Aga desenvolverá un sistema de protección das colmeas fronte a Vespa Velutina

A necesidade de atopar sistemas de protección das colmeas contra o avespón asiático foi o tema central das charlas do Día do Apicultor 2017 celebrado este sábado en Arzúa, no que Aga anunciou a constitución dun grupo de innovación no que participarán socios que están desenvolvendo modalidades caseiras da arpa eléctrica

Aga desenvolverá un sistema de protección das colmeas fronte a Vespa Velutina

Asamblea de Aga este sábado en Arzúa

A xornada do Día do Apicultor, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (Aga) e celebrada este sábado en Arzúa estivo marcada pola numerosa asistencia de público nas charlas de temática variada. Tratáronse temas como o manexo das colmeas sen tratamentos, no que se integra o respeto pola natureza cos coñecementos actuais sobre produción apícola, ou a apicultura en Etiopía, un país cun gran potencial apícola e onde a cooperativa Erica Mel está participando nun proxecto de cooperación con apicultores etíopes.

Pero principalmente falouse sobre a Vespa velutina, que continúa sendo no 2017 a gran ameaza das abellas. Os socios de Aga Ramiro Freire, Oscar Abad e Dieter Boisits presentaron as súas experiencias innovadoras coa arpa eléctrica e amosaron as vantaxes que ten a súa utilización.

Aga aposta pola arpa eléctrica para a protección das colmeas

Neste sentido, Aga anunciou a constitución dun grupo de innovación que traballará no desenvolvemento deste aparato co fin de poñelo a disposición dos seus socios e socias para protexer as colmeas fronte o avespón asiático, especialmente durante o verán, que é cando sofren maior presión, provocando que as abellas non poidan saír a pecorear e causando incluso a morte da colmeas.

Por outra parte, Laura García, asesora xurídica de Aga, fixo un resumo sobre a regulación da problemática enfatizando na importancia de que a Vespa velutina sexa tratada como especie exótica invasora e polo tanto sexa competencia da Consellería de Medio Ambiente.

Na Apiexpo, aberta ao público durante a xornada, participaron este ano varias firmas de material apícola, Lyson de Polonia, Anel de Grecia e Autoframe. Aga hoxe ademais comezou co reparto das trampas e atraentes contra a Vespa velutina que lle entregou a Consellería de Medio Rural para a captura de raíñas fundadoras durante esta primavera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información