Destacan que a loita contra a Vespa Velutina só é efectiva se se fai a nivel de comarca

Esta foi unha das conclusións da mesa redonda sobre a Vespa Asiática celebrada dentro da Feira Apícola das Rías Baixas. Alimentar as abellas nos meses de maior presión ou xeorreferenciar os niños que se retiran, outras propostas.

Destacan que a loita contra a Vespa Velutina só é efectiva se se fai a nivel de comarca

Mesa redonda sobre a Vespa Velutina

A loita contra a Vespa Velutina só é efectiva se se fai de xeito coordinado a nivel de comarca, pois do contrario a vespa asiática acaba reinvadindo na mesma campaña os puntos nos que si se fixo trampeo ou retirada de niños.

Asemade, sería preciso ter os datos de xeolocalización en googlemaps dos niños retirados pola Xunta para colocar na primavera seguinte as trampas para a captura de raíñas desta especie invasora. Igualmente recoméndase suplementar a alimentación das colmeas durante os meses de maior presión da vespa velutina.

Estas foron algunhas das conclusións da Mesa redonda sobre a Vespa Asiática que se celebrou o día 8 deste mes en Porriño dentro da 29 edición da Feira Apícola das Rías Baixas, un dos eventos máis importantes do calendario apícola galego, e que estivo organizado pola Agrupación Apícola de Galicia e pola Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra.

Na mesa redonda participaron destacados expertos como Frederique Ripet, consultora apícola en Francia; Lolo Andrade, técnico de Protección Civil de Cambre e entomólogo, Manuel Ferreira, presidente da Casa do Mel de Goente ou Javier Seijo, membro da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra.

¿Como loitan contra a Velutina en Francia?

Francia foi o primeiro país europeo a onde chegou a Vespa Velutina, no ano 2004 a través do porto de Bordeos. Neste sentido, Frederique Ripet asegurou que a experiencia dos apicultores franceses de trece anos de loita contra a Velutina “amosa que as medidas máis eficaces son destruír os niños primarios, facer trampeo de raíñas entre febreiro e marzo e retirar e destruír os niños secundarios, procurando de matar tamén as larvas”.

Sen embargo, a consultora apícola francesa subliñou que para que estas medidas sexan efectivas “é moi importante facer o trampeo nunha mesma zona todos os apicultores, coordinándose a nivel de comarca”. “Isto fíxose na rexión de Bretaña deste xeito e obtiveron moi bos resultados”, engadiu.

En canto aos sistemas de protección das colmeas durante os meses de xullo, agosto e setembro, cando hai máis presión da Vespa Velutina en busca de proteína, Frederique Ripet asegurou que “o sistema de reixa, tipo gaiola de Faraday, é moi importante instalalo para baixar o estrés e que as abellas saian a pecorear”.

“É moi importante xeoreferenciar os niños”

Pola súa parte, Manuel Ferreira, presidente da Casa do Mel de Goente, en As Pontes (A Coruña), ofreceu algúns datos que amosan a gravidade desta especie invasora para os apicultores da comarca do Eume: “Dos arredor de 150 socios que temos o 90% están afectados polo problema da Vespa Velutina e se en 2015 retiramos no concello das Pontes 10 niños secundarios no 2016 foron 165”.

Da súa experiencia na loita contra a vespa asiática, Manuel Ferreira destacou que “deunos moi bo resultado xeorreferenciar os niños que retiramos pois nos serven como referencia para facer posteriormente o trampeo en primavera de raíñas fundadoras; en definitiva, permítenos coñecer as zonas de maior incidencia, como beiras dos ríos e regatos”.

 “Para facer o trampeo de primavera hai que guiarse polas temperaturas medias de cada zona”.

Ademais, o presidente da Casa do Mel de Goente tamén advertiu de que “para facer o trampeo de primavera non nos podemos guiar por regras xerais e dicir que hai que facelo de febreiro a marzo”. “Hai que guiarse máis polas temperaturas medias de cada zona e polas floracións, porque as raíñas de Velutina solen estar activas moito antes na costa que na zona de interior máis elevada”, subliñou.

Por último, Manuel Ferreira reclamou a realización dun estudo sobre a eficacia dos líquidos atraentes das trampas contra a Vespa Velutina e chamou a atención sobre que “o líquido atraente que reparte a Xunta este ano non vale para primavera”. Asimesmo, criticou que se disparasen os prezos dos líquidos atraentes comerciais, especialmente o do Avispaclarc.

Importancia de darlle unha alimentación suplementaria ás abellas nos meses de maior presión da Velutina

Pola súa parte, Javier Seijo, membro da Asociación Apícola de Pontevedra, recordou que o efecto máis negativo da presión da Vespa Asiática sobre os colmeares “é que polo estrés as abellas deixan de saír ao campo, non entra pole e néctar, debilítanse e deixan de criar, co que a colmea acaba morrendo”.

“Por iso temos que realizar alimentación das colmeas antes da entrada no inverno, para ter antes de novembro unha xeración de abellas novas que se encarguen de quentar a cría”, engadiu Seijo.

Neste sentido, explicou que dende Asociación Apícola de Pontevedra probaron en 2016 cun sistema de quendas de alimentación nos meses de maior presión da vespa velutina (agosto e setembro) que deu resultados positivos. “Empezamos alimentando cada colmea con medio litro de vitaminas e de proteínas e a segunda semana subimos a 1 litro. Agardamos unha semana para que non críen de máis, e volvemos repetir a quenda de alimentación e os resultados van sendo positivos”, destacou.

Por último, Lolo Andrade, técnico de Protección Civil de Cambre e entomólogo, explicou os sistemas para a retirada dos niños de vespa velutina, un proceso do que dixo “cada vez terán que facerse máis cargo os propios apicultores, como xa sucede en Francia, porque a Administración non pode chegar a todos os niños”.

Asemade, reclamou da Administración un maior control nos portos e aeroportos para frear a entrada de novas especies exóticas invasoras, como outras vespas asiáticas da familia da Velutina, incluso máis agresivas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información