A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Champivil-Castelo incrementa un 50% a súa produción de caldo galego

A empresa da Terra Chá, especializada en produtos naturais, producirá este ano 30.000 latas para comercializar nos supermercados Gadis e Eroski. "Empregamos os mesmos ingredientes cos que as nosas avoas facían o caldo para chegar ao mesmo sabor tradicional", explica a xerente de Champivil, Luz Divina Castelo  

Champivil-Castelo incrementa un 50% a súa produción de caldo galego

Preparación do caldo galego en conserva en Champivil

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, incrementará este ano nun 50% a súa produción de caldo galego ante o aumento da demanda e a boa aceptación por parte dos consumidores. A empresa de Vilalba producirá este ano 30.000 latas deste produto, que sacou ao mercado hai tres anos, 10.000 máis que o ano pasado.

Unha vez pechada a campaña de setas e cogomelos deste ano, onde Champivil é a empresa líder a nivel galego na exportación en fresco deste produto aos principais mercados europeos e cos que tamén fai conservas, a nave de produción de Champivil, ubicada na parroquia de Mourence, comezou o ano 2018 coa produción de caldo, que comercializará baixo a marca Castelo nos supermercados Gadis e Eroski de toda Galicia.

A xerente de Champivil, Luz Divina Castelo, explica que “o caldo que elaboramos non leva ningún tipo de conservante nin potenciador de sabor porque non o precisa, simplemente facemos o caldo cos mesmos ingredientes co que o facían as nosas avoas e enlatamos para que ese produto poida ser consumido por calquera persoa sen ter que botar horas cociñando, iso xa o facemos nós por eles”, afirmou.

O formato no que se presenta este produto, en latas de 425 gramos, está pensado para facilitar o consumo por parte dos clientes. “Hoxe en día un dos problemas da sociedade actual é a falta de tempo e en Champivil non queremos que os consumidores teñan que renunciar a unha das comidas tradicionais por excelencia de Galicia, como é o caldo e facilitámoslles o seu consumo nun formato individual listo para abrir, quentar e comer”, explica a xerente de Champivil.

Un produto saudable da Dieta Atlántica

Luz Divina Castelo, explica que “se algo caracteriza a Champivil é a posta en valor dos produtos tradicionais galegos, así que hai tres anos quixemos render homenaxe ao caldo galego, un prato de toda a vida que é un dos sinais de identidade da chamada Dieta Atlántica e que segundo distintos estudos realizados por científicos do CSIC é unha das claves de que os galegos e galegas teñamos, xunto aos xaponeses, unha das maiores taxas de lonxevidade do mundo”.

O caldo elaborado pola empresa vilalbesa leva como ingredientes caldo de ósos, patacas e grelos da Terra Cha, fabas de Lourenzá, aceite de oliva dunha marca galega, sal e pementón, polo que é un produto “natural e saudable” con ingredientes antioxidantes e anticanceríxenos como os que aportan os grelos. Champivil comezará tamén a envasar nas vindeiras semanas verzas e grelos en conserva. De feito foi a empresa pioneira a nivel galego no envasado destes produtos.

Innovación constante

Champivil-Castelo, é unha empresa de Vilalba con máis de 50 anos de historia pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e foi a primeira que envasou grelos co obxectivo de aumentar deste xeito a vida útil e o periodo de consumo de produtos estacionais do noso país. Neste momento conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, berzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.

A empresa de Vilalba, que lidera o envasado de grelos e a exportación de setas silvestres en Galicia, caracterízase pola súa innovación constante e este ano sacou ao mercado con notable éxito unha nova gama cervexas artesás de grelos e de setas. A responsable da empesa explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina Castelo. A empresa vilalbesa foi recoñecida co premio Aresa de desenvolvemento rural no ano 2012 e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *