Convocados os premios de Larsa e USC para innovacións en produtos lácteos

Publicidade
Convocados os premios de Larsa e USC para innovacións en produtos lácteos

De esquerda a dereita, Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o Director Xeral de LARSA, José Armando Tellado, a Secretaria Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro.

Este mércores presentáronse na factoría de LARSA en Lugo a II Edición dos “Premios Innovación LARSA en Alimentación Saudable -Impulsando Galicia”, convocados conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración das Universidades da Coruña e Vigo.

O acto contou coa presenza da Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o Director Xeral de LARSA, José Armando Tellado, a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro e o gañador da 1ª Edición do Concurso, Pablo Fraga.

Estes premios naceron en 2017 co obxectivo de promover a saúde a través da nutrición e hábitos de vida saudables, e recoñecer aquelas propostas que promovan a innovación na industria láctea; desenvolvemento de novos produtos ou novas tecnoloxías, innovacións no punto de venda, en procesos, ingredientes, gandarías, etc.

O director xeral de Larsa, José Armando Tellado, destacou a aposta da compañía por “fomentar o emprendemento e dar valor compartido nun sector agroalimentario sustentable, facendo realidade iniciativas novas en alimentación desde Galicia e desde a universidade, incorporando o talento académico ao sector comercial e industrial”. Así mesmo, fixo referencia ao gañador do ano pasado, Pablo Fraga, “un enxeñeiro agrónomo que grazas a Impulsando Galicia viu feito realidade o seu proxecto dun produto novo con todo o sabor galego”.

LARSA e a Universidade de Santiago buscan fomentar o emprendemento a través destes galardóns, aos que poden acceder estudantes universitarios, titulados, universidades ou calquera dos seus departamentos, xente nova emprendedora, sociedades mercantís, etc.

A convocatoria ten ámbito nacional e desenvolverase co apoio das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Inscrición até o 25 de abril e presentación de proposta inicial até o 2 de maio

A selección dos proxectos artellarase en dúas fases. Unha primeira na que ademais de inscribirse antes do próximo 25 de abril, deberán presentar unha breve proposta inicial, tendo como prazo máximo até o próximo 2 de maio.

A partir desta data, os traballos seleccionados pasarán a unha segunda fase na que deberán concretar a innovación a desenvolver, así como realizar un prototipo desta innovación que será valorado a partir do 15 de setembro por un xurado interno da compañía xunto con dous profesores da Universidade de Santiago en función da súa orixinalidade, viabilidade, grao de innovación, contribución á mellora da saúde e diferenciación.

Os proxectos mellor valorados recibirán unha dotación económica de 5.000 euros para o primeiro premio, 3.000 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro. Ademais, se LARSA decide executar algún dos proxectos gañadores, abonará ao autor, durante un prazo de 3 anos, a cantidade anual correspondente ao 20% dos beneficios xerados pola innovación. Os gañadores faranse públicos no outono, unha vez puntuados e valorados polo xurado.

Na pasada edición, o xurado outorgou o primeiro premio Innovación Saudable Impulsando Galicia á sobremesa “Leite con castañas”, creado por Pablo Fraga Gontán, un mozo enxeñeiro agrónomo de Lugo que, ademais de recibir o recoñecemento e a dotación económica do galardón, viu feita realidade a súa idea grazas ao apoio de LARSA porque o seu produto comercialízase en Galicia a día de hoxe.

Consulta aquí toda a información para inscribirte

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información