Aumenta o desperdicio alimentario nos fogares españois

Os españois desperdiciaron en 2018 un total de 1.339 millóns de quilos de alimentos. A zona noroeste é das rexións que tira un menor volume de comida

Publicidade
Aumenta o desperdicio alimentario nos fogares españois

As hortalizas, froitas e legumes son dos alimentos que máis se desbotan.

Os fogares españois desperdiciaron en 2018 un total de 1.339 millóns de quilos e litros de alimentos e bebidas, segundo recolle no Panel de cuantificación do desperdicio alimentario nos fogares realizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Esta cifra supón un incremento do 8,9% con respecto ao ano anterior, é dicir, 109 millóns de quilos e litros máis.

O estudo permite coñecer outros datos significativos sobre o malgasto de alimentos como é a taxa total de desperdicio, é dicir a proporción aproximada entre os alimentos tirados e o total de alimentos comprados. En España esta taxa sitúase nun 4,6% o que supón un incremento do 0,3% respecto de 2017.

Galicia, entre as zonas con menor desperdicio alimentario

Por zonas xeográficas, aínda que no informe non se detallan os datos de tódalas comunidades autónomas, a área noroeste peninsular é das que menor desperdicio de alimentos rexistra, tanto no volume de produtos sen utilizar como no referido a alimentos elaborados.

No lado oposto atópanse rexións como Andalucía que encabeza o ranking, sendo a que máis volume de produtos sen utilizar desperdicia e tamén a que maior cantidade de alimentos elaborados desbota. Seguida, en ámbolos dous casos, da área metropolitana de Madrid e o nordés peninsular (Cataluña e Aragón).

Altas temperaturas, maior desperdicio

Desde o Ministerio apuntan a que o incremento do desperdicio de alimentos nos fogares produciuse fundamentalmente polo repunte experimentado durante a primavera-verán do pasado ano. Nesta época rexistrouse un aumento do 10,5% que relacionan directamente coas altas temperaturas.

Do volume total de alimentos tirados, 1.127 millóns de quilos e litros corresponden a produtos sen utilizar e 212 millóns a alimentos cociñados, que representa o 15,8% do volume dos desperdicios alimentarios.

As froitas, hortalizas e verduras son dos alimentos que máis se desperdician seguidos dos derivados lácteos

Entre os produtos sen utilizar que máis se desperdician atópanse as froitas, hortalizas e as verduras, cun 46% do volume, seguido dos derivados lácteos (13%). Pola contra, rexistráronse diminucións do desperdicio no caso do pan (5%) e do peixe (2,3%).

Polo que respecta a alimentos cociñados, os pratos baseados en legumes, sopas, cremas e purés, e os pratos con base de carne e con base de arroz son as receitas que máis terminan no cubo do lixo. Os desperdicios máis significativos neste apartado son as lentellas, ensalada verde e tortilla de pataca.

Así mesmo, 8 de cada 10 fogares recoñecen tirar alimentos e bebidas ao lixo. Neste ámbito, o 81,5% dos fogares tira produtos tal e como os compraron, sen sufrir ningún tipo de elaboración. Quen desperdician produtos sen utilizar son principalmente fogares familiares de ata 49 anos, con nenos menores de 6 anos ou parellas sen fillos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información