“A distribución xa está interesada en vender en España o leite de Quen é o xefe?”

Entrevista a Laurent Chabanne, cofundador de "C'est qui le Patron ?", unha iniciativa na que os consumidores e os agricultores e gandeiros toman o control do prezo na cadea alimentaria. En España está tamén en marcha ¿Quen é o xefe? A marca dos consumidores?

“A distribución xa está interesada en vender en España o leite de Quen é o xefe?”

Laurent Chabanne, cofundador de "C'est qui le Patron ?"

A iniciativa ¿Quen é o xefe? A marca dos consumidores? presentouse recentemente en Santiago de Compostela, seguindo o exemplo de “C´est qui le patron?”, o proxecto orixinario en Francia.

“¿Quen é o xefe? A marca dos consumidores” busca unha alianza entre consumidores e produtores, de forma que os primeiros deciden que características deben reunir os produtos alimentarios en canto a calidade, benestar animal ou sustentabilidade, así como garantirlle aos produtores unhas rendas dignas.

Posteriormente, ponse en contacto coa industria e coa distribución que se poden unir ao proxecto pero sempre coa condición de que o gandeiro reciba a remuneración acordada e o consumidor pague o prezo fixado. As marxes no medio da cadea -industria láctea ou doutro alimento e distribución- acórdanse libremente entre eles.

Falamos con Laurent Chabanne, cofundador de “C’est qui le Patron?”.

Como xurdiu “La marque des consonmateurs. C´est qui le patron?”?
Esta iniciativa é parte de Francia. Atopou unha resposta incrible entre os consumidores franceses nuns poucos meses e axudou a centos de familias de agricultores e gandeiros a saír dunha situación precaria. Tamén atopou o seu lugar nun contexto económico e social axitado e fixo posible, desde o sentido común, propor un novo modelo que permita a todos atopar o lugar que lles corresponde, desde o produtor até o consumidor, pasando tamén pola industria láctea e a distribución.

Esta iniciativa baséase en valores universais: o respecto, a responsabilidade e o compromiso.

¿Cales son as grandes cifras a día de hoxe de “C´est Qui le patron?” e que previsións tedes para este ano?
En Francia, despois de só 2 anos e medio de existencia, máis de 11 millóns de persoas compran os produtos “Quen é o xefe?”. Preto de 9000 persoas uníronse á cooperativa e 107 millóns de litros de leite vendidos desde o comezo da aventura poden axudar a máis de 500 familias gandeiras. En total, en Francia 12,400 establecementos distribúen os produtos “Quen é o xefe?”.

Non temos prognósticos precisos, á parte de vender tantos produtos como sexa posible para axudar a máis familias de agricultores e de gandeiros.

Por que consideras que tivo éxito en Francia?
Esta iniciativa tivo un enorme éxito en Francia, en primeiro lugar porque chegou no momento axeitado e respondeu exactamente ás nosas expectativas. Os consumidores non queremos comprar un produto sen saber como afecta ao noso mundo, á nosa contorna económica e social. Hoxe queremos saber que comemos, queremos saber como se paga a cada actor da cadea alimentaria, queremos gastar o noso diñeiro alí onde nos parece importante sen pór en perigo a nosa contorna do mañá. Finalmente, queremos asegurarnos de que os compromisos asumidos polos nosos socios sexan unha realidade verificable en todo momento.

Sen investir diñeiro en publicidade, ¿Como lograstes a complicidade do consumidor?
Apelamos ao sentido común do consumidor, ao seu compromiso e á súa xenerosidade, á vez que lle brindamos a garantía dun enfoque transparente e auténtico.

En calquera momento, os nosos membros poden preguntarnos, pedir explicacións, participar connosco no despregamento da iniciativa.

¿Como son os acordos que mantedes con industria, distribución e gandeiros produtores de leite?
Cada vez que desenvolvemos un produto, asinamos un contrato cun socio de confianza que está comprometido con varios puntos: Respectar todas as especificacións definidas polos consumidores, incluída a remuneración dos produtores e comprométese por un período de 3 anos, para dar ao produtor unha visibilidade mínima para desenvolver os proxectos.

O produtor, por suposto, acepta respectar tamén as especificacións e, como fabricante, acepta o principio de ser controlado en todo momento polos consumidores nos seus compromisos.

