Campaña contra as augardentes e licores caseiros e de ‘garrafón’

As destilerías piden a actuación da Xunta para atallar a comercialización ilegal de bebidas alcohólicas sen etiquetar

Publicidade
Campaña contra as augardentes e licores caseiros e de ‘garrafón’

Visita da conselleira a destilerías da comarca do Salnés.

O Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia mantivo un encontro coa conselleira de Medio Rural no que lle trasladou a súa preocupación polo comercio ilegal de bebidas sen etiquetar. A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou Destilerías do Salnés (Ribadumia) e Pazo de Señoráns (Meis), tras o que mantivo unha reunión de traballo co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

O Consello Regulador expúxolle á conselleira que a situación das destilerías galegas que traballan no marco das IXPs está “moi castigada” polos produtos sen etiquetar. Eses produtos, sobre os que hai un nulo control sanitario, a miúdo comercialízanse na hostelería como ‘caseiros’, cando en realidade trátase xeralmente de bebidas de dubidosa procedencia.

O presidente do Consello, José Antonio Feijoo, fíxolle entrega nese sentido a Ángeles Vázquez dunha copia do artigo 10 do Real Decreto 164/2014, que é claro sobre os requisitos que deben cumprir as bebidas espirituosas, xa que “prohíbe o trasvase ou reenchido das botellas”. “Se un licor é caseiro, non se pode vender”, conclúe José Antonio Feijoo, que tamén advirte da dificultade de controlar os 5.000 alambiques que hai censados na comunidade.

A procedencia escura doutros licores que se comercializan sen etiquetar e como caseiros na hostelería, pero que teñen unha orixe industrial, tamén preocupa no sector.

IXPs
En Galicia, hai actualmente catro indicacións xeográficas protexidas incluidas dentro do Consello Regulador: Augardente de Galicia, Augardente de herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia. As catro IXPs engloban a 161 produtores e destiladores, así como a 41 elaboradores e envasadores.

A conselleira, Ángeles Vázquez, que visitou onte dúas das principais destilerías do Salnés, Pazo de Señoráns e Destilería do Salnés, comprometeuse a buscar vías de colaboración para “poder tomar cartas no asunto”, segundo indica o Consello Regulador.

Destilería do Salnés
A Destilería do Salnés ten unha facturación anual de 533.481 euros. Comezou a funcionar no 1943 en Betanzos como Destilaría Candamio e no 1998 estableceuse no Salnés. Nas súas instalacións recibe 1,2 millóns de quilos de bagazo ao ano, cos que elabora 200.000 litros de augardente, incluídos licores pouco usuais como o de mel.

Pazo de Señoráns

Doutra banda, o Pazo de Señoráns, liderado por Marisol Bueno, é unha empresa que con 16 traballadores chega a unha facturación de máis de dous millóns de euros. Pertence ao Grupo Señoráns 2009 SL, unha sociedade familiar que iniciou a actividade coa elaboración de viño albariño no 1989 e que agora suma tamén a produción de destilados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información