectivos para 2019, o director da AGACAL márcase a implantación do decreto de artesanía alimentaria e da IXP Pan Galego, así como impulsar unha IXP ou unha DO para a empanada galega.

Que é AGACAL e que a diferencia do seu predecesor, o INGACAL?
AGACAL nace como unha ferramenta e estratexia ao servizo do sector agroalimentario galego e o obxectivo é que funcione como tal. Noutras comunidades e mesmo a nivel estatal existen dirección xerais que levan investigación e formación no sector de xeito vinculado.

Neste sentido, a Consellería de Medio Rural conta con 4 centros de investigación propios (CIAM, EVEGA, Lourizán e o Centro Tecnolóxico da Carne) e 6 centros formativos (Sergude, Guisamo, Becerreá, Monforte, Ribadeo e Lourizán) con formación regrada e/ou continua. Por tanto, é lóxico que estean vinculados, e de feito durante un tempo na administración galega estiveron unidos. O seguinte paso que demos é vincular estes dous ámbitos coa calidade diferenciada, como son as Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (CRAEGA).

Esta coordinación destas tres áreas baixo a AGACAL permitirá, por exemplo, que un operador dunha DO que precisa I+D para sacar un novo produto ao mercado teña á súa disposición os recursos humanos e técnicos dos nosos centros de investigación e ademais poderanse formar aos operadores nos nosos centros de formación. Por tanto, a AGACAL vincula e dálle coherencia a estes tres ámbitos.

Deste xeito, mentres que o INGACAL era un ente administrativo que coordinaba a xestión dos proxectos de investigación dos 4 centros de investigación dependentes da Consellería de Medio Rural, a AGACAL incorpora a formación e a calidade alimentaria diferenciada.

Con que orzamento contará a AGACAL?
O orzamento deste ano con respecto ao ano pasado subiu un 4%, estamos a falar duns 60 millóns de euros de presuposto, sen contar cos gastos de persoal. E para o 2018 a previsión é que medre un 3,4%.
Imos incrementar a liña de investigación en novos produtos, novos procesos e proxectos piloto, de forma vinculada aos operadores agroalimentarios; e por outra parte aumentamos os fondos de promoción para os consellos reguladores, sobre todo para dalos a coñecer a nivel estatal e europeo.

Na súa última comparecencia na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego a oposición chamou a atención que dende o 2010 suprimiuse case o 50% dos postos de traballo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e en menor medida na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) ¿Comparte esta análise?
As cifras globais non son exactamente así, pois existen varias categorías laborais nos centros de investigación. No Parlamento os grupos da oposición falaron do 50% de redución de persoal no CIAM, o que non é correcto. De feito, a día de hoxe a cobertura global das prazas no CIAM é de entorno ao 75%, pero si que é certo que as carencias maiores son en persoal investigador, que rolda o 50% de cobertura, contando o persoal técnico de apoio. Por tanto, imos loitar por cubrir todas as prazas nos centros de investigación dependentes da Consellería de Medio Rural.

Neste sentido, estamos a traballar na elaboración da Relación de Postos de Traballo, que ten que ser coherente e actualizada. Conto que en moi breve prazo teñamos a nosa RTP libre e a partir de aí daráselle tamén voz aos representantes dos traballadores. Dende este departamento loitaremos porque se cubran todas as prazas, porque o lóxico é que un centro de investigación cumpra a súa función e para iso ten que estar suficientemente dotado de persoal.

En canto aos outros centros de investigación, como a EVEGA ou Lourizán, é certo que teñen carencias de persoal pero menores que no CIAM.

Creo que en Galicia hai unha débeda histórica co medio rural. Non somos conscientes do que supuxo para o desenvolvemento do rural galego a importante labor que realizaron e realizan estes centros de investigación. Moita da alta calidade actual dos produtos alimentarios galegos está sustentada no traballo destes centros.

“O lóxico creo que sería que a Consellería de Medio Rural asumise os centros de investigación das deputacións”

As deputacións provinciais, como a de Pontevedra (Finca Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro), Lugo (Granxa Gayoso Castro) ou a de Ourense (INORDE) manteñen os seus propios centros de investigación agrogandeira. ¿Estase a avanzar por parte da Xunta para coordinalos baixo un mesmo paraugas e evitar duplicidades?
Unha das miñas prioridades de traballo para o ano que ven vai nese sentido. No caso das deputacións, a estratexia a medio prazo da Xunta é aunar esforzos para darlle coherencia á estrutura pública de investigación agroforestal en Galicia. O lóxico creo que sería que a Consellería de Medio Rural asumise os centros de investigación agrogandeira e forestal das deputacións.

A formación agrogandeira e forestal da Xunta está repartida entre centros da Consellería de Medio Rural, da de Educación e tamén da Consellería de Traballo ¿Non tería que ser tamén a Consellería de Medio Rural, e a AGACAL en concreto, a que asumise a formación para o sector en Galicia para unha mellor coordinación?
Non vexo aí incoherencias, como si no caso da investigación, e de feito temos asinado un convenio coa Consellería de Educación, polo cal hai profesorado nos nosos centros que pertence ás dúas consellerías.

Dito isto, creo que traspasar os centros de formación de Medio Rural á Consellería de Educación sería renunciar á especificidade da formación que impartimos, pois son auténticas granxas escolas cunha parte práctica imprescindible. Desta forma, o alumno que entra nun dos nosos centros sae sendo un profesional, non só cun título. Formamos a profesionais adaptados á realidade do agro galego, polo que creo que non sería coherente que estes centros de formación propia dependeran doutra Consellería que non fose a de Medio Rural.

¿Estase a incrementar a matrícula de alumnado nestes centros de formación da Consellería de Medio Rural?
Permanece máis ou menos estable nos últimos anos, dentro dun contexto de demografía decrecente no medio rural e dun relevo xeracional difícil. Nos nosos centros de formación regrada a matrícula permanece estable nos últimos 5 anos.

¿E que obxectivos se marca para os 6 centros de formación de AGACAL?
O obxectivo é estrutural: temos uns ciclos formativos que funcionan ben, pero teñen que ser dinámicos e adaptados á evolución dos sectores para non quedar desfasados. Neste sentido, estamos a realizar unha reflexión cos directores dos centros para avaliar a necesidade de novos ciclos e de adaptación dos que xa temos. Tamén estamos a analizar a apertura ou non dalgúns dos centros que a día de hoxe non están a impartir formación regrada, como son os de Ribadeo, e o de Monforte de Lemos. En todo caso, non estou pechado á apertura de novos ciclos, todo o contrario.

 “A intención é volver impartir formación regrada o vindeiro curso no Pedro Murias”

Na provincia de Lugo, a máis gandeira e agrícola de Galicia, chama a atención que dos 3 centros formativos cos que conta a Consellería só imparta formación regrada o de Becerreá…Prevese que cambie esta situación?
Imos ver que necesidades temos de novos ciclos, en que ámbitos e se podemos ampliar a formación nestes dous centros, o de Monforte e o de Ribadeo. Neste último, pola súa situación xeográfica e cercanía a Asturias, considero que ten moito potencial a reapertura da formación regrada con ciclos especializados no sector ecolóxico e no do leite. A intención sería volver impartir formación regrada nel e teremos novidades nos próximos meses.

Unha norma na que hai moito interese entre os produtores é o Decreto de Artesanía Alimentaria, que viría a facilitar a venda directa por parte dos propios produtores. Sen embargo, dende o ano 2008 leva atascado en trámites administrativos ¿Verá a luz proximamente?
Todo o que implique tramitación na Comisión Europea e a nivel estatal alonga moito os trámites, porque unha vez consensuados aquí os pregos de condicións e normas en xeral, é preciso envialos ao Ministerio de Agricultura, que este os aprobe, e logo envialos á Comisión Europea, responder as alegacións e correccións e agardar a que se aprobe.

“A IXP Pan Galego e o decreto de artesanía alimentaria deberían estar activados en 2019”

Por tanto, o decreto de artesanía non foi diferente: enviouse ao Ministerio e á Comisión Europea, fixéronse alegacións por parte do Consello Cultivo da Comisión, respondéronse e foi preciso realizar algunhas correccións.

As últimas noticias que teño é que estamos a piques de que rexistren o decreto a nivel comunitario. Por tanto, en cuestión de semanas debería estar aprobado por Bruxelas. Pero unha vez superado este trámite, aínda queda moito traballo: desarrollar os grupos de produtos e os pregos de cada un deles. É un decreto apaixonante que deberá supor un pulo importante para o sector.

Dúas das ultimas distincións de calidade en trámite son a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego e a Denominación de Orixe Aceite de Oliva e Aceituna de Galicia. ¿Para cando prevé que estean operativas?
A IXP Pan Galego está en proceso de tramitación na Comisión Europea e pendente do rexistro comunitario. Non se fixeron alegacións por parte doutros operadores na UE, está pendente de que remate prazo de alegacións e inscribila no Rexistro Europeo.

Por tanto, é inminente a súa aprobación e debería comezar a funcionar en 2019. En canto á Denominación de Orixe de Aceite de Oliva e Aceituna de Galicia aínda é preciso rematar de redactar os pregos de condicións e creo que deberíamos facer as cousas ben, sen presas, identificando primeiro e catalogando as variedades autóctonas de oliveiras, para apostar por un produto diferenciado, como se fixemos con éxito no caso do viño.

“Gustaríame impulsar unha IXP para a empanada galega”

Volvendo á IXP Pan Galego, ten un enorme potencial pois abrangue todo o territorio e cun número de posibles operadores moi importante. Esperemos que recolla os diferentes intereses dos distintos tipos de panaderías que temos en Galicia e permita dar no exterior ese recoñecemento de calidade ao noso pan. Xunto ao decreto de artesanía alimentaria, a IXP Pan Galego é o maior reto para AGACAL para o 2019.

Por último, un reto que me marco a nivel persoal é impulsar unha figura de protección, unha IXP, para a empanada galega, un produto moi noso e recoñecido e valorado en toda España.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información