Alianza de gandeiros e consumidores, unha vía para acadar uns prezos sostibles para o leite

Un artigo de Rebeca Sánchez Andrade, responsable de Prensa, e de Miguel López Crespo, secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia.

Alianza de gandeiros e consumidores, unha vía para acadar uns prezos sostibles para o leite

Reparto de leite en Santiago

Unha vez máis, a piques de perder a conta, os gandeiros e gandeiras galegos saíron a rúa para esixir un prezo xusto para o leite que asegure a sustentabilidade do sector, das explotacións e das familias. Non son imaxes novas nin reivindicacións recén saídas do forno: o agro galego loita contra unha crise cíclica e intermitente que leva máis de dúas décadas varrendo explotacións do mapa.

Unha vez máis, de resultas das súas mobilizacións, acadáronse acordos entre os principais axentes da cadea de produción: gandeiros, industrias e transformación. O tempo dirá se os compromisos adquiridos polas partes, sobre todo daquelas que teñen a tixola na man, se cumpren.

E como non había ser doutra forma, parece que unha vez máis durante o tempo no que se fraguou o último episodio da crise do sector, os distintos axentes da cadea representaron fielmente o seu tradicional papel e os consumidores, unha vez máis, asistimos a un escenario repetitivo como meros espectadores. E dicimos parece, xa que nesta ocasión o colectivo das persoas consumidoras cobrou un moi pequeno indicio de protagonismo descoñecido ate o momento. Por unha banda, porque o resto de axentes da cadea e mesmo a administración afirmaron sen ruborizarse a importancia que para eles ten o último elo e por outra porque ao noso xuízo por vez primeira o consumidor galego foi consciente do seu papel protagonista e da súa potencial capacidade de decisión.

“Por vez primeira o consumidor galego foi consciente do seu papel protagonista e da súa potencial capacidade de decisión”

Os consumidores somos un elo máis da cadea do leite, e un dos máis febles xunto cos produtores. Por este motivo quizais nunca interesou contar activamente coa súa participación ou colaboración á hora de desenvolver as políticas comerciais ou empresariais de industria e distribución. Malia que uns e outros insisten en que un dos seus principais obxectivos é satisfacer as necesidades e requirimentos dos usuarios, a realidade é que esa satisfacción so é respectada cando encaixa na política económica e comercial dos elos máis fortes.

Acción informativa con reparto de leite en Santiago

Acción informativa con reparto de leite en Santiago

As políticas da administración en relación coa protección dos intereses das persoas consumidoras non cabe dúbida de que medraron e melloraron de forma moi considerable ao longo dos últimos anos e máis concretamente en relación coa produción agropecuaria, cara a introdución no mercado de produtos seguros e de calidade. Pero non debemos esquecer que non podía ser doutra forma xa que a mesma Constitución declara que o recoñecemento e respecto aos dereitos das persoas consumidoras debe informar a actuación dos poderes públicos e mesmo a lexislación positiva.

Pero tampouco os produtores, contadas excepcións, nin os seus representantes poden diferenciarse dos demais axentes no tocante ás relacións que manteñen co outro extremo da cadea xa que neste momento non podemos traer a colación un só encontro mantido entre ambos elos que partira da iniciativa dos gandeiros.

Gandeiros, industria e distribución tamén teñen que contar cos consumidores

Durante todo o tempo no que se fraguou o último episodio da crise do sector, durante as mobilizacións, durante e logo da negociación os consumidores non só non foron convidados a participar como outro axente máis da cadea senón que nin sequera a súa opinión foi solicitada por ningún dos outros elos. Por iso, permítannos que dubidemos de que realmente o interese do consumidor presida a actuación nin dos gandeiros, nin da administración e moito menos da industria ou da distribución.

“O consumidor galego empeza a sentirse responsable na compra de produtos lácteos sostibles”

Entón, onde radica o cambio de rol dos consumidores galegos? Para a Unión de Consumidores de Galicia non cabe dúbida de que na súa incipiente responsabilidade á hora decidir a súa opción de compra. Cada vez somos máis os consumidores que fuximos das técnicas de banalización comercial da distribución e dos seus bastos reclamos. Cada vez somos máis os consumidores que buscamos noutras canles os produtos que realmente demandamos e non os que a industria nos fai crer que precisamos. Cada vez somos máis os consumidores que de forma autodidacta e colaboradora nos informamos e formamos para suplir as carencias dunha administración que segue negando aos consumidores ferramentas que lles permitan coñecer a realidade do sector e medrar no desenvolvemento dunha capacidade crítica.

