A D.O.P. Queixo de San Simón da Costa consolida o seu bo momento no mercado

En 2016 o Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa certificou un total de 454.901 quilos deste produto, o que supón un incremento do 1,35% respecto de 2015

A D.O.P. Queixo de San Simón da Costa consolida o seu bo momento no mercado

Queixo San Simón da Costa

En 2016 o Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa certificou un total de 454.901 quilos deste produto, o que supón un incremento do 1,35% respecto de 2015, un ano récord no que a produción certificada medrara un 21,57%. O valor económico estimado o pasado ano foi de 3,31 millóns de euros para as 11 queixerías inscritas.

Así, se recolle na información da D.O.P. O seu secretario, Ángel Ramil Castelo, destaca especialmente o incremento das vendas do queixo Bufón, as pezas máis pequenas de entre 400 e 800 gramos, máis adaptadas a fogares unifamilares, e cun mínimo de 30 días de maduración. “Empezouse a comercializar no ano 1999 cunhas 3.000 pezas e en 2015 comercializamos máis de 150.000 pezas”, destaca.

En quilogramos certificados, o queixo Bufón supuxo en 2016 un total de 88.043 quilos, unha cantidade importante, pero aínda inferior aos 366.857 quilos do queixo grande de San Simón da Costa, aquelas pezas con entre 800 e 1500 gramos de peso e unha maduración mínima de 45 días.

O maior incremento de vendas dáse no queixo Bufón

En canto ás previsións da D.O.P. Queixo de San Simón da Costa para este 2017, Ángel Ramil Castelo asegura que “o noso obxectivo é seguir mantendo unha liña de incremento sostido dos quilos certificados, de ao redor dun 3%, consolidando o mercado que temos, fundamentalmente galego e nacional, e ir incrementando as exportacións”, que na actualidade representan algo máis do 10% das vendas totais. Nestes momentos os principais destinos exteriores dos queixos de San Simón da Costa son Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Alemaña, Dinamarca e Suíza.

Ángel Ramil mostra a súa confianza no futuro desta Denominación de Orixe “grazas sobre todo ao impulso e á ilusión das queixerías, moitas delas lideradas por xente nova, que queren seguir potenciando este produto con tantas posibilidades no mercado como é o queixo San Simón da Costa”.

Precisamente este fin de semana, 1 e 2 de abril, a vila lucense de Vilalba acolle a XXIII Festa do queixo de San Simón da Costa, na que o público asistente poderá degustar este produto tan emblemático da gastronomía galega.

Consulta aquí o programa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información