As cereixas e o aceite, protagonistas de novo esta fin de semana en Ribas de Sil

A praia fluvial de San Clodio acolle durante o sábado e o domingo a edición número 17 dunha festa que inclúe actividades culturais e deportivas, música e demostracións de artesanía e que serve para poñer en valor dous dos produtos estrela do municipio

Público na edición do ano pasado da Festa da Cereixa e do Aceite na praia fluvial de San Clodio

Público na edición do ano pasado da Festa da Cereixa e do Aceite na praia fluvial de San Clodio

No val formado polos ríos Sil e Bibei as oliveiras e as cerdeiras producen desde hai centos de anos aceite e cereixas dunha calidade dificilmente lograda en ningún outro lugar. Estas dúas producións tradicionais estanse a recuperar nos últimos anos na zona e esta fin de semana serán as protagonistas da dezasete edición da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil.

A praia fluvial de San Clodio é o marco onde se desenvolve esta celebración, que cada ano conta con máis visitantes. No evento participarán uns 30 expositores, que porán á venda 2 toneladas de cereixas e uns 500 litros de aceite. Tamén haberá dispoñibles nos stands outros produtos típicos da comarca, coma o mel, marmeladas, os derivados da cantaña, viños e licores ou queixos. O programa da festa inclúe ademais actividades para todos os gustos como música, pintura, actuacións para os máis pequenos, demostración de artesanía ou fútbol.

cereza aceite ribas sil apaisado

Pero os principais reclamos son sen dúbida os dous produtos agrícolas tradicionais deste concello lucense, que conta cunhas 500 hectáreas adicadas a estes cultivos de froiteiras e oliveiras. Nesta época do ano, cando a maduración das cereixas chega ao seu momento óptimo para ser recollida, os colleiteiros de Ribas de Sil apañan o froito e aproveitan a festa organizada polo Concello para darlle unha saída ao excedente. Poranse á venda, coma cada ano, uns 2.000 quilos de cereixas producidos en distintos lugares do concello, como Casares, Peites ou Figueiredo.

Na festa comparte protagonismo coas cereixas o aceite, elaborado de xeito artesanal nesta zona desde hai máis de 2.000 anos. A produción mantívose para autoconsumo nas casas durante séculos até que desde fai uns anos os produtores locais apostaron pola recuperación das abandonadas oliveiras centenarias da zona.

Os seis produtores locais de cereixa porán á venda a colleita deste ano, moi boa en canto a cantidade e calidade

Nos máis de 20 stands con distintos tipos de produtos, terán un espazo privilexiado reservado os seis produtores locais de cereixas e de aceite. O mercado local da zona de Lemos, Quiroga e Valdeorras segue sendo o principal destino desta produción de froita que require dunha importante man de obra para a recollida das cereixas. A colleita deste ano é moi boa, tanto en cantidade como en calidade, polo que se agarda unha festa moi concurrida. O produto veu este ano máis adiantado na súa maduración.

Dinamización da economía local

Desde o Concello de Ribas de Sil, Roberto Castro, tenente alcalde e organizador da cita do vindeiro sábado e domingo, destaca que “despois de dezaseis edicións desta festa o noso concello é máis coñecido e os nosos productores e artesáns teñen unhas datas nas que poden comercializar os froitos do seu traballo”. “Levamos un longo camiño percorrido nesta festa de exaltación dos nosos productos, en especial da cereixa e do aceite, que queremos seguir potenciando como recurso económico da zona e como fonte de ingresos ou complemento económico da poboación local”, explica

Desde o Concello afrontan “con forza e ilusión” esta nova edición da Festa da Cereixa e do Aceite, coa declaración de Xeoparque Mundial por parte da Unesco como unha oportunidade de futuro e tentando aportar o seu gran de area para sacar adiante a economía local. A cita desta fin de semana ten como principais obxectivos a potenciación da produción local, a promoción turística do municipio e a dinamización da economía local, polo que Roberto Castro invita a todas aquelas persoas que queiran probar unhas cereixas únicas e ecolóxicas que medran no microclima de Ribas de Sil, a achegarse á localidade nesta fin de semana para disfrutar de dous días cheos de actividades na fermosa praia fluvial de San Clodio.

Praia fluvial de San Clodio, que acolle parte dos eventos da Festa da Cereixa e do Aceite.

Praia fluvial de San Clodio, que acolle parte dos eventos da Festa da Cereixa e do Aceite.

Museo da Minaría Romana e Xeocamping a carón do Sil

Ademais da potenciación da actividade agraria e a produción local, a Festa da Cereixa e o Aceite ten tamén como obxectivo dar a coñecer o fermoso paraxe natural da praia fluvial de San Clodio, onde se celebra a festa. Este lugar constitúe un fermoso espazo de lecer que ofrece moitas actividades para realizar en familia durante as tardes de primavera e verán e o enfoque lúdico da cita desta fin de semana busca potenciar este enclave, que representa o reclamo turístico máis importante do municipio.

Inicio das obras do Museo da Minaría dentro do enclave do Xeocamping na praia fluvial de San Clodio

Inicio das obras do Museo da Minaría dentro do enclave do Xeocamping na praia fluvial de San Clodio

Entre os plans do Concello para a potenciación da praia fluvial de San Clodio como referente turístico da zona sur da provincia de Lugo está a construción neste lugar dun Xeocamping municipal nun espazo de máis de 7.000 metros cadrados, con capacidade para dar aloxamento a perto de 100 persoas en tendas de campaña e nos oito bungalows cos que contará. Será o primeiro camping da Ribeira Sacra e dará servizo tanto aos visitantes tanto desta comarca como da do Courel e prestará aloxamento tamén aos peregrinos do Camiño de Inverno, unha variante do Camiño de Santiago recoñecida recentemente como ruta xacobea, así como aos visitantes do territorio do Xeoparque.

