Demandan que a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio se sumen á loita contra a Vespa Velutina

A Plataforma STOP Velutina rexistrou un escrito na Xunta achegando propostas para combater eficazmente a expansión desta especie invasora. Piden que o Ministerio tamén se implique na loita contra a Velutina.

Demandan que a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio se sumen á loita contra a Vespa Velutina

Membros da Plataforma STOP Velutina no Rexistro da Xunta en San Caetano

A Plataforma STOP Velutina, integrada por unha trintena de colectivos e organizacións, rexistrou este martes en Santiago de Compostela un escrito dirixido ás consellarías de Medio Ambiente e á de Medio Rural reclamando a súa implicación na loita contra a avespa asiática, unha especie invasora que está a provocar unha media do 30% de perdas no sector apícola.

Os representantes da plataforma piden básicamente que unha maior coordinación entre as administracións, fondos para descubrir métodos eficaces para frear esta especie invasora e que o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente e a Consellería de Medio Ambiente se sumen tamén á loita contra a Vespa Velutina.

“A Consellería de Medio Rural, que é a que está a levar o peso da loita contra a vespa velutina ten competencia sobre as abellas, pero a de Medioambiente ten competencia na loita contra as especies invasoras”, explicou Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura (Aga) e unha das voceiras da Plataforma.

“É dicir, da existencia das abellas é competente Medio Rural pero da súa posible desaparición é competente medioambiente”, subliñou.

“A Vespa Velutina está fóra de control”

A conclusión da Plataforma Stop Velutina é que “a avespa velutina está fóra de control, a pesares dos esforzos denodados de particulares e asociacións apícolas por frear a súa expansión e os abondosos danos en apiarios e froiteiras”, quedando soamente libres de momento as zonas do interior e de montaña.

Neste sentido, a táboa reivindicativa rexistrada hoxe, e que xa foi remitida ao Ministerio o día 15, demanda que se cumpra o Decreto 630/2013 sobre Especies Exóticas Invasoras, aprobado polo Ministerio de Agricultura.

Así, e botando man da normativa vixente, a Plataforma Stop Velutina esixe a asunción de competencias por parte da Consellaría de Medio Ambiente e do Ministerio de Agricultura para impulsar a investigación, promover a loita preventiva, facer labores de divulgación e crear un organismo único para xestionar esta situación de crise provocada pola avespa velutina.

“A investigación debe priorizar descubrir unha feromona ou outra substancia nociva para a Velutina”

En canto á investigación, actualmente dispersa entre distintas univesidades, demándase á Administración unha maior coordinación e que os estudos se centren en descubrir unha feromona ou outras substancias que sexan inocuas para o medio ambiente, pero quen de provocar a morte das colonias de avespa velutina sen ocasionar danos nos ecosistemas, apostando así pola loita biolóxica. A maiores, hai outros eidos de investigación que poden axudar na loita contra esta especie, como estudos sobre o seu impacto nas colonias de abellas e no sector apícola, mellora dos sistemas de trampeo, avaliación da incidencia real da velutina nos sectores agrícolas e forestais, etc.

“É necesaria unha coordinación e planificación do trampeo por parte de especialistas”

En canto á loita preventiva, dende a Plataforma lembran que “o trampeo está a ser o medio de erradicación máis eficaz”. Sen embargo, advirten de que “o problema é que está a ser utilizado só por particulares e asociacións apícolas de maneira voluntaria, sen a coordinación e planificación de especialistas na materia, e sen medios suficientes, polo que a eficacia deste labor de trampeo está a ser limitada”.

Un terceiro punto que reclaman dende a Plataforma Stop Velutina é a creación dun organismo único de xestión. “A competencia para a xestión da loita contra a velutina debe ser asumida por un único organismo especializado no tema, que axunte todos os coñecementos e métodos de loita que se susciten”, aseguran.

Na actualidade, en Galicia existe unha Comisión de Seguimento para a Velutina da que forman parte tres consellarías e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

“Cómpre unha dotación orzamentaria e unha coordinación única para loitar contra a vespa asiática”

Porén, dende a Plataforma STOP Velutina ven necesario que haxa unha dotación orzamentaria e coordinación única para a loita contra esta especie invasora e que as asociacións apícolas formen parte deste organismo a fin de achegar os seus coñecementos e experiencia.

“Xunto con isto, -engaden- consideramos tamén necesaria a plena aplicación das actuacións de coordinación plasmadas no documento “Estratexias de xestión, control e posible erradicación do tártago asiático”, no que se designa ao Ministerio de Agricultura e ao Grupo de Traballo de Especies Exóticas Invasoras (GTEEI), como as entidades competentes para a coordinación entre administracións”.

Por último, reclámase unha maior labor de divulgación. Así, consideran que a información cidadá sobre o ciclo biolóxico, alimentario e de conduta da avespa asiática “axudarán a xestionar unha loita na que se fai preciso contar co apoio da sociedade, sobre todo en labores de detección e trampeo”.

“A información tamén contribuirá a prever ataques e reducir unha alarma social xustificada pero baseada, en gran parte, na desinformación que se ten desta especie invasora”, conclúen.

Descarga aquí o documento de mínimos da Plataforma Stop Velutina. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información