Cañas fritas do Carballiño, sobremesa de selo galego

A confitería Cerviño produce cada día arredor de 3.000 unidades, elaboradas de xeito artesán, que se comercializan tanto en Galicia como no resto de España e Portugal

Cañas fritas do Carballiño, sobremesa de selo galego

Cañas fritas da confitería Cerviño.

A referencia culinaria do Carballiño (Ourense) é o pulpo, pero a localidade conta desde hai máis de cincuenta anos con outro produto que é apreciado en toda a península, as cañas fritas do Carballiño, unha sobremesa da que a confitería Cerviño elabora diariamente máis de 3.000 unidades, todas elas feitas de xeito artesán, unha a unha. O produto comercializado por Cerviño, que conta co selo Galicia Calidade, ten a súa orixe nunha tradición familiar que se remonta catro xeneracións.

A receita da masa da caña frita, elaborada con fariña, aceite, auga e azucre, mantense no ámbito familiar, pasando de pais a fillos, e aínda que en Cerviño traballan na actualidade 14 persoas, só a familia se ocupa da elaboración da masa. As cañas fritas de Cerviño presumen de ingredientes naturais e dunha textura e sabor exclusivos. “A receita é tan segreda como a da coca cola”, bromean.

A confitería vende tanto as cañas fritas sen recheo, con destino principalmente para a hostelería, como as cañas fritas cun recheo de crema pasteleira, elaborada con leite, ovo e azucre. O mercado das cañas fritas exténdese por toda España e Portugal e a empresa ten feito tamén envíos puntuais a Francia e Gran Bretaña.

Obrador da confitería.

Obrador da confitería.

Desde hai un ano, a confitería Cerviño conta ademais cunha tenda online, coa que trata de aumentar as vendas dirixidas a particulares. “É unha vía máis a través da que xa nos están chegando pedidos, sobre todo en épocas festivas, como o Nadal ou en festas do verán, e esperamos que vaia medrando pouco a pouco” -valora Tamara Rodríguez, traballadora da empresa.- “Para os pedidos que vaian comer as cañas nun prazo de dous días, tamén hai a opción de enviar a crema pasteleira a parte”, detalla.

En xeral, na restauración, é habitual que cada establecemento elabore o seu propio recheo, que pode ser unha crema similar á orixinal ou outro tipo de produto, como chocolate.

As cañas constitúen a principal referencia da confitería, aínda que outros produtos, como a tarta de améndoa, tamén teñen boa demanda. “En épocas concretas, pídennos outras cousas, coma flores ou orellas no Entroido, ou polvoróns no Nadal, pero as cañas son claramente o produto principal” -conclúe Tamara.- “Hai quen nos pregunta se non facemos tamén pan, pero bastante traballo temos xa cos produtos de confitería”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información