Coren facturou en 2015 un total de 950 millóns de euros

Gómez-Franqueira alerta sobre a forte caída de prezos para os produtores galegos: "España está a converterse nun país 'low-cost' agroalimentario"

Coren facturou en 2015 un total de 950 millóns de euros

O presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez Franqueira,

O Grupo Coren, a principal cooperativa alimentaria de Galicia, facturou en 2015 un total de 950 millóns de euros, cinco máis que no 2014, segundo informa a compañía, aínda que sen concretar o beneficio neto.
Por áreas, a produción avícola (pito, pavo, despezamentos e elaborados) creceu o ano pasado un 2% en relación ao exercicio anterior. Igualmente, a produción porcina rexistrou un incremento do 2%. Especial relevancia tivo a produción de ovos campeiros que creceu un 7% sobre 2014. En paralelo, a produción de alimentación animal mantén a súa tendencia positiva cun crecemento do 2%, superando os 907 millóns de quilos de penso durante o ano pasado.

“España está a converterse nun país ‘low-cost’ agroalimentario”

Este balance de resultados vén acompañado dunha chamada de atención por parte do presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez Franqueira, respecto da situación do sector agrogandeiro e a “forte diferenza” de prezos agroalimentarios en Galicia con respecto a outros países da Unión Europea, situación que está a abocar a moitas granxas a desaparecer. A crise de prezos á que se refire a cooperativa afecta a todos os produtos agroalimentarios e “prexudica especialmente ao sector porcino”. Os produtores en Galicia, insiste Gómez-Franqueira, “están a verse obrigados a vender a prezos por baixo de custo”.

En concreto, noutros países da Unión Europea os prezos son un 40% ou ata uns 50% superiores aos de aquí. Esta situación “non é lóxica”, apunta o empresario, “e está a converter a España nun país low-cost agroalimentario, causando un dano ao sector e abocando a moitos produtores á súa desaparición”.

Ante esta situación, o grupo optou por reforzar a súa presenza en mercados exteriores, para o que realizou nos últimos anos importantes investimentos nas súas liñas de produción dirixidas a ofrecer especialidades adaptadas ás necesidades dos mercados nos que traballa. En concreto, no ámbito exterior destaca o aumento rexistrado en canto á súa cifra das vendas en Asia, que creceron un 6%, así como en África, onde o incremento alcanzou o 24%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información