Concentración en Santiago polo problema da vespa asiática

A Asociación Galega de Apicultura, xunto con outras asociacións da Cornisa Cantábrica, promove a Marcha Stop Velutina, que arranca o día 19 cunha mobilización en Compostela

Concentración en Santiago polo problema da vespa asiática

Cartel da Marcha Stop Velutina.

A progresiva expansión da praga da vespa asiática, que semella imparable, levou á Asociación Galega de Apicultura e a outras entidades da Cornisa Cantábrica a organizar a Marcha Stop Velutina, que desenvolverá actos entre o 19 e o 23 de outubro en diversas vilas e cidades da Cornisa. A Marcha arrancará o xoves 19 cunha concentración ás 10.30 horas ante a Xunta, en Santiago.

A Asociación Galega de Apicultura (Aga) considera imprescindible un plan de choque contra a vespa asiática que teña dotación orzamentaria suficiente. “Ata agora, a loita recaeu principalmente no sector apícola. A Administración limitouse á entrega dunhas 10.000 trampas, xunto coa retirada de niños durante o verán. Faise necesario realizar unha nova planificación dos traballos, centrándose moito na loita preventiva, coa colocación masiva de trampas na primavera para a captura de raíñas fundadoras. Precisaríanse arredor de 50.000 trampas cos seus atraíntes”, valora a Asociación.

Por outra banda, o colectivo de apicultores considera que a investigación é fundamental para coñecer mellor o comportamento desta especie invasora e estudar métodos de control eficaces.

Ante esta situación, a Asociación Galega de Apicultura, en colaboración coa Confederación en defensa da abella na Cornisa Cantábrica (CODACC), convocou do 19 ao 23 de outubro a Marcha Stop Velutina, unha marcha de sensibilización social e reivindicación sobre este problema que percorrerá as comunidades máis afectadas.
 
Entre os obxectivos da marcha, está tamén a divulgación de ferramentas para frear o avance desta praga. A Asociación informará acerca dos primeiros resultados obtidos co sistema “trampa eléctrica”, un método de protección das colmeas que foi obxecto de estudo en AGA e que concluíu coa difusión da “Guía para a construción caseira da trampa eléctrica”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información