O inicio das obras de construción do Xeocamping de Ribas de Sil conta cun investimento total de 700.000 euros, aportados na súa meirande parte polo Concello con cargo a fondos propios. Está en marcha a primeira fase da construción do xeocamping, que inclúe os edificios de uso común, que xa están listos, igual que as parcelas para as tendas. A segunda fase inclúe a construción dos 8 bungalows previstos. A previsión do Concello é que o xeocamping poida entrar en funcionamento para o verán de 2020.

A súa ubicación permitirá ampliar ademais disfrutar de multitude de actividades á beira do río Sil, ampliando deste xeito o espazo de lecer actual da praia fluvial de San Clodio e ofrecendo instalacións complementarias. Este é o marco inmellorable no que se desenvolve a Festa da Cereixa e do Aceite.

Por primeira vez baixo o paraugas da Unesco

O concello de Ribas de Sil, ao igual que os seus veciños de Folgoso do Courel e Quiroga, están de celebración. A Unesco declarou o pasado mes de abril as montañas do Courel como o primeiro Xeoparque Mundial de Galicia, recoñecendo deste xeito a importante riqueza xeolóxica e mineral desta zona, explotada xa na época dos romanos. O territorio do Xeoparque abrangue tres concellos: Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga e o xeocamping municipal de Ribas de Sil será unha das infraestruturas fundamentais para o recén estreado Xeoparque Mundial.

Un dos miradores desde o que contemplar a paisaxe e a riqueza xeolóxica do Xeoparque

Un dos miradores desde o que contemplar a paisaxe e a riqueza xeolóxica do Xeoparque

O mesmo que o Museo da Minaría, que xa iniciou as súas obras. Os alumnos do Obradoiro de Emprego comezaron nestes días a construcción dun edificio de 200 metros cadrados que será destinado a albergar o futuro museo da Minería Romana. Este edificio ocupará una pequena parte da parcela na que se ubica o futuro Xeocamping de Ribas de Sil. Estas inversións supoñen unha aposta decidida por parte deste concello para aumentar a oferta de aloxamento ao mesmo tempo que se crea un novo espazo expositivo dentro do territorio do Xeoparque Montañas do Courel.

O Obradoiro construirá un edificio diáfano e o Concello iniciará as xestións para crear o que será o primeiro museo de Galicia destas características e que servirá para dar a coñecer o enorme legado dos romanos con máis de 150 minas espalladas por todo o territorio, algunha delas tan importante e espectacular como as que hai no complexo arqueolóxico do Covallón recentemente posto en valor polo Concello coa creación dunha ruta circular interpretativa. O museo de Ribas de Sil terá 200 metros e será o primeiro de Galicia adicado á actividade aurífera.

Recuperación das variedades tradicionais ‘brava’ e ‘mansa’

Miguel Rodríguez, nunha edición anterior da Festa

Miguel Rodríguez, atendendo ao público nunha edición anterior da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil

Fai dez anos o colleiteiro Miguel Ángel Rodríguez González encargou un estudo para coñecer as variedades de oliva que producían as oliveiras centenarias que a familia da súa muller tiña en Figueiredo, en pleno corazón de Ribas de Sil. Desde entón Miguel, que por mor da crise deixou o seu traballo como comercial de produtos de construción, apostou intensamente pola produción desas oliveiras e abanderou un proxecto de recuperación de árbores centenarias e de plantación de novos exemplares sempre respetantdo a mesma variedade. Na actualidade conta con 1.020 oliveiras, 480 recuperados e o resto de nova plantación.

Logo de anos analizando o comportamento das distintas variedades autóctonas e de abrir camiño no relativo aos aspectos técnicos da produción, elaboración e comercialización, hoxe Miguel ten 8 hectáreas de olivares das variedades brava e mansa e 2 de cerdeiras onde tamén predominan as variedades autóctonas (napoleónica, da onza ou blanca).

Variedades tradicionais de oliveira en Ribas de Sil. FOTO: MANU DIBUJA

Variedades tradicionais de oliveira en Ribas de Sil.  FOTO: MANU DIBUJA

A súa produción está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia e comercialízaa baixo a denominación CentoxCento Figueiredo. O seu zume de oliva e as esferificacións elaboradas a partir del causaron sensación en prestixiosos certames como a feira Alimentaria de Barcelona ou a última edición do Salón Gourmets de Madrid e entre as perspectivas de crecimento da súa empresa está o de triplicar a facturación nos vindeiros anos, a medida que as novas plantacións feitas comecen a producir.

Coma Miguel, outros veciños de Ribas de Sil animáronse nos últimos anos a recuperar as súas oliveiras e cerdeiras, apostando por un produto diferenciado e de calidade que tamén se reflicte no prezo. Entre os incentivos á recuperación destas actividades está sen dúbida a celebración da propia Festa da Cereixa e do Aceite como ferramenta de potenciación e posta en valor dos produtos e as produccións locais.

Na zona cultívanse dúas olivas únicas en España pero os produtores seguen agardando por unha IXP que sirva para poñer en valor a súa produción única

Nesta zona de Ribas de Sil cultívanse dous tipos de oliva únicas en España, as variedades mansa e brava, pero o seu aceite segue sen un distintivo que acredite a súa orixe e os produtores seguen agardando por unha IXP que sirva para poñer en valor a súa produción.

cartel Festa Cereixa 2019Programa Festa da Cereixa 2019 jpg

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información