Champivil-Castelo crea unha cervexa de verzas

Trátase dunha edición gourmet de tirada limitada, fabricada polo mestre cervexeiro Paterpaul. O lanzamento súmase á liña de cervexas artesáns da firma lucense, que inclúe sabores a grelos e cogumelos

Champivil-Castelo crea unha cervexa de verzas

Nova cervexa de verzas, elaborada pola firma vilalbesa Champivil - Castelo e comercializada en colaboración con Queixería Prestes.

A empresa vilalbesa Champivil-Castelo vén de sacar ao mercado unha nova cervexa de verzas, que se suma á súa gama de cervexas artesás de grelos e de setas. A empresa da Terra Chá, especializada en transformar e envasar produtos naturais galegos, engade así un novo sabor, que se caracteriza polo seu potente aroma e a súa cor roxiza.

Trátase nos tres casos dun produto gourmet de produción limitada pero cun prezo asequible “para que todo o mundo a poida probar”, indicou a responsable de Champivil. A primeira fornada da nova variedade de cervexa de verzas e a reedición das de grelos e setas veñen de pórse á venda coincidindo coa semana das Letras Galegas.

“Champivil-Castelo sempres se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización” (Luz Divina)

Champivil irá producindo a cervexa en función da demanda, en lotes pequenos, para que non se almacene durante moito tempo e non se faga vella, outro valor engadido con respecto ás cervexas de produción industrial.

A nova cervexa, elaborada polo mestre cervexeiro ourensán Paterpaul despois de meses de probas e ensaios, comercialízase en formato de 75 centilitros. Trátase dunha tirada limitada que se vende a través a través dun acordo de colaboración coa queixaría vilalbesa Prestes, con tendas en Vilalba e Santiago de Compostela.  
 
“Somos partidarios da economía colaborativa e quixemos apostar pola maridaxe entre a nosa cervexa artesá e a gama de queixos de Prestes, unha empresa veciña, de Vilalba, recoñecida tamén pola súa calidade. Champivil e Prestes temos moitas cousas en común porque os dous poñemos en valor os produtos galegos e apostamos pola innovación constante”, explicou Luz Divina Castelo, xerente de Champivil.  

gama 3 cervezas 660

Pack especial de tres cervexas
Hai xusto un ano, Champivil sacaba ao mercado con notable éxito as súas dúas primeiras cervexas artesás, unha gama negra a partir da seta trompeta dos mortos, e unha gama rubia feita con grelos da Terra Chá. Estas dúas novidades foran presentadas na Praza de Abastos de Santiago de Compostela e a primeira tirada esgotárase ás poucas semanas, polo que a xerente de Champivil anima aos amantes da cervexa artesá a probar novos sabores e a “apurarse para non quedar sen ela”.

A nova cervexa de verza completa a gama en canto a tonalidade, sabor e aroma. “Ao conter moito xofre, a cervexa de verzas ten un aroma moito máis potente que os grelos e usamos unha malta torrefactada que casa ben con ese aroma e que lle aporta unha cor diferente á cervexa”, explica Luz Divina Castelo, a xerente de Champivil, que recoñece que “das tres que levamos feitas, esta foi a receita máis difícil de lograr”.

Ademais de comercializarse por separado, as tres cervexas véndense tamén un pack especial conxunto que facilita o envío a domicilio e que está destinado a poder catar na casa e con toda tranquilidade os tres sabores, podendo comparalos.
 
A primeira Guinness galega
A gama negra de trompeta dos mortos é unha cervexa de estilo irlandés á que no último momento da cocción se lle engade a infusión desta seta, habitual nos montes galegos, para que conserve así os aromas e a cor escura característica da trompeta dos mortos. O resultado é unha cervexa contundente e de escuma máis densa que na cata recorda o aroma a monte e a humidade. 
A súa irmá, a cervexa de grelos, é unha cervexa rubia á que se lle engaden na cocción grelos da Terra Chá que soltan o seu sabor, o seu amargor e a súa cor característica á mestura. O resultado é unha cervexa clara cun matiz verdoso e percíbese ao degustala o amargor do grelo. É unha cervexa refrescante pensada para a primavera e o verán.

Aposta pola innovación
A responsable da empresa, Luz Divina Castelo, explicou que este novo produto segue a liña de traballo dos últimos anos da firma luguesa, especializada na transformación de produtos autóctonos naturais e que lidera o envasado de grelos e de setas en Galicia. “Champivil-Castelo sempre se caracterizou por dúas cousas: mimar o produto galego e innovar na súa comercialización”, como destacou Luz Divina. A empresa vilalbesa foi pioneira en sacar ao mercado grelos e verzas enlatadas e conta cunha ampla variedade de conservas que van desde as marmeladas de froitos silvestres ás setas ou os preparados de caldo e tortilla de patacas.

O proceso de elaboración dura uns dous meses

O proceso de elaboración tanto da cervexa rubia de grelos como da cervexa vermella de verzas e da cervexa negra de trompeta dos mortos é totalmente natural e artesán e leva dous meses e medio. Os ingredientes son auga de fonte, malta de cebada, lúpulos nobres suaves para que predomine o aroma do grelo, da verza e da seta e levaduras de cervexa neutras tamén con ese obxectivo. 

O cociñeiro da bebida destacou que para a súa fabricación úsase unha porcentaxe de malta de cebada 100% moi superior á empregada nas cervexas industriais (30 quilos de malta por cada 100 litros de auga neste caso fronte aos só 8 das cervexas industriais). “Outra diferenza fundamental é que esta cervexa non leva ningún tipo de produto químico nin ningún engadido, é totalmente natural e artesá e mesmo o gas que ten prodúceo a propia cervexa grazas a unha segunda fermentación en botella que dura entre 25 e 35 días”, explicou Paterpaul. 

A verza, igual que os grelos, é un produto vexetal con múltiples propiedades, entre as que destacan os seus efectos anticanceríxenos e antioxidantes. Do mesmo xeito, numerosos estudos indican que o consumo moderado de cervexa como complemento a unha dieta sá e variada ten tamén efectos cardiovasculares positivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información