“Carrefour xa se comprometeu a vender en España os produtos de ¿Quen é o xefe?”

¿Que requisitos ten que ter un gandeiro para ser parte de C´est Qui le patron? Cales son os criterios de acceso?
Os criterios de acceso son transparentes e definidos polos consumidores a través das especificacións e implementados polo noso socio industrial. Poden ser de diferentes naturezas: económica, social, cualitativa ou ambiental.

O prezo garantido de compra ao gandeiro é de 39 céntimos o litro de leite, e o de venda de 0,99. ¿Como se reparte entre industria, distribución e a propia marca C´est qui le patron a gran marxe intermedia de 58 céntimos?
Atención, falamos aquí de Francia e é o que foi votado polos consumidores franceses. Por suposto, aínda non se coñecen as cifras e os compromisos adquiridos en España. En Francia o leite véndese ao consumidor a 0,99 euros o litro e o produtor ve o seu leite pagado a 0,39 euros (excluíndo a prima de graxa). Polo demais, 0.045 euros do prezo final de venda van ao Estado a través do IVE e 0.045 euros por litro van para o proxecto “Quen é o xefe?. Os 0,51 euros restantes por litro representan os custos industriais e de distribución, e repártense equitativamente entre estes dous axentes da cadea.

Xurdiron xa iniciativa parecidas como “les éleveurs vous disent merci !” , na que a distribución garante un prezo ao gandeiro de 0,44 euros o litro e un prezo de venda de 0,88. ¿Que vos diferencia destas iniciativas?
Aplicamos un principio básico no noso proxecto: só hai boas iniciativas cando realmente benefician aos produtores e aos consumidores. O que nos diferencia é sobre todo a nosa independencia e o feito de que involucramos aos membros da nosa comunidade ao longo da vida do produto, mesmo durante o seu control a través de visitas periódicas dos produtores que participan no proceso. Facemos todo isto público a través das redes sociais e así garantimos unha total transparencia.

Que vos levou a reproducir o modelo en España coa marca dos consumidores? Que tal está a ser a acollida?
É a petición dunha consumidora española, Annaick Locqueneux García, que coñecía a iniciativa en Francia. Os termos son moi importantes, non reproducimos o proxecto francés, senón que acompañamos a Annaick e ao equipo español para que poidan implementar un enfoque similar en España, tendo en conta as súas especificidades relacionadas coa súa cultura, os seus modos de consumo…etc.

Estamos convencidos de que mentres máis persoas no mundo defendan os nosos valores e principios, seremos máis fortes e teremos a oportunidade de facer que as cousas cambien no futuro. Así é como acompañamos a outro seis países ademais de España: Italia, Marrocos, Grecia, Bélxica, Alemaña e o Reino Unido. Os primeiros pasos da iniciativa en España son incribles, pois xa hai máis de 6,400 consumidores que se uniron para responder o noso primeiro cuestionario sobre o leite. É case tanto como en Francia, onde participaron 6800 votantes.

“Esta iniciativa interésanos a todos porque todos somos consumidores”

Podes adiantarnos se xa tedes contactos avanzados con gandeiros, industrias lácteas e distribución? Algunha delas está en Galicia?
Polo momento é difícil avanzar máis información. Para atopar socios na industria e na distribución é necesario saber primeiro as condicións que piden os consumidores españois. E iso será o resultado dos votos en Internet que pronto nos permitirán negociar en serio con posibles socios. Galicia é unha rexión histórica de produtores de leite. Por iso viñemos reunirnos con gandeiros e consumidores galegos en Santiago de Compostela para presentar o proceso por invitación da COAG.

No lado da distribución, Carrefour xa acordou pór os nosos futuros produtos á venda. Isto xa é unha moi boa noticia.

Tedes algunha previsión de cando sairedes ao mercado en España e con que produtos?
Tan axiña que como sexa posible, pero queremos facer as cousas ben. Actualmente estamos a traballar en tres produtos: leite, ovos e aceite de oliva.

Esta iniciativa interésanos a todos, sexa cal for a nosa profesión, o noso status porque, basicamente, todos temos unha cousa en común: Todos somos consumidores!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información