Chega a Galicia a iniciativa na que os consumidores garanten que o gandeiro recibe 0,39 céntimos por litro de leite

“Quen é o xefe? A marca dos consumidores?” preséntase aos gandeiros galegos en Santiago de Compostela. En Francia xa logrou vender máis de 100 millóns de litros cun prezo base asegurado para o gandeiro de 0,39 céntimos e un prezo de venda ao consumidor de 0,99 euros

Publicidade
Chega a Galicia a iniciativa na que os consumidores garanten que o gandeiro recibe 0,39 céntimos por litro de leite

Isabel Vilalba, do SLG; Annaïck Locqueneux, a coordinadora no Estado Español de “C'est qui le patron?”, o proxecto orixinario en Francia, e Laurent Chabanne, cofundador do mesmo

A iniciativa “Quen é o xefe? A marca dos consumidores?” presentouse este xoves en Santiago de Compostela nun acto no que participaron Annaïck Locqueneux, a coordinadora no Estado Español de “C’est qui le patron?”, o proxecto orixinario en Francia; Laurent Chabanne, cofundador do mesmo, e Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, unha organización que xunto á COAG está a apoiar este proxecto.

“Quen é o xefe? A marca dos consumidores?” busca unha alianza entre consumidores e produtores, de forma que os primeiros deciden que características deben reunir os produtos alimentarios en canto a calidade, benestar animal ou sustentabilidade, así como garantirlle aos produtores unhas rendas dignas. Posteriormente, póñense en contacto coa industria e coa distribución que se poden unir ao proxecto pero sempre coa condición de que o gandeiro reciba a remuneración acordada e o consumidor pague o prezo fixado. As marxes no medio da cadea -industria láctea ou doutro alimento e distribución- acórdanse libremente entre eles.

A idea en España é comezar con produtos de alimentación básicos como o leite ou os ovos. Todas as condicións (tipo de produtos, condicións que deben cumprir, prezos…etc) decídenas os consumidores votando a través da web https://lamarcadelosconsumidores.es/votacion-de-los-productos/ De momento, xa participaron máis de 5.500 persoas, nunha votación que se prevé que se peche nas próximas semanas.

“Queremos empezar en España canto antes, se pode ser antes do verán mellor. De momento estamos a facer presentacións entre os produtores, como a que fixemos hoxe en Santiago a gandeiros e consumidores, e xa hai interese tanto da distribución como de industrias agroalimentarias, entre elas cooperativas lácteas galegas, por participar nesta iniciativa revolucionaria na que o consumidor realmente ten o poder e decide como debe ser o produto”, destacou Annaïck Locqueneux.

En Francia os gandeiros reciben un prezo base de 0,39 euros o litro de leite e o consumidor págao a 0,99 euros

Esta iniciativa naceu en Francia a raíz da crise de prezos do leite dos anos 2015 e 2016 e neste momento xa abrangue uns 20 produtos, dende o leite, ao queixo ou os ovos, que o ano pasado foron mercados por 8 millóns de franceses.

“No caso dos gandeiros de vacún de leite, os consumidores esixen medidas de benestar animal como que as vacas pazan entre 3 e 6 meses, que a alimentación non conteña tranxénicos nin aceite de palma, ou que as forraxes sexan producidas a menos de 100 kilómetros. E por suposto que os gandeiros reciban un prezo xusto que lles permita ter uns ingresos dignos e ter días libres. Así, acordouse un prezo base de 0,39 céntimos por litro de leite, máis calidades, e á distribución esixímoslle que durante 3 anos o prezo de venda sexa de 0,99 euros o litro”, explicou Laurent Chabanne, cofundador de “C´est qui le patron? La marque des consonmateurs”.

¿Está funcionando a iniciativa no mercado francés? “Ao comezo o noso obxectivo era conseguir vender uns 5 millóns de litros de leite, que xa nos parecía moi ambicioso, e no primeiro ano, o 2017, logramos vender 35 millóns de litros, e o pasado 2018 as vendas foron de 100 millóns de litros baixo a nosa marca de C´est qui le patron”, destaca.

“Recoñezo que é pouco e é moito ao mesmo tempo, pero axudou a que a sociedade tomase consciencia da necesidade de que os produtores reciban un prezo xusto e axudou a que suban os prezos do leite, pois a iniciativa foi imitada por outros axentes do sector”, engade Laurent. De momento, son xa 155 as ganderías de vacún de leite de Francia que venden o seu produto a través da marca “C´est qui le patron? La marque des consonmateurs”.

Por ultimo, Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, destacou que “dende o SLG apoiamos esta iniciativa “porque encaixa coa nosa reivindicación de acadar cadeas de valor sostibles no agro e na mesa, de apostar pola transparencia e pola alimentación de cercanía e porque avoga por unha remuneración xusta e estable para as persoas produtoras de alimentos”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información