Chega o San Martiño de Teo, unha das feiras cabalares máis antigas de Galicia

A feira do San Martiño este ano cadra a a luns e a programación do Concello de Teo fai unha aposta clara por ter actividade festiva nas vésperas. Así,esta fin de semana do sábado 9 e domingo 10 haberá un completo programa de actividades no entorno da carballeira de Francos. O luns 11, día do San Martiño, culminará coa celebración da feira cabalar, unha cita que se celebra dende 1557.

O sábado 9 de novembro haberá actividades no mercado de alimento labrego dos Tilos. Ás 12:00 horas realizarase un obradoiro de cabalos de pau con carreira final e celebrarase unha mostra de produtos de outono. Pola tarde ás 16:30 horas haberá unha mosta de salto cabalar na Piollosa, en Francos.

O domingo 10 de novembro celebrarase a xa tradicional andaina do túnel ás 11:00 horas. A saída farase dende a escola de Francos e farase un percorrido circular de 8 quilómetros de dificultade media. Cara o mediodía, ás 13:30 horas, na carballeira actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira. Durante a tarde na carballeira haberá xogos tradicionais para todos os públicos, paseos en poni para público infantil e un obradoiro de arte rupestre. Consulta os horarios concretos no programa premendo aquí. Ás 20:00 horas na carpa municipal teremos o concerto dos Amigos dos Músicos. E dende as 21:30 horas, nas carpas dos polbeiros, celébranse os II Cantos de taberna da véspera. Esa noite tamén haberá un espectáculo na Barraca de Barriga Verde, dentro da programación de Titiriberia.

O luns os cabalos, a venda ambulante e os polbeiros serán os protagonistas

O luns 11, o día da feira, será o momento dos cabalos, da venda ambulante e dos polbeiros, protagonistas desta feira centenaria. Sen embargo o artesanado de Teo tamén terá un espazo destacado. Será na carpa municipal na que se poderán ver o traballo de varios artesanos/as recoñecidos que son de Teo ou teñen o seu taller aquí. Ademais poderanse coñecer os viños de Teo con Denominación de Orixe e haberá postos do mercado labrego dentro da carpa. Nesa mañá contarase ademais co espectáculo O cego na feira para animar aos visitantes.

Dende a organización lémbrase aos tratantes a obriga de acudir co DIE (Documento de Identificación Equina) e co código REA da explotación.

FEIRA SAN MARTIÑO TEO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información