Malia o dito ate o momento, e como avanzabamos hai un anaco, algo cambiou durante o tempo que tiveron lugar as mobilizacións dos nosos gandeiros e gandeiras. E foi o claro e unánime apoio dos consumidores ás súas reivindicacións. Apoio nos medios, apoio na rúa, comprensión e respecto por uns homes e mulleres que como dicimos son “nosos”. Os galegos e galegas medramos na conciencia da importancia que o sector primario ten para o noso País e por iso non só podemos falar de solidariedade. Esta vez imos máis aló e falamos de implicación.

Valoración positiva das iniciativas espontáneas dos gandeiros por achegarse aos consumidores

As iniciativas espontáneas de gandeiros e gandeiras para achegarse aos consumidores e conectar con eles permitiunos saber canto custa producir un litro de leite galega e que para poder producilo máis barato, hai que investir, moito diñeiro e moito traballo. Permitiunos coñecer que a industria en moitos casos paga un prezo que non só non permite obter un mínimo beneficio, senón que poucas veces permite obter un salario digno e pola contra, moitas veces conduce, e son xa milleiros, á ruína de empresas familiares.

Axudou a espertar a nosa visión crítica e permitiunos axuizar a conduta reprobable de quen aproveitando a conxuntura lanzou mensaxes enganosas sobre o prezo que pagan aos nosos gandeiros ou de quen ao tempo que asumía compromisos en Madrid desprezaba o traballo da nosa xente vendendo leite por baixo dos 30 céntimos.

“Cómpre consolidar ese xermolo de colaboración entre produtores e consumidores”

Gustaríanos pensar que han quedar atrás os tempos nos que o consumidor galego ignoraba a realidade que viven cada día moitos homes e mulleres que se esforzan para entregarnos un produto de calidade e imprescindible na nosa dieta. Pero para isto cómpre consolidar ese xermolo de colaboración entre produtores e consumidores.

En canto non se demostre o contrario, industria e distribución serán culpables da banalización do produto e as administracións cómplices pola súa pasividade e falta de dilixencia. Pero nós os consumidores tamén somos responsables, e algunhas veces cooperadores necesarios daquelas condutas reprobables. Un produto convértese en reclamo só cando “ás presas” caemos na trampa.

“Os consumidores somos os que permitimos que se venda leite a 28 céntimos o litro”

promoción leite estandarSomos nós os que permitimos que se venda leite a 28 céntimos. Somos nós os que consolidamos apostas empresariais que desprezan o produto cando se entrega como agasallo ao encher o depósito do noso coche. En definitiva, tamén nós contribuímos a que se nos engane e con razón dubidemos de se realmente estamos mercando leite ou outra cousa cando pagamos menos de cincuenta céntimos por un cartón.

Os consumidores, como parte activa da cadea, temos unha grande capacidade de influencia. Moitas veces esquecemos que temos ese poder que cristaliza cando eliximos un determinado produto sobre outro no establecemento comercial. Como consumidores responsábeis e concienciados temos que reclamar e esixir maior transparencia na cadea, e rexeitar e denunciar prácticas que atenten contra o valor do produto. Os consumidores teñen a forza e o poder necesarios como para desbotar estas prácticas manifestando a súa desconformidade coas mesmas.

 “Os consumidores temos que reclamar e esixir maior transparencia na cadea, e rexeitar e denunciar prácticas que atenten contra o valor do produto”

En canto sigan sen deseñarse actuacións de formación e información das persoas consumidoras, amplas, completas e transparentes, debemos ser críticos tamén con quen nos di que merquemos tal ou cal produto. Permítanos señora administración, que comprobemos nós a realidade das afirmacións e das mensaxes que mesmo vostede nos lanza. Os consumidores compraremos o que precisemos, compraremos onde queiramos e o faremos porque precisamos atender ás nosas necesidades atendendo ás nosas posibilidades.

Traballe vostede, señora administración, para que saibamos como se conforma o prezo de cada litro de leite, para que saibamos cando lle pagan aos nosos gandeiros e gandeiras, canto leva a industria e canto a distribución. Traballe vostede para que se saiba sempre de onde ven o leite que merco, e non só onde se envasa. Traballe vostede contra a banalización do produto e non permita que se fale de gandería sostible cando os nosos gandeiros teñen que pechar as súas explotacións.

“A administración non pode permitir que se fale de gandería sostible cando os nosos gandeiros teñen que pechar as súas explotacións”

Mentres uns e outros tomamos conciencia das nosas tarefas, consumidores e produtores demostraron que a súa colaboración ten un enorme potencial para mellorar a situación que atravesan os gandeiros. Ninguén mellor que estes para nos informar dos prezos que cobran, para coñecer os pormenores da elaboración do produto e cal son as estratexias ou mesmo os enganos aos que tanto eles como nós nos enfrontamos.

Ninguén mellor que nós para loitar contra abusos e rexeitar produtos comercializados por quen os comete. Ningún aliado mellor para reclamar unha decidida actuación dos poderes públicos na defensa do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información