Delicatessens do souto

Souto da Trabe é un proxecto de dúas irmás de Vilardevós que convertiron o tradicional aproveitamento familiar das castañas nunha empresa agroalimentaria que transforma o produto para colocalo en tendas gourmet de toda España

Delicatessens do souto

As irmáns Barreira nas instalacións de Souto da Trabe.

Crema de castaña con boletus, castañas en almíbar con figos ou crema de castaña con chocolate son algúns dos produtos elaborados por María Jesús e Raquel Barreira, dúas irmás de Vilardevós (Ourense) que convertiron a tradición familiar dos castiñeiros nunha empresa agroalimentaria que está a colocar os seus produtos gourmet en tendas de toda España.

O proxecto de Souto da Trabe arrincou hai algo máis de dous anos, cando Raquel e María Jesús se preguntaron por que non facer das arredor de 12 hectáreas de soutos familiares un medio de vida.

“Sempre reservabamos as vacacións para vir coller as castañas e un día preguntámonos, e se nos dedicamos á castaña como medio de vida?”

“Nós estudiamos fóra e estabamos traballando fóra, pero sempre reservabamos as vacacións para vir coller castañas” -explica María Jesús.- “Entón un día planteámonos, e se nos dedicamos a isto? Vimos que era unha oportunidade de vida nun entorno privilexiado e facendo algo que nos gustaba. Daquela, a nosa actividade laboral era a xestión da contabilidade de empresas e o traballo coa castaña atraíanos máis que estar todo o día entre catro paredes dunha oficina”, conta.

A saída habitual das castañas na zona do oriente ourensán é por medio da venda a intermediarios que comercializan o produto para fóra, se ben as irmás Barreira pensaban que era posible que o valor engadido da transformación da castaña quedase tamén en Galicia. “Para analizar a viabilidade do proxecto, participamos no primeiro programa de emprendemento agroalimentario da Fundación Juana de Vega e aí vimos que efectivamente a nosa idea empresarial era viable”, lembra María Jesús.

Cogomelos
O proxecto de Souto da Trabe céntrase na valorización dos produtos do souto, a castaña en especial, pero tamén outros, como o boletus edulis, un dos cogomelos máis apreciados a nivel culinario, e os figos. “Son todos produtos que xa tiñamos nos nosos soutos e que agora coidamos e cultivamos coa certificación da agricultura ecolóxica”.

Crema de castañas con chocolate.

Crema de castañas con chocolate.

O boletus dáse de xeito natural arredor dos castiñeiros, pois o cogomelo prospera ben en chans con moita materia orgánica e ricos en nutrintes. A relación entre o souto e os fungos é beneficiosa para as dúas partes, xa que os castiñeiros aprovéitanse tamén da acción do boletus. “Os cogomelos fan máis fortes ós castiñeiros, funcionan a modo de antibiótico natural”, compara María Jesús.

De cara a aumentar a produción de boletus edulis, en Souto da Trabe utilizan planta micorrizada cos fungos para as novas plantacións de árbores, en tanto que algún dos castiñeiros centenarios tamén recibiu micorrizas. A relación simbiótica entre castañas e cogomelos vai máis alá do souto, pois as irmás Barreira decatáronse de que ambos produtos fan tamén unha boa maridaxe na mesa.

Castañas en almíbar.

Castañas en almíbar.

Procesado e envasado
Unha vez recollidos, os produtos son procesados nas instalacións de Souto da Trabe. As castañas selecciónanse, clasifícanse por tamaños e pélanse nun forno especial para esa tarefa. Logo, son sometidas a un proceso de conxelación rápida, de xeito que en menos de hora e media a temperatura do alimento baixou a -20 graos.

O sistema dá como resultado a formación de microcristais no interior do produto sen danar a súa estrutura celular, o que permite manter as características organolépticas dos alimentos, con todo o sabor e textura orixinal.

Souto da Trabe distribúe en toda España e conta tamén cunha tenda online para facilitar os pedidos de particulares

Similar proceso seguen o resto de produtos do souto, como cogomelos e figos, que logo serán utilizados ó longo do ano en función das necesidades de elaboración de Souto da Trabe.

Comercialización
A empresa distribúe os seus produtos en tendas gourmet e ecolóxicas de toda España e prevé nun futuro próximo iniciar a exportación. Nos seus dous anos de vida, xa estivo en numerosas feiras alimentarias, como BioCultura, EcoCultura ou Xantar, nas que os seus produtos obtiveron unha boa acollida.

Souto da Trabe conta tamén cunha tenda online, desde a que se poden facer pedidos a domicilio. A oferta da empresa inclúe mermelada de castañas, castañas en almíbar, crema de castaña con chocolate e crema de castaña con boletus. A web dispón ademais dun servizo de envío a domicilio cun custo gratuito a partir de determinado importe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información