Así podería quedar regulada en España a venda de leite cru

O Goberno decide seguir os pasos de Cataluña e regular a venda directa de leite cru, sen pasteurizar. O anterior executivo central xa acordou o Real Decreto coas Comunidades Autónomas, polo que só estará pendente a súa publicación. Así quedaría o texto..

Así podería quedar regulada en España a venda de leite cru

A venda de leite cru podería estar en breve regulada en toda España se o Goberno decide dar por bo o consenso alcanzado entre o anterior executivo e as Comunidades Autónomas. Cataluña foi a primeira Comunidade en regular a venda deste alimento, de moda polas súas supostas maiores propiedades nutricionais, e o Executivo central anunciou que tamén o fará para todo o Estado.

Neste sentido, a directora xeral de Gandaría de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Belén do Campo, lembrou que o anterior goberno central do Partido Popular xa tiña lista para a súa publicación esta normativa, que quedou paralizada co cambio de Goberno.

O Decreto está pendente de que o Goberno dea por bo o texto consensuado a comezos de ano polo anterior executivo do PP

En concreto, recoñeceu a pasada semana no Parlamento Galego que “na última reunión de AECOSAN xa se nos trasladou o último borrador do Real Decreto, acordado co sector e coas Comunidades Autónomas”. A este respecto, a responsable da Xunta anunciou que na reunión de AECOSAN da próxima semana “pediremos a través do representante das Comunidades, neste caso Andalucía, que o actual goberno o publique e aprobe canto antes”.

Desde o Ministerio de Sanidade a última información que trasladaron a finais de xullo é que “o documento está na actualidade sometido a revisión por parte do novo equipo do Ministerio de Sanidade polo que, momentaneamente, quedou paralizada a súa tramitación até a análise completa”.

Principais novidades: Os gandeiros non poderán vender directamente leite cru

Á espera de que o actual Goberno revise e dea por bo o Real Decreto regularía a venda de leite cru da seguinte forma:

-O leite cru deberá presentarse para a súa venda ao consumidor final sempre envasada. O peche dos envases realizarase inmediatamente despois do seu enchido mediante un dispositivo de peche que impida a súa contaminación e estará concibido de tal forma que, unha vez que foi aberto sexa fácil comprobar esta circunstancia.

-Nos envases que conteñan leite cru deberá aparecer claramente na etiqueta a data de envasado e as seguintes indicacións: “Leite cru sen tratamento térmico: ferver antes de consumir” e “Conservar en refrixeración entre 1 e 4 ºC”.

-Os establecementos de restauración que sirvan alimentos a colectividades vulnerables como hospitais, escolas infantís, colexios ou residencias de anciáns, non poderán utilizar leite cru como materia prima.

-Os titulares das explotacións produtoras de leite, non poderán fornecer leite cru da súa propia explotación directamente ao consumidor final nin a establecementos de comercio polo miúdo que fornezan directamente ao consumidor final.

-Criterios microbiolóxicos aplicables ao leite cru:

SANIDADE_LEITE_CRU

Os requisitos sanitarios en relación coa comercialización de leite cru destinada ao consumidor final son os seguintes:

Interpretación dos resultados das análises:

-Resultado satisfactorio: cando todos os valores observados indican a ausencia da bacteria.

-Resultado insatisfactorio: cando a bacteria detéctase, polo menos, nunha unidade de mostra.

-Frecuencias de mostraxe: As análises dos criterios de seguridade deberán efectuarse unha vez ao mes. No caso de obter 6 resultados favorables consecutivos e salvo que a autoridade competente da comunidade autónoma dispoña o contrario, poderase reducir a frecuencia de mostraxe, pasando a ser unha vez cada tres meses.

Descarga aquí o último borrador de Real Decreto para regular a venda de leite cru.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información