A comarca de Sarria celebra o día 27 o X Cocido do Porco Celta

O porco celta ten a última fin de semana deste mes na comarca luguesa de Sarria o seu epicentro coa festa gastronómica do cocido, que chega á súa décima edición como unha xuntanza plenamente consolidada .

A comarca de Sarria celebra o día 27 o X Cocido do Porco Celta

Cocido de Porco Celta

O Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria dá este ano un salto de calidade importante duplicando o número de comensais previstos até chegar a un milleiro de asistentes. A grande afluencia a esta cita xa plenamente consolidada fai que se traslade coincidindo coa súa décima edición do polideportivo dos institutos da localidade, onde se viña celebrando desde os seus inicios hai unha década, até o campo da feira, con maior capacidade para acoller tanto esta grande xuntanza de exaltación gastronómica como a feira de produtos que se organiza de forma parella ao cocido.

A cita deste ano, que será pregoada polo exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, comezará á unha da tarde coa recepción dos asistentes no campo da feira. Á unha e media terá lugar o pregón e unha hora máis tarde dará comezo o xantar. Logo dos postres faranse os tradicionais nomeamentos de tixoleiros e cazoleiras do 2018. A festa continuará toda a tarde amenizada con música dos gaiteiros de Goián.

Os actos están organizados pola Asociación de Hostalaría e Turismo do Camiño de Santiago e conta coa colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta de Galicia (Asoporcel) e da empresa local Cárnicas Teijeiro, a primeira de Galicia en facer embutidos de porco celta fai xa 18 anos. Esta festa é tamén un exemplo de colaboración institucional, xa que poñen o seu gran de area todos os Concellos da comarca de Sarria, xunto á Deputación Provincial de Lugo e á Xunta de Galicia.

Feira internacional

A xornada gastronómica arredor da raza porcina autóctona, recuperada a partir da década dos 90, complétase coa segunda edición da Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos, que terá lugar tamén no recinto feiral de Sarria coindidindo coa X edición do Cocido do Porco Celta. Baixo o lema Comarca de Sarria, terra dos embutidos, este mercado, organizado polo Concello de Sarria e a Academia Galega de Gastronomía coa axuda da Deputación Provincial, pretende destacar a longa tradición existente nos concellos desta comarca de elaboración de produtos cárnicos derivados do porco.

Daranse cita na feira, onde haberá exposición e venda de produtos desde as 10 da mañá até as oito da tarde, unha vintena de produtores, como Cachenas de San Breixo de Triacastela, Asoporcel ou a Federación de razas autóctonas Boaga, e industrias transformadoras procedentes da comarca, como Cárnicas Teijeiro, Sabelugo, Embutidos Casa Neiras, Embutidos Abuela Delfina ou Embutidos Suarna. Tamén haberá representación doutros sectores, como as docerías Dosmar, Torta de Sarria, Tartas Artesá e Arlo, os produtos lácteos de Queserías Sarrianas ou Queixos Casa López, as conservas de castaña e marmeladas de Dosouto ou o mel de Abella Celta.

Ao día seguinte, o domingo 28, distintos establecimentos e restaurantes de Sarria e de Samos ofrecerán un xantar a base de ovos fritidos con chourizos.

Reservas

As tarxetas para asistir a esta concurrida festa xa están á venda nos catro establecimentos organizadores este ano. O prezo dunha mesa completa para 13 persoas é de 475 euros. As reservas poden facerse nos seguintes establecimentos:
-Hotel Alfonso IX (Sarria) 982530005
-Hotel Roma (Sarria) 982532211
-Hotel A Veiga (Samos) 982546052
-Hotel Casa de Díaz (Samos)  casadediaz@galicia.com

A celebración ten ademais dun sentido gastronómico e de posta en valor das producións tradicionais de Galicia, un aspecto de promoción turística de toda unha comarca con interesantes atractivos patrimoniais e paisaxísticos atravesada polo Camiño de Santiago. A Asociación de Hostalaría e Turismo que organiza as actividades de toda a fin de semana elaboraron un vídeo promocional da festa que fai fincapé en todas estas potencialidades:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información