A calidade dos embutidos da comarca de Sarria, presente o 16 de febreiro na III edición de Fiporco

Un total de 20 postos de alimentación ademais de antigüidades e coches clásicos complementarán a tradicional degustación de cocido de porco celta

A calidade dos embutidos da comarca de Sarria, presente o 16 de febreiro na III edición de Fiporco

A Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos (Fiporco) consolídase como escaparate para produtores e empresas transformadoras da comarca de Sarria. Na súa terceira edición, reunirá o vindeiro día 16 de febreiro no Mercado Gandeiro da localidade distintos produtos de alimentación, como derivados cárnicos, queixos, mel ou doces fabricados ao xeito tradicional en localidades como Sarria, Samos, Paradela, Triacastela ou Navia de Suarna.

Baixo o lema Comarca de Sarria, terra dos embutidos, este mercado, organizado polo Concello de Sarria e a Academia Galega de Gastronomía, coa axuda da Deputación Provincial, pretende destacar sobre todo a longa tradición e riqueza existente nos concellos desta comarca coa elaboración de produtos cárnicos derivados do porco.

Daranse cita na feira, onde haberá exposición e venda de produtos desde as 10 da mañá até as 8 da tarde, unha vintena de produtores, como Cachenas de San Breixo de Triacastela, Asoporcel ou a Federación de razas autóctonas Boaga, e industrias transformadoras procedentes da comarca, como Cárnicas Teijeiro, Sabelugo, Embutidos Casa Neiras, Embutidos Abuela Delfina, Embutidos Oribio ou Embutidos Suarna. Tamén haberá representación doutros sectores, como por exemplo os doces, queixos e licores de Gran Despensa Real Abadía de Samos, as tartas de Torta de Sarria, os produtos gourmet de Arlo, os derivados lácteos de Queserías Sarrianas ou Queixos Casa López, as conservas de castaña e marmeladas de Dosouto ou o mel de Abella Celta.

Na feira, na que tamén estarán presentes distintos anticuarios de Sarria, unha localidade con moita importancia tamén deste sector, engade este ano unha novidade, coa exposición de coches clásicos, que farán pola mañá un percorrido pola vila e poderán verse despois durante todo o día do aparcadoiro do Mercado Gandeiro.

XI Cocido de Porco Celta

A xornada complétase coa XI edición do Cocido do Porco Celta, que terá lugar tamén no recinto feiral de Sarria coindidindo con Fiporco. Esta cita gastronómica arredor da raza porcina autóctona recuperada a partir da década dos 90 é xa un evento plenamente consolidado, que reúne a preto dun milleiro de persoas.

A grande afluencia a esta cita, que comezou celebrándose no polideportivo dos institutos da localidade, trasladouse o pasado ano ao campo da feira, con maior capacidade para acoller aos numerosos asistentes a esta grande xuntanza de exaltación gastronómica así como á feira de produtos que se organiza de forma parella ao cocido.

A cita deste ano, que será pregoada polo exministro e presidente do Consejo de Estado, José Manuel Romay Beccaría, comezará á unha da tarde coa recepción dos asistentes no campo da feira. Á unha e media terá lugar o pregón e unha hora máis tarde dará comezo o xantar. Logo dos postres faranse os tradicionais nomeamentos de tixoleiros e cazoleiras do 2019. A festa continuará toda a tarde amenizada con música do grupo The Sibaritas. Antes do xantar serán os gaiteiros de Goián os que animarán a celebración.

O cocido corre a cargo da Asociación de Hostalaría e Turismo do Camiño de Santiago e conta coa colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta de Galicia (Asoporcel) e da empresa local Cárnicas Teijeiro, a primeira de Galicia en facer embutidos de porco celta preto de 20 anos. Esta festa gastronómica é tamén un exemplo de colaboración institucional, xa que poñen o seu gran de area todos os Concellos da comarca de Sarria, xunto á Deputación Provincial de Lugo e á Xunta de Galicia.

Ao día seguinte ao cocido, o domingo 17, a exhaltación gastronómica terá continuidade, xa que distintos establecimentos e restaurantes de Sarria e Samos ofrecerán un xantar a base de ovos fritidos con chourizos.

Reservas

As tarxetas para asistir a este concurrido cocido xa están á venda nos tres establecimentos participantes este ano. O prezo dunha mesa completa para 13 comensais é de 475 euros. As reservas poden facerse nos seguintes establecimentos:

-Hotel Alfonso IX (Sarria) 982530005
-Hotel Roma (Sarria) 982532211
-Hotel A Veiga (Samos) 982546052

A celebración ten ademais dun sentido gastronómico e de posta en valor das producións tradicionais de Galicia, un aspecto non menos importante de promoción turística de toda unha comarca atravesada polo Camiño de Santiago e que conta con interesantes atractivos patrimoniais e paisaxísticos. Coa organización de Fiporco por parte da concellaría de Turismo do Concello de Sarria, que dirixe Marisa López, demóstrase que tanto a gastronomía como as producións locais son cada vez máis un recurso económico importante e un potente atractivo a nivel turístico.

Díptico Fiporco.cdr Díptico Fiporco.cdr Díptico Fiporco.cdr

CARTEL XI COCIDO 2019

Folleto Cocido Sarria 2019

Folleto Cocido Sarria 2019

Folleto Cocido Sarria